• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Sandra Suárez, de Maruxas de Nata: “Cada vez hai máis información dos beneficios do consumo ecolóxico fronte aos prexuízos do consumo doutro tipo de sistemas de produción”

Sandra Suárez forma parte do proxecto de Maruxas de Nata, que naceu xa en ecolóxico no ano 2010 e trasladouse no 2016 a San Sadurniño (A Coruña). A idea era elaborar un produto sinxelo e rico de xeito ecolóxico e artesanal e, xa de paso, aproveitaron para darlle utilidade a unha propiedade familiar que antigamente era unha granxa de vacas de leite.

 

Como foron os inicios de Maruxas de Nata? Que foi o que vos levou a querer transportar aos consumidores á súa infancia, como vós dicides?

Os inicios de Maruxas de Nata viñeron dados por unha ilusión que tiñamos de recuperar esta propiedade familiar, de instalar nela algo que nos producise paixón, e xurdiu a idea de elaborar aquí estas ricas galletas de nata. A idea era facer algo moi sinxelo, cuns ingredientes que fosen representativos das receitas tradicionais de Galicia de toda a vida, e que mellor que unhas galletas de nata nesta propiedade, que ademais foi unha explotación gandeira familiar con vacas de leite. Entón, son receitas moi tradicionais, da zona de San Sadurniño, penso que de Galicia enteira, sobre todo onde había vacas, o aproveitar esa nata que, despois de ferver o leite, quedaba tan rica, e se utilizaba para facer estas galletas de nata ou as bolas da tixola. Entón, pensamos que conxugar eses dous patrimonios, o patrimonio material, que era a nosa casa, a nosa propiedade aquí en San Sadurniño, co patrimonio inmaterial, que é esa receita tan rica e tan natural, era unha solución óptima para cumprir o noso desexo de revitalizar esta propiedade.

Estades moi comprometidos coa cultura galega. Como vos fixo sentir poder ser patrocinadores do Xacobeo 20-21?

Nós desde o principio tiñamos claro que Maruxas de Nata non se podía quedar simplemente nun obradoiro que fai galleta tradicional, senón que tiña que ir un pouco máis alá e, sobre todo, poñer en valor as tradicións da cultura de Galicia. Xurdiu o do Xacobeo, pois como efectivamente o Ano Santo Xacobeo é algo que caracteriza a Galicia por riba probablemente de calquera outra iniciativa, pensamos se sería posible participar. Sempre viamos empresas moi grandes que o patrocinaban, pero non nos importou chamar para ofrecer a nosa colaboración. Desde a Consellería de Turismo dixeron que suposto, que ademais Maruxas de Nata era unha marca moi representativa, polo que dicías, do noso compromiso coa cultura e coa tradición de Galicia, e que estarían encantados de que formásemos parte dese patrocinio. Entón, así empezou, simplemente con esa chamada telefónica, con esa inquietude que tiñamos de participar nese evento tan importante para Galicia, tan importante dentro das nosas fronteiras e fóra, e pouco a pouco fomos tecendo ese patrocinio co que quedamos tan agradecidas e tan contentas.

Comercializades por toda España?

Si. O noso cliente principal está en Galicia, a maior parte da nosa produción vai para Galicia, mais é certo que temos representación en practicamente todas as capitais de provincia do resto de España. Todo empezou aquí en Galicia, con tenda pequena, así que estamos tamén moi comprometidas coa posta en valor do produto quilómetro cero, do comercio local, polo tanto, traballamos con pequeno comercio, con comercio que traballa con produto fresco, con produto gourmet; e, sobre todo, sabemos que o produto vai ser tratado de forma diferenciada. Fuximos un pouco do que son as grandes cadeas de distribución. A partir de aí, empezamos a ter chamadas de tendas e de establecementos dese estilo do resto de España. Hoxe en día temos que dicir que practicamente en cada capital de provincia temos unha tendiña ou un punto de venda de Maruxas de Nata.

Desde o inicio xa tiñades claro que queriades producir de xeito ecolóxico ou foi algo que chegou máis tarde?

Desde o inicio, cando collemos este proxecto, xa tiñamos claro que tiñamos que continuar coa nosa filosofía de producir dunha forma sostible medioambientalmente. Tiñamos a profunda convicción que iso tiña que ser con produto local ou con materia prima local ata onde se puidese, porque efectivamente o azucre non o temos aquí en Galicia, temos que traelo de fóra, pero si que tiñamos claro que iso tiña que ser así e ademais que o produto debía ser ecolóxico, porque entendemos que o traballar en ecolóxico é a única forma de garantir que realmente se poden levar a cabo proxectos no rural que sexan sostibles e duradeiros e que teñan unha continuidade no tempo, e que non sexan simplemente proxectos burbulla para gañar cartos nun determinado momento, senón que ten que ser un proxecto sostible desde o punto de vista económico, pero nós temos moi claro que tamén debe ser sostible desde o punto de vista medioambiental.

Desde cando contades coa certificación do Craega?

Desde os inicios de Maruxas de Nata. Nacen no ano 2010, trasládanse aquí a San Sadurniño no ano 2016, pero xa no momento do seu nacemento nacen como produto ecolóxico, porque esa foi unha das premisas fundamentais sobre as que pivotou este proxecto, que todo xirara a través ou ao redor dunha forma de vida e unha filosofía en ecolóxico.

Como explicarías ti á sociedade a importancia que ten este tipo de produción?

Eu penso que cada vez estamos máis concienciados do que comemos, da calidade das nosas materias primas, de onde vén a orixe de todo o que comemos. Entón, a comida procesada ou ultraprocesada estamos vendo toda a problemática que trae. Estamos vendo non soamente a problemática que trae para a saúde, que iso xa é importantísimo, senón a problemática que trae para a saúde do medio ambiente, dos nosos bosques, do noso entorno. Polo tanto, o consumo en ecolóxico creemos que é o único que respecta a calidade de vida, que é o único que respecta as condicións medioambientais, a sostenibilidade ambiental e que, sobre todo, nos vai a garantir un futuro do planeta, porque doutro xeito, imónos comer o planeta, imos quedar sen recursos. Se non coidamos o que temos para poder seguir producindo e non o facemos dunha forma tradicional e sostible, probablemente en pouco tempo nos quedemos sen recursos. Eu penso que iso é algo do que estamos moi concienciados na actualidade, que cada vez máis o consumo ecolóxico está tirando para arriba, precisamente porque cada vez hai máis información dos beneficios do consumo ecolóxico fronte aos prexuízos do consumo doutro tipo de sistemas de produción.

Que importancia ten contar coa certificación ecolóxica? Cres que é algo que lle dá confianza aos consumidores?

Creo que é moi importante contar co selo de ecolóxico por varias cuestións. É unha forma de non confundir aos consumidores para que saiban o que están inxerindo, que leva unha trazabilidade dende o seu inicio, dende o nacemento das materias primas, que lle vai a garantir que ese produto ten todas as cualidades, as circunstancias e as características que a lexislación en ecolóxico esixe. Encontrámonos con moito produto no mercado onde aparece a mención de bio ou orgánico, que entendemos que pode ser moi confuso para o consumidor. En cambio, se ten o selo en ecolóxico, sabe perfectamente que ese produto está certificado polos organismos reguladores competentes, neste caso, en todos os nosos packaging, vai o selo da agricultura ecolóxica de Galicia e vai o selo da agricultura ecolóxica europea. O consumidor sabe claramente que este produto está certificado polos organismos reguladores. O que poña bio, o que poña orgánico, a falta dos selos, efectivamente non nos dá a garantía de que ese produto cumpra coas garantías que se necesitan para poder producir ou para poder vender en ecolóxico. Pasa o mesmo co selo de artesanía alimentaria que tamén temos. Garante ou recoñece a aquelas empresas que seguen unha elaboración tradicional, que seguen unha produción artesanal e manual, ausente de mecanización e, desa maneira, podémolo utilizar nos nosos packaging porque tamén estamos rexistradas como tal. Por tanto, estes selos parécenme moi importante para impulsar esta produción local que normalmente é a que eleva este tipo de selos e, sobre todo, que non se confunda con outro tipo de produtos que, a pesar de levar nomenclaturas como artesás, como ecolóxicos, non o son porque non están certificados. 

“O selo garante que ese produto ten todas as características que a lexislación en ecolóxico esixe”

Que consellos lle darías a unha persoa que se quere iniciar neste tipo de produción ecolóxica?

Eu penso que o que deben facer é un exercicio de introspección e ter en conta que o que queiran facer ten que ser unha paixón para eles. Entón, teñen que estar moi convencidos dos valores e do traballo que vén detrás de producir en ecolóxico, porque efectivamente os custos soben, non é sinxelo, hai que pasar unha serie de cánones ou unha serie de inspeccións que outro tipo de produto non o fai, pero para acadar ou para poder estar satisfeito con todo ese traballo é algo que tes un pouco que levar dentro, como digo eu. O que quere traballar no rural é que tivo que nacer con esa paixón polo rural; eu penso que tes que ter aí dentro do teu pensamento, da túa personalidade, tes que ter claras diversas cuestións. No caso de ecolóxico igual, tes que ter un compromiso firme co rural, co comercio local, co medio ambiente, para estar realmente convencido de que queres producir en ecolóxico. E a partir de aí xa pouco máis hai que dicir. Creo que para as persoas que temos este sentimento é a única forma de produción posible e a única forma como nós entendemos este mundo empresarial. Entendémolo como envorcar todas as nosas vivencias, os nosos coñecementos, a nosa crianza no rural, envorcalo cara o consumidor en xeral. Eu penso que así o consumidor vaite entender moi ben. Non que o fagas porque sexa unha moda, porque iso non me parece que ao final sexa unha garantía de éxito, senón que o fagas porque tes o firme convencemento e o firme compromiso de facer as cousas así. 

Cales son os vosos plans de cara ao futuro? Seguir na mesma liña, cambiar en algo, mellorar en algo?

O obxectivo fundamental que temos é seguir o noso camiño. Eu penso que para que algo teña unha continuidade, teña un certo éxito, non podes perder a perspectiva. Quero dicir, se ti tes algo pensado, neste caso este proxecto, para que se converta nun proxecto de revitalización do noso territorio, de posta en valor da nosa tradición, da nosa cultura, penso que non te podes saír de aí. Telo sempre moi claro, porque escoitamos moitas veces, temos moitas ofertas, cantos de sirenas, para aumentar a nosa produción e facelo doutro xeito, utilizar outro tipo de materias primas que nos permitisen unha elaboración máis masiva. Estamos fóra dese camiño neste momento. Entón, o único que queremos é poder seguir con este camiño, poderlle dar continuidade a este proxecto, dende logo seguir aprendendo, porque si que o facemos, estamos nunha formación continua, e todo o que poidamos mellorar, por suposto que o faremos, pero sempre darlle prioridade aos nosos obxectivos fundamentais, que son recuperar a tradición, manter a calidade e poñer en valor o noso entorno rural.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.