• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Xa está dispoñible en liña o “Anuario Craega 2024”

Trátase dunha publicación que reúne a escolma das actividades e iniciativas levadas a cabo pola nosa entidade durante o 2024. Agardamos que sexa do voso interese e recomendamos a súa lectura: de seguro que será unha inmersión ben enriquecedora no sector da alimentación ecolóxica certificada de Galicia.

 

Nas primeiras páxinas explicamos cal é o papel do Consello, o seu organigrama e os órganos de Goberno e Control. Ademais, poderedes ler os textos que prepararon exclusivamente para esta publicación o Conselleiro do Mar da Xunta de Galicia, Alfonso Villares; a Conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, María José Gómez, e o presidente do Craega, Francisco López Valladares. A partir deste intre, dividimos o anuario en tres apartados diferenciados: divulgación técnica, promoción comercial e responsabilidade social.

A divulgación técnica é, efectivamente, un dos nosos piares, polo que elaboramos un resumo da última Memoria do Craega e do 5.º Barómetro. Así mesmo, puxemos o foco nos proxectos e nas xornadas nas que participamos, especialmente na que organizamos con Intereco e que se centrou no greenwashing. Tampouco nos esquecemos da poboación máis nova –eles son o futuro–, polo que este ano quixemos estar un pouquiño máis preto deles a través dunha nova sección, “Docencia eco”, a cal se nutre de artigos divulgativos pensados para concienciar e informar os nosos cativos. Finalmente, para esta primeira parte do anuario, compartimos un resumo dalgunhas das entrevistas que mantivemos con diversos expertos centradas en diferentes temáticas do noso sector.

Continuamos coa promoción comercial, na cal falamos da nosa participación no Come Local, de todas as feiras ás que asistimos, da nosa colaboración coa TVG, da campaña deste ano de Ecolóxicos a Mares e do convenio con Ternera Gallega Suprema ecolóxica. Esta sección remata co apartado de “Naturalmente comprometidos”, no cal plasmamos ata case corenta entrevistas reportaxeadas con algúns dos marabillosos operadores ecolóxicos cos que contamos en Galicia.

Finalmente, a responsabilidade social, onde agrupamos a nosa implicación co deporte e coa educación. Para os máis pequenos lanzamos, a finais de 2024, xunto con Paco Cerdeira (Pakolas), o libro de Ecoralia, a lambona ecolóxica, que inclúe cancións e unha unidade didáctica. No apartado deportivo falamos do noso patrocinio ao Club de Ciclismo Louriña, un proxecto cheo de retos con moito futuro.

Confiamos en que esta sexa a primeira edición de moitos anuarios e que os vindeiros non fagan máis que engrosar o número de páxinas, o que significará que a agricultura ecolóxica en Galicia é imparable. Esperamos que desfrutedes desta publicacións tanto coma nós!

  • Pulsa na imaxe para acceder:

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.