• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Toño Rivas, de Casa Codesal: “Co cambio á produción ecolóxica melloramos a calidade do leite, o benestar dos animais, o coidado do medio e a nosa calidade de vida”

Ángel e Toño Rivas e Maripaz Corredoira xestionan a gandería ecolóxica familiar Casa Codesal, situada en Friol (Lugo). Para as tarefas diarias contan coa axuda dun empregado, Borja Mirón. Posúen a certificación do Craega dende o ano 2003; dous anos máis tarde xa comezaron a comercializar o seu leite eco. Nesta entrevista, relatan a historia da granxa e falan sobre a importancia de traballar en ecolóxico.

 

Como e cando naceu Casa Codesal? Como foron os inicios desta granxa?

Ángel: Casa Codesal é unha explotación familiar. Aínda que está en réxime xurídico e é unha sociedade limitada, é unha explotación familiar que está composta pola miña dona, Pacita, polo meu fillo, Toño, e por min, que me chamo Ángel. Temos un traballador con nós, Borja. Sobre os inicios, podémonos remontar moito atrás, quero dicir, xa no ano 1750, no catastro do Marqués da Ensenada aparecía inventariada a nosa casa xunto con outras tres. Naqueles intres, esa casa e os terreos que hoxe mesmo estamos a traballar pertenecían a un señor en concreto, don Pedro Bolaño Ribadeneira, da Puebla de Parga, e a nosa familia estivo traballando nesa casa e nesas terras en réxime de caseiros ata aproximadamente o ano 1921, no que meu avó comprou a casa e as terras. A partires de aí, meu avó sería a primeira xeración na que fomos donos da propiedade. 

No ano 1952, xa un dos fillos, que foi meu pai, sería a segunda xeración. Fixose cargo da explotación, aínda que houbo un intre no que, por cuestións familiares, tivo que marcharse e non volveu ata o ano 1970, no que se volveu a facer cargo da explotación. Xunto con el vin eu, que tiña naqueles intres 12 anos. Naqueles momentos a explotación realmente era de autoconsumo, quero dicir, non había venda directa nin de leite; vendías algún xato, facías algún queixo…. e isto comercializábase a través das feiras preto de aquí de Friol. Con ese autoconsumo e venda de pequenos excedentes estívose ata practicamente o ano 1981, no que me incorporei eu, despois de pasar unha tempada formándome na Coruña. 

A partir de aí si que foi cando se produciron os cambios máis importantes na explotación, quero dicir, que naqueles intres ao casarme con Pacita decidimos modernizar un pouco a cousa e empezouse a comercializar xa a produción de leite. Naqueles interfixos era un establo libre que aínda está hoxe, para 24 cabezas, con sala de muxido, cubículos… o típico para aquela época. Fomos empezando e creouse unha cooperativa en Friol da que fomos partícipes. Entramos nun grupo de xestión para ir vendo como podiamos funcionar mellor. Fomos evolucionando cunha produción sempre tradicional, quero dicir, sempre respectando un pouco a tradición dos nosos antepasados de pastorear. A raíz de aí, incrementamos incluso máis base territorial, máis terreo… ata o ano 2019, creo que foi, que foi cando se produce a incorporación do meu fillo Toño á explotación, e foi cando pasamos a crear a Sociedade Limitada; daquela anteriormente xa estaba traballando na explotación desde o ano 2003 aproximadamente, ou anteriormente. 

Nese proceso, incluso antes de crear a sociedade no ano 2003, decidimos dar o paso á produción ecolóxica. Naqueles intres un pouco polo tema das cotas tamén non estabamos dispostos a producir litros indiscriminadamente, o que queriamos era seguir cunha produción máis ou menos normal, en base ao terreo que tiñamos. Entón, o das cotas tamén puido axudarnos un pouco a cambiar a idea. Por outra parte, realmente xa estabamos facendo algo sen o selo pero que era tradicional, quero dicir, pastoreábamos, coidábamos as terras, procurábamos non utilizar nada que as puidera ter en mal estado, co gando  non tiñamos demasiados problemas sanitariamente, porque desde o ano 1990 tiñamos pechada a explotación á entrada de gando. Todo o gando que había era propio da explotación, non entraba nada, só saía. Sanitariamente isto axudounos moito. A partir de aí, xa digo, ata o ano 2019 que se creou a sociedade limitada, agora o meu fillo Toño é o que realmente se encarga da explotación. Nós axudamos un pouco, pero xa estamos nunha idade un pouco próximos á xubilación, ou xa na xubilación, pero a pesar diso seguimos interesados en botar unha man e seguir sostendo isto que nos parece que é bo para a sociedade e para nós mesmos.

Dende que ano contades coa certificación do Craega?

Ángel: A data de inscrición foi en abril do 2003 e comezamos a comercialización de leite ecolóxico en abril do 2005, despois de dous anos de reconversión. Naqueles intres, a venda do leite, como non podía ser doutra maneira, era a Lactalis, que era a única empresa que comercializaba leite ecolóxico. Foi á que comezamos a venderlle e estivémoslle vendendo a Lactalis desde o 2005 ata o 2017. Nesa data prodúcese un cambio, hai máis axentes comercializadores, entra Celta e tamén xurdiunos a oportunidade de poder venderlle a Casa Grande de Xanceda, unha explotación que estaba xa desde os inicios producindo leite ecolóxico coma nós. Pareceunos unha boa idea o feito de poder comercializar o leite a través deles, dado que estaban facendo un produto de moi boa calidade e o que queriamos era que o noso leite tamén servise para aproveitarse en produtos de calidade.

A día de hoxe seguimos con Casa Grande de Xanceda e esperemos que no futuro tamén poidamos seguir con eles.

 

Como xurdiu entón o cambio do convencional ao ecolóxico?

Ángel: Non é que nós nacésemos ecolóxicos, quero dicir, que tivésemos unha iniciativa, porque realmente o eramos sen sabelo. É dicir, estabamos facendo prácticamente o que estamos a facer. Agora si, baixo un control do Craega, pero é que estamos a facer practicamente o mesmo que faciamos. Pastoreábamos, non usábamos moito concentrado, non se empregaban físico-químicos… Residualmente poderían nalgún momento utilizarse, pero non se estaba a facer. Pareceunos que era algo que podiamos facer ben, pois xa o estabamos facendo. Era a maneira de buscar, ao mellor, un pouco de valor engadido á nosa produción, dado que non estabamos interesados en producir tampouco, digamos, en aumentos como se estaba a producir no leite convencional, quero dicir, de aumentar, aumentar, aumentar… Nós queriamos producir un leite de calidade e cuns litros que nos permitisen vivir, manter a explotación e ter un nivel de vida normal e nada máis. Entón non queriamos seguir producindo moitos litros, queriamos que os litros que fixésemos fosen de calidade e poder comercializalos como leite, digamos, máis saudable.

“Queriamos que os litros que fixésemos fosen de calidade e poder comercializalos coma un leite máis saudable”

Que beneficios notastes coa conversión ao ecolóxico, tanto nos animales, coma nos prados e no leite?

Toño: A verdade é que no tipo de gandería que xa practicabamos antes de producir en ecolóxico, todo funcionaba bastante ben, tanto os prados como as vacas. Si que é certo que o cambio a ecolóxico aínda mellorou máis todas esas condicións. As vacas duran moito máis, teñen moitísimos menos problemas sanitarios, os prados tamén funcionan moito mellor… Aínda que a produción sexa menor que nunha agricultura convencional, a verdade é que funciona mellor e teñen menos problemas de enfermidades, tanto os prados como as vacas.

Tedes barreiras que dificulten o voso traballo diario? Co tema do paso ao ecolóxico xa tedes un método de traballo efectivo, sen ningún tipo de problema…?

Toño: Para nós realmente o paso ao ecolóxico foi algo natural de pasar xa dunha agricultura que era ecolóxica sen sabelo, pero non tiña o selo, non tiña ese recoñecemento, pero funcionaba como tal. Nós non atopamos problemas e o que encontramos foron vantaxes, no sentido de que melloramos a calidade do produto, principalmente, o benestar dos animais, o coidado do medio, e nós tamén melloramos a calidade de vida.

Por que cres que a xente debería consumir leite e alimentos eco en xeral?

Toño: Penso que o consumidor debería ter máis información do que é a produción ecolóxica para así poder valorar realmente o que son ese tipo de produtos. Valorar a súa calidade, o benestar animal que hai detrás desa produción e o coidado do medio ambiente. Realmente penso que non se valora o suficiente a saúde, que ao final é o principal desta vida; se non tes saúde non podes facer nada máis, co cal penso que esa información debería correr da nosa parte e do Craega para que o consumidor vexa realmente as vantaxes deses produtos.

Que vantaxes vos achega contar coa certificación do Craega?

Toño: Achéganos primeiro, ao consumidor, unha garantía de que ese produto é da máxima calidade, que cumpre as máis estritas normas de coidado do medio, dos animais e de toda a produción, que cumpre con todas as normas marcadas e a nós tamén nos garante saber que estamos facendo as cousas ben, que estamos indo polo bo camiño e que non só chega con dicir e facer as cousas ben, senón contar cun organismo exterior que certifique ese tipo de produción realmente é moi valorable.

Hai algo que vos gustaría que mellorase no proceso da obtención da certificación?

Toño: No proceso da certificación non temos moito que dicir, estamos contentos coa forma que teñen de traballar e co que nos esixen e non temos nada que dicir con respecto a iso. Estamos contentos con ese tipo de certificación.

Cal é a túa experiencia como traballador nunha gandería ecolóxica?

Borja: Despois de ter pasado por moito tipo de ganderías, ao final decanteime por unha ecolóxica, pola comodidade que sentes, coma se foses da familia. Se amas de verdade o sistema ecolóxico, o sistema de pastoreo, o que desfrutas todos os días é poder saír co gando os prados e traballar sempre mantendo a conservación dos prados e da natureza, de todo o que nos rodea, sempre para ir mellorando, pero o máis natural posible e o máis cómodo. Tamén destaco a flexibilidade horaria.

Que consello lle darías a alguén que queira pasarse dunha xestión convencional a unha ecolóxica?

Borja: Pois eu aconsellaríalles que antes de pasarse a ecolóxico, que xa se pasasen a un sistema de pastoreo o máis natural posible, para que a transición fose o máis livián posible, e que valorase todas as vantaxes que ten o sistema ecolóxico frente ao convencional.

Cales son os plans de Casa Codesal a longo prazo? Cambiar en algo, mellorar, mantervos como estades…

Toño: Como plans de futuro en si non hai nada concreto, principalmente seguir o camiño que temos xa andado e mellorar no posible, sempre pensando no medio ambiente e nos animais e en buscar tamén unha calidade de vida.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.