• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Volve Ecolóxicos a Mares! As delicias dos alimentos ecolóxicos do noso mar visitarán oito localidades galegas

Unha gastroneta personalizada coa campaña irá viaxando os vindeiros días por diferentes cidades galegas amosando a calidade dos nosos produtos ecolóxicos procedentes do mar. Así pois, repartiranse variadas e saborosas tapas, agasallos ben fermosos e folletos informativos. Non o perdas!

Ecolóxicos a Mares é unha campaña de colaboración que xurdiu o ano pasado entre o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia, co obxectivo de promover e mellorar a comercialización dos produtos ecolóxicos do mar galego. De feito, este convenio nace coa intención de seguir consolidando Galicia coma un referente no sector acuícola nacional e internacional.

Este setembro de 2024, a iniciativa pasa por unha gastroneta que amosará en oito cidades e vilas galegas (Vilanova de Arousa, Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, Sanxenxo, Lugo e Ribadeo) as bondades e as delicias dos produtos ecolóxicos que veñen do mar galego.

Vilanova de Arousa acollerá o acto de presentación este venres 13 de setembro, coa presenza do conselleiro do Mar Alfonso Villares. O restante dos días, diferentes influencers irán achegándose á gastroneta en cada unha das cidades galegas nas que fará parada. O peche de campaña será en Ribadeo o domingo día 22. Compartimos un resumo con información sobre as diferentes paradas que fará a nosa gastroneta ecolóxica:

  • Venres 13 de setembro, Vilanova de Arousa, praza dos Parques: acto inaugural coa presenza do conselleiro do Mar, Alfonso Villares. 18:00-22:00 horas
  • Sábado 14 de setembro, Vigo, Avenida Beiramar, coa presenza da creadora de contido Blondiemuser. 18:00-22:00 horas
  • Domingo 15 de setembro, A Coruña, Cantón Grande, coa presenza da creadora de contido Donkeycool. 18:00-22:00 horas
  • Mércores 18 de setembro, Santiago de Compostela, parque da Alameda, coa presenza do creador de contido Rubén Prieto. 18:00-22:00 horas
  • Xoves 19 de setembro, Ferrol, praza de Armas, coa presenza da creadora de contido Engaliciamorate. 18:00-22:00 horas
  • Venres 20 de setembro, Sanxenxo, praza dos Barcos, coa presenza do creador de contido Rogelio Santos. 18:00-22:00 horas
  • Sábado 21 de setembro, Lugo, praza Horta do Seminario, coa presenza da creadora de contido Sen Paraxe. 18:00-22:00 horas
  • Domingo 22 de setembro, Ribadeo, rúa San Francisco, coa presenza da creadora de contido Leticia Varela (Leti_LV). 12:00-16:00 horas

Finalmente, animamos as persoas que se acheguen ás diferentes localizacións polas que pasará a food truck a subir fotos nas súas redes sociais empregando o hashtag #EcolóxicosaMares. Estamos desexando ver as vosas publicacións!

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.