Rubén Fernández é o conselleiro delegado de Casa Castelao (A Fonsagrada, Lugo), por tanto el leva a xestión desta empresa familiar que comezou a interesarse pola produción ecolóxica no 2014. Os inicios do negocio pasan polo seu tío Julio, co recordo que el tiña da súa nai, Carmen. Na actualidade, Casa Castelao continúa a medrar defendendo e apoiando a certificación en ecolóxico.
Como naceu este negocio familiar e en que ano?
Casa Castelao nace alá polo ano 1999. Eu proveño dunha familia de emigrantes. Na miña familia, por parte de pai e por parte de nai, hai moitos anos atrás, como era habitual en Galicia, a xente emigraba en busca dun destino onde puidese ter unhas melloras de vida. Neste caso, por parte de pai, meu tío Julio Fernández, con 14 anos, sendo un neno, tivo que deixar a súa casa natal na procura dun futuro mellor. A vida levouno á Coruña, anos máis tarde a Barcelona. Dende o minuto cero foi un líder, unha persoa cunha capacidade de crecemento e desenvolvemento profesional impresionante. Tiña algo especial e iso faille que non teña medo a absolutamente nada. Como non tiña nada, o único que podía facer era ir cara adiante. El, de feito, utilizaba moito unha frase: coller impulso soamente para adiante. Cara atrás soamente cabe ter a experiencia e mirar para adiante, que é o que el fixo ao longo de toda a súa vida: reinventarse, crecer e formarse. Entón, é unha persona que triunfa no mundo profesional, con empresas en diferentes sectores, e xa cando tiña en torno a uns 40 e pico, 50 anos, insisto, triunfador no mundo da empresa, neste caso audiovisual, e na construcción foi tamén un crack, pois decide, xunto cuns compañeros, crear algo aquí na súa terra natal de maneira que poida crear un futuro para a sociedade de aquí, dos seus veciños. Así naceu Casa Castelao no ano 99, un proxecto moi pequeniño, de carácter tipo familiar, onde o ADN, o común denominador, era tratar de sacar un produto da máxima calidade para presentar nos diferentes mercados, onde a aposta é pola calidade máis ca en volume, para ter un produto diferenciador, de valor engadido, e así nace Casa Castelao, dunha forma moi sinxela, moi humilde e, co paso dos anos, Casa Castelao vai entrando en novos mercados, en novas liñas de negocio, e se vai desenvolvendo.
Que embutidos e carnes elaborades en ecolóxico?
Ademais do comentado previamente, Julio sempre tiña o recordo presente da súa nai, Carmen, que, de feito, fixemos unha liña de embutidos en honor a ela polo seu bo facer. Era unha señora que, á parte de que foi unha muller moi loitadora e emprendedora, tivo oito fillos. Eran tempos moi complicados, meu tío xunto co resto de irmáns sempre lembraban o bo facer da miña avoa. Cando chegaba a época de frío e se facían as matanzas, ela era unha peza importante dentro deste quebracabezas, porque ela se encargaba de facer os embutidos todos. Tiña man para elaborar un embutido moi especial, á parte dos butelos, as morcillas, os chourizos… Entón, con ese recordo, lévase a cabo este proxecto. Nós nacemos coa idea de presentar un produto no mercado de calidade, dende A Fonsagrada, onde temos un microclima de frío, estamos practicamente a mil metros de altitude, entón, este é un punto importante á hora de elaborar produtos de máxima calidade. O noso ADN nos leva a tratar de apostar por liñas de negocio que vaian moi en torno e en liña co produto típico do que se elaboraba antigamente aquí en Galicia. Cando falamos de Galicia, moitos anos atrás, falamos de porco.
O porco tivo un peso moi importante ao longo dos anos. Nós quixemos manternos nesa mesma liña; tratar, se cabe, de manter o bo facer, por tanto, o traballo artesanal é importante, o microclima da zona é importante, pero tratar de ir nesas liñas de produtos diferenciadores tamén, que ao mesmo tempo nos permitan no mercado non ser unha opción en cantidade, pero si ser unha opción cun produto diferencial pola súa calidade, é algo que se facía antigamente, típico do chourizo, o butelo, a androlla, o lacón, a cacheira… A medida que ía pasando o tempo, nós nos sentiamos coa necesidade de seguir metendo algo máis. Daquela estábase a falar moito do que era o porco que antigamente predominaba en toda a casa de fillo de veciño da aldea, que era o porco celta. Nós nacemos, sempre o digo, e agora estamos de 25.º aniversario, con esa idea de poñer en marcha produtos diferenciadores. O porco celta nos encantaba, porque era o porco que había antigamente nas nosas casas nos anos 50, 60 e 70. Era o porco que tradicionalmente predominaba en todas as aldeas, que despois, pouco a pouco, se foi perdendo basicamente por unha razón de… non de calidade, pero si que claro, se empeza a introducir un porco no mercado que é capaz de engordar antes, por tanto se pode sacrificar antes, se alimenta en menos tempo, ten menos custos de alimentación, entón a xente empezou a dar o paso ao porco este industrial en prexuízo dun porco da máxima calidade como era o porco celta. Dende o minuto cero, nos mantivemos coa idea de que este era un produto que tiña que formar parte dentro do noso proxecto.
Deste xeito, desenvolvimos unha serie de produtos en torno ao porco celta e anos máis tarde… coa mesma liña, cando se empeza a falar moito do porco ecolóxico e saímos das nosas fronteiras e entramos, por exemplo, no mercado europeo, fundamentalmente en Alemaña, que é un mercado potencial en produción e en consumo de porco ecolóxico, nos chamou moitísimo a atención. Así que, alá polo ano, máis ou menos, 2014, lle empezamos a dar voltas á posibilidade de ter unha liña máis dentro do noso proxecto e portfolio que é o porco ecolóxico. Empezamos con moita forza. Unha das dificultades, a diferenza do porco celta, que si que mantivemos máis ou menos unha produción estable dentro dos diferentes operadores e produtores que hai ao longo da xeografía galega, no porco ecolóxico temos un poquiño máis de dificultades para conseguir unha cantidade un pouquiño máis a xeito. Entón, estamos concentrados coma no resto de liñas de negocio, máis alá dun volume de cantidade, apostar por un produto de calidade, certificado e cun valor diferencial. Aínda por riba, eu creo que hoxe está moi da actualidade o porco ecolóxico, que nos próximos anos a tendencia de crecemento ten que ser exponencialmente moi importante, porque cada vez máis hai xente que se preocupa por comer mellor e máis sano.
En ecolóxico fómonos especializando moito. Démonos conta de que, ao igual que co porco celta, matamos moito porco, pero, obviamente, para facer según que produtos necesitamos máis unidades de venda. Por exemplo, chega a época de Entroido e temos que mercar moita costela. Nós todo o que traballamos é en fresco, por tanto, non seriamos capaces de comprar porcos sabendo que cada porco ten dous costillares, teriamos que mercar e ter unha industria enorme, con moito persoal, para poder sacar a produción para adiante. Por tanto, quero dicir que a diferenza da liña xeral de Casa Castelao, da liña de Duroc, e porcos e produtos máis típicos arraigados á xeografía galega, nos demos conta que co porco celta e co porco ecolóxico, por exemplo, tiñamos que integrar a unidade ao 100 %. Quero dicir, que se queremos mercar despece non vamos a ter esa posibilidade, non hai esa opción. Por tanto, nós mercamos os porcos e chégannos aquí en forma de canal e a partir de aí nós o transformamos en diferentes produtos.
Que ocurre? Que co paso dos anos nos fomos especializando cada vez máis. Empezamos con moita forza e cunha ampla liña de artigos. Pero, ao final, no que nos especializamos fundamentalmente foi neses produtos que máis demanda teñen no mercado, por exemplo, o chourizo e a panceta. Son dous produtos do porco que facemos de forma habitual. Logo tamén o xamón ecolóxico. O que ocurre é que estamos nun momento, nun ciclo económico, onde hai variables que, dalgunha maneira, pois… Aquí si que non tratándose de produtos de cantidades, senón de calidade, por conta tamén nos encontramos que a produtos máis caros, por tanto máis sanos, máis complicados, porque falamos de produtos de moi pequenas producións, cunha alimentación en liberdade, en fin, hai unhas certificacións por medio e o que vén é a certificar, a avaliar, garantir que eses produtos se fan dentro duns parámetros, co cal iso é fantástico, pero tamén non é menos certo… que nos obrigamos e nos obrigan a ter que ir en prezos un pouquiño máis altos. Neste momento o contexto neste ciclo económico fai que dalgunha maneira tamén penalice un pouquiño o seu consumo, sobre todo en mercados que aquí en Galicia temos o rural, temos a aldea moi próxima. Hai esa frase típica: “Por favor, máis casero ca o que fai a miña tía, ou a miña avoa, ou os meus pais…?”. Claro, pero con pequenas diferenzas. O ecolóxico, por exemplo… estamos a falar de que hai unha raza determinada, cunha alimentación determinada, as vacinas neste caso non as hai, son porcos criados fundamentalmente en liberdade. Hai bastante diferenza. Se alimentan de produtos naturais en fincas que están preparadas e habilitadas para poder producir, posto que unha finca para que poida ser posible producir nela, teñen que pasar entre 2 e 4 anos dende que houbo unha produción previa dalgún tema. A certificación é moi clara e é perfectamente contundente. Nese senso, creo que cando falamos moi de casa a nivel rural, que si, que se fan cousas magníficas, fantásticas, pero aquí se cabe hai unha certificación de por medio que avala que ese produto se produce, se elabora e se transforma dentro dun contexto que obviamente eu creo que é enriquecedor e é fantástico para o consumidor final. A nivel doméstico, sen ánimo de entrar moi en xogo, creo que aí hai moitas cousas. Ti podes coidar un animal con moito cariño, con moito esmero, cunha alimentación súper sana, pero hai pequenas diferenzas importantes.
Como é un día normal en Casa Castelao?
Agora estamos en plena campaña de Entroido e en Casa Castelao é un día moi movido, porque nós empezamos a traballar produtos moi arraigados a tempos de inverno, de frío. Co paso dos anos, Casa Castelao tratou de ir reinventándose e entrando en novas liñas de negocio que nos permitan ter, senón unha liña plana no tempo, nos 12 meses, pois si que tratar de elaborar produtos que nos permitan ter unha regularidade no tempo, porque se non seriamos basicamente unha empresa moi especializada en outono/inverno, en produtos de pucheiro, curados e para facer os cocidos no Entroido. Entón, temos unha plantilla bastante estable. Nós, de feito, no inverno si que se incrementa substancialmente o traballo. Traballamos en dous turnos. Logo, na primavera e no verán, traballamos soamente no turno de mañá, dende as sete da mañá ata as tres da tarde. Si que é moi movido porque estamos nunha zona de montaña onde todo o que é o acopio de materia prima, teñen que vir os camións a traernos a materia prima aquí, sexa dun tema, sexa doutro. A partir de aí, a empresa foise facendo cada vez máis grande, traballamos en diferentes liñas, tanto en fabricación, en cocidos, en salazóns e en curados. Temos unhas salas, contamos cunha instalación moderna, con maquinaria moi de actualidade, na que hai unha combinación co traballo artesanal, porque a pesar de que estamos aquí na montaña e o clima nos axuda moito para elaborar produtos da máxima calidade, con control de humidade, con control de temperatura, seguimos facendo un traballo tamén moi artesanal. No verán traemos unha cantidade de leña de carballo para logo facer o lume durante todo o ano. En fin, traballamos en produtos moi naturais. O traballo é súper movido, porque o cadro de persoal foise ampliando de forma continua e iso é moi bonito, porque fomos facendo tamén investimento tras investimento e, cando medras, pois sempre é bonito ver que a partir do traballo, do esforzo, do sacrificio e de facer as cousas o mellor posible, nunca damos un balón por perdido e sempre tratamos de dar un pasiño máis. Somos moi paixonais, cremos moito no que facemos, para nós é parte da receita do éxito, crer no que temos entre mans. A partir de aí, esa combinación entre tecnoloxía, maquinaria e persoal, moi arraigado aquí tamén á comarca, conseguimos facer un producto da máxima calidade e temos entretemento suficiente para facer todos os días e non aburrirnos.
Ata onde chegan os vosos produtos?
Temos mercados moi diversos. Obviamente, en España, no mercado español, podemos dicir que temos maior ou menor cantidade de presenza en case calquera comunidade autónoma. Saíndo de España, temos presenza importante en Portugal. Estamos vendendo na actualidade en Suíza, en Francia e na Alemaña. Temos chegado tamén ata a República Dominicana. Agora temos aí temas en marcha para seguir potenciando sobre todo o mercado en Europa, posto que dende hai unhos anos é cada vez un pouco máis complicado en según que mercados, como por exemplo en Inglaterra, onde tiñamos tamén certa presenza, mais raíz do Brexit as cousas cambian, e así sucesivamente noutros países que costa. Porén, a nosa mentalidade non é soamente local. Obviamente, para nós é fundamental ter posicionamiento de marca, produto, no noso mercado próximo, en Galicia, e obviamente no resto do mercado español, pero en Galicia de forma fundamental, porque creo que a partir de aí o paso obviamente por natureza e por lóxica, nos vindeiros anos temos que seguir levando á consolidación no mercado europeo para pensar noutros mercados continentais. En Europa é máis fácil, porque ao final tamén está aí, non hai distancias, hai un consumo importante de produto español. Nós queremos ir pouquiño a pouco, posto que para nós, a pesar de que contamos cunha instalación moderna e con capacidade para facer máis cousas, o volume non é unha opción. Por tanto, todo o que xire en torno á calidade e á diferenciación é o que nos vai permitir mantenernos e crecer nos próximos anos.
Esta fin de semana celébrase a Feira do Butelo da Fonsagrada. Que importancia ten para vós este evento? Que papel xogades nel?
A Feira do Butelo practicamente naceu coa nosa posta en marcha. Eu diría, sen ánimo tampouco de querer ter máis protagonismo ao respecto, porque non se trata diso, eu creo que na Fonsagrada contamos cun produto fantástico, cun produto gastronómico que é un embaixador impresionante, como é o butelo. É un produto que a nivel de cultura eu creo que tamén é moi destacable porque a cultura en Galicia xira moito en torno á alimentación e aquí na Fonsagrada temos esa sorte. Eu lembro cando ía á universidade e levaba butelo para compartir cos meus compañeros de universidade lles parecía fantástico: “Pero isto que é? Como se cociña?”. Por tanto, era un produto que antigamente se elaboraba para poñer días moi concretos, moi importantes, como podía ser o día de Nadal, de Noiteboa, en fin de ano… Noutros sitios consumían outras cosas, nós consumiamos o noso produto típico que para nós tiña un valor diferencial. Por tanto, o feito de poñer en marcha a Feira do Butelo, dalgunha maneira nos beneficia ás industrias cárnicas da zona, pero indirectamente nos beneficia tamén como paisanos, como veciños, como vila, porque é un elemento que nos permite divulgar a nivel gastronómico. Un produto co que contamos aquí na Fonsagrada e ao mesmo tempo turisticamente non deixa de ser un reclamo. Nós, no que é a Feira do Butelo, Casa Castelao tivo un papel moi importante, porque onde queira que vaia a empresa, cos seus produtos, leva o nome da Fonsagrada. Por tanto, dende o minuto cero, onde queira que estea: en Suíza, en Alemaña, en Francia, en París, en Lisboa, en Madrid, en Cádiz… pois, dalgún xeito, está facendo unha promoción indirecta da súa terra natal, da súa orixe. O butelo, para nós, eu sempre falo moi en torno á importancia que tivo ao longo da historia o porco en Galicia, porque é unha realidade, tivo un peso moi importante, e o butelo para nós foi un produto diferenciador que nos axudou tamén a crear un mercado. Onde queira que vendamos en practicamente o máis do 90 % dos nosos clientes, ou un pelín menos, nos coñecen polo butelo. Para nós é importante. Nós crecimos co butelo na Fonsagrada e A Fonsagrada creceu tamén grazas a nós por apostar por un produto tan arraigado aquí á comarca, crear tantos postos de traballo e xerar riqueza.
Empezastes no 2014 co tema do ecolóxico. Contades desde ese ano coa certificación ou chegou algo máis tarde?
Chegou un pelín máis tarde, se ben é certo que o que son os trámites burocráticos se axilizaron bastante rápido. En calquera caso, para nós foi un punto de inflexión importante, porque estabamos con ampliacións previstas alá polo ano 17, e foi un dos produtos piares por aquel entón co que contabamos para seguir crecendo dentro do noso plan de expansión. O estabamos volcando totalmente na liña de ecolóxico. Na actualidade tamén temos un nivel de mercado importante, sobre todo nestes dous-tres produtos, pero bueno, con vistas a poder seguir dando pasiños e seguir crecendo na liña de ecolóxico.
Que teñen de especial os embutidos e a carne que se produce en ecolóxico? Hai diferenzas coa convencional?
Si, e notorias. O sabor do ecolóxico é lixeiramente máis suave ca, por exemplo, o que pode ser o porco celta ou a panceta Duroc, que é outra das liñas de negocio na que traballamos. A que é debido? Fundamentalmente, nós temos as tres liñas de negocio perfectamente enmarcadas. Son tres liñas nas que as razas que traballamos son perfectamente claras, contundentes. O sabor, ben sexa pola produción do propio animal, coma polos produtos que utilizamos para a curación final, fai que o produto sexa lixeiramente máis suave. O chourizo, por exemplo, se lle dá tamén un pequeno afumado, típico de aquí, sen que sexa así moi importante. O pimentón, ao ser ecolóxico, ao traballar con produtos ecolóxicos á parte da materia prima en cuestión, pois fai que o produto sexa moito máis suave ao paladar.
Na casa, miña muller e miñas fillas son consumidoras e somos consumidores habituais destes produtos. Ás veces levamos de porco celta, outras veces levamos do convencional. Incluso as miñas fillas sendo máis pequenas, máis cativas, notan perfectamente o sabor diferencial entre uns e outros. O tema non é dicir que se é mellor que se é peor. Son diferentes. É como dicir: “Este viño como é caro, ten que ser bo”. Non necesariamente. Non por ser máis caro, ten que ser mellor. A ti como consumidor che pode gustar máis un ou che pode gustar outro. Pero non necesariamente porque teña un prezo máis alto che ten que gustar máis. Isto é importante telo en conta, porque eu creo que na cultura aquí en Galicia, co tema de ecolóxico, co tema de natural, hai diferenzas. Eu creo que moitas veces o consumidor nese sentido se perde un pouquiño: “Pero entón, por que é máis caro?”, Claro, isto é moi sinxelo. Se ti para mercar un porco convencional che leva catro ou cinco meses nunha granxa industrial, para criar un porco ecolóxico mínimo vaiche levar uns nove ou doce meses, co cal xa son tres ou catro veces máis que o porco convencional. A partir de aí, os custos da materia prima para elaborar este tipo de produto nun espazo moito máis amplo, a diferenza do industrial, que tamén ten uns efectos economicamente importantes. Traballar cun pimentón ecolóxico non é o mesmo que traballar cun convencional. Traballar cunha sal ecolóxica non é o mesmo que traballar cunha que utilizamos ao mellor nun momento dado para un produto de salazón convencional. Estes matices fan que o produto final sea, por un lado, máis caro, que sea un produto tamén perfectamente sano, obviamente, e que a nivel de sabor, pois, ten un sabor, pois, moito máis suave. Nós traballamos unha raza 50 % Duroc tamén no ecolóxico, ao igual que na liña convencional, porque fai que a carne sexa máis melosa e máis entreverada. Ten un punto de sal máis axustado e nos gusta despois darlle un pouquiño ese selo que nos caracteriza como Casa Castelao na Fonsagrada, xogar un pouquiño coa climatoloxía que temos, dentro dunha instalación moi capaz para facer produtos da máxima calidade, porque creo que iso tamén é importante. Non soamente partir dunha boa materia prima, xa que podendo partir dunha moi boa materia prima podemos ter unha mala transformación ou un mal proceso, e a partir de aí conseguir por contra un resultado final nada satisfactorio. Ao mesmo tempo, podemos partir dunha moi boa materia prima, ter unha instalación que nos acompaña para facer un produto… dentro duns parámetros en canto a control de temperaturas e facer un proceso o máis homoxéneo posible, porque isto non vai de facer moi ben un produto un día, un mes, un ano. Aquí me comentabas anteriormente que cal era o noso día a día; pois o noso día é tratar de, eu dicíache que non dar un balón por perdido, isto é un argot futbolístico, pero é que é fundamental, porque ti podes facer moi ben as cousas unha semana, pero se a semana seguinte xa te olvidaches de facelas como deberas, pois xa non saen igual. O consumidor, o cliente, ao final, é o xefe e o que decide se compra o teu produto ou, polo contrario, merca o que hai ao lado. Nós, ao longo de todos estes anos, eu creo que gran parte do noso éxito como pequena empresa cárnica é tratar de facer un produto da máxima calidade e sempre traballar con moita paixón e profesionalidade, e iso é o que nos diferencia un pouquiño.
Hai algo que vos gustaría que mellorase no proceso da obtención da certificación?
Non, nós non discrepamos co sistema de xestión e de certificación, nós estamos perfectamente cómodos, tranquilos, nos sentimos orgullosos e agradecidos por todo o respaldo que temos dende o Craega, dende a propia Administración, e cremos que se está facendo moi bo traballo. Se tivésemos que facer un pequeno inciso de onde poderiamos mellorar… Non se me ocorre así a bote pronto grandes cousas nas que facer cambios. Si que, tal vez, tratar de promocionar un pouquiño máis o tema do porco dentro do ecolóxico, porque, dende a miña humilde opinión, vexo que no tema lácteo, por exemplo, ou no tema de vacuno, noutros temas… pois aí quizais se están facendo moitas cousas, hai un apoio importante que tal vez, no porco, no que é a transformación, no produto acabado, tal vez teriamos que facer un pequeno esforzo, porque eu penso que o feito de que esteamos nunha zona de interior, de montaña, en Galicia, na Galicia profunda, cando se fala de ecolóxico, moitas veces ao propio consumidor cóstalle recoñecer esa diferenciación de que poida ter o produto certificado ecolóxico. Porén, no lácteo, por exemplo, pois é moi vendible. O tema lácteo está moi apoiado, que vale que nós tamén temos a posibilidade de recurrir a feiras, nós temos estado no Forum, temos estado en varios eventos e sempre tratando de apostar o máximo posible, pero tal vez aí temos que facer algún esforzo, non sei de que maneira nin en que medida pero tal vez chegar aí cunha mensaxe un pouquiño máis clara ao consumidor final, para que apoie un pouco máis este tipo de produtos.
Eu creo que apostar por un produto certificado ecolóxico, en forma de embutido, un touciño, un xamón etc., pois é algo non soamente interesante tratándose de produtos de proximidade, que eu creo que é moi importante apostar polos produtos de proximidade, porque está demostrado que ao longo de todos estes anos, empresas como a nosa Casa Castelao, outras moitas lácteas, queixerías, temas de mel, de viños, de outras moitas cosas no eido da alimentación en Galicia, está demostrado que están axudando a manter vilas, aldeas e manter vivo o rural. Entón, este tipo de negocios que están en torno á alimentación, posto que en Galicia temos tantas cousas e boas, por mar, terra e aire, que debemos seguir tratando de impulsar e de que non morran, porque ao final isto é asentar poboación. Se hai industrias como a nosa ao final é posible que o comercio xire tamén en torno á industria, que a partir de aí os colexios, as guarderías… etc, etc., pois se manteñan vivos e teñan vida, teñan futuro, e senón, é complicado. Eu non podo obxectar nada, eu tal vez me sinto aí un pouquiño, pois, se tivese que dicir algo, sería mellorar algo aí, pero que non sei exactamente en que medida e de que maneira. Nós cremos plenamente no ecolóxico. Levamos xa uns cantos anos en activo e estamos moi orgullosos e agradecidos por todo o respaldo e por ter esta certificación. Cremos que nos suma moito como empresa, como política de proxecto, de negocio, e oxalá que poidamos seguir moitos anos da man. Pero tal vez aí igual hai que facer alguna cousiña que temos que analizar desde diferentes posicións.
“Nós cremos plenamente no ecolóxico. Levamos xa uns cantos anos en activo e estamos moi orgullosos e agradecidos por todo o respaldo e por ter esta certificación”
Que consello lle darías a alguén que quere comezar un proxecto en ecolóxico?
O primero é ter moitas ganas. Lamentablemente, eu creo que estamos nunha sociedade onde, se me permitides poñer un exemplo, me vou tomar a confianza e a liberdade para dicilo así. Eu, cando fun estudar a miña carreira, a maior parte dos meus compañeros (non o digo no mal sentido da palabra, por favor, faltaría máis), todo o mundo quería ser funcionario. Había moi poca ilusión ou moi pouca esperanza no mundo da empresa, do autónomo, da peme, de poder poñer en marcha un proxecto propio. Eu creo que en Galicia está demostrado que os galegos somos emprendedores onde queira que vaiamos: Arxentina, Francia, Suíza, Alemaña, Uruguai, Cataluña, Madrid… tantos e tantos lugares, cantos galegos non hai emigrantes que lograron levar a cabo proxectos súper coñecidos e recoñecidos mundialmente? Por tanto, eu creo que estamos nunha sociedade onde é importante premiar e axudar o emprendedor. Os funcionarios son vitais, son necesarios, como é natural, pero tamén é necesario que haxa empresa. Se non hai empresa nin autónomos, ao final todo se complica. Todo o mundo, todos os días, necesitamos recurrir a un fontaneiro, a un electricista… En fin, a tantas e tantas cousas que sen eles a nosa vida sería moi complicada. Por tanto, que lle diría a unha persoa que quere empezar no ecolóxico? En primeiro lugar, felicitala, e que teña o convencemento e o coñecemento. Se ti vas a facer algo porque hoxe te levantaches moi contento e se che ocurriu unha idea, non é suficiente. Pero se, á parte do convencemento, hai unha formación que adquiriches, non soamente a nivel documental ou universitaria, que creo firmemente na ensinanza, tamén é necesaria a formación práctica. Anos atrás nas universidades había un exceso de ensinanza moi de letras, moi de teoría, e logo saíamos cun nivel de práctica moi reducido. Eu creo que hoxe xa empeza a haber unha combinación de ambas as dúas, que son fundamentais, e bueno, tendo a ilusión, que é moi importante, tendo a ilusión, o convencemento de que quero levar a cabo este proxecto porque creo firmemente nel, e logo teño encima a formación práctica porque a adquirín… traballando nisto, naquilo outro, eu desexarlle todo o mellor.
A partir de aí vai haber días complicados e momentos moi difíciles, indudablemente, pero a satisfacción tamén que che dá poder desenvolver o teu propio proxecto, a túa propia liña de negocio, conseguir co teu esforzo a túa liña de financiación e de clientes, de proveedores, e poder poñer en marcha, poder… A partir do rural, que eu son un defensor acérrimo do rural, nacín no rural e me encanta o rural, son necesarios eses emprendedores e emprendedoras e témoslles que axudar na medida do posible, porque sen eles Galicia morre, e as zonas de montaña, dunha forma alarmante ademais. Nos últimos anos eu ben vexo na miña aldea que antigamente había 15 casas habitadas, na actualidade hai 3 ou 4 casas habitadas. Este é o sentir do día a día, cada día que pasa, todo o mundo falamos moito, moi en teoría, pero a realidade, a práctica é moi diferente. A certificación en ecolóxico é moi interesante no ámbito do cárnico, porque pode ser un motor que axude moitísimo a sacar proxectos interesantes adiante. Eu creo honestamente moito nas certificacións. É un valor diferencial e unha tarxeta de presentación non soamente polo que representa, que é moi bonito dicir: “Mira, eu teño a certificación do Craega e estou en ecolóxico”. Si, iso está moi ben, vaiche abrir portas. Pero a partir de aí, tamén che pode pechalas. Eu creo que hai que crer nas cousas para poder levalas a cabo non soamente polo que representan e que non soamente gocemos do beneplácito da certificación en si, senón por toda a parte de atrás. Por tanto, eu creo sinceramente que oxalá que haxa máis emprendedores, apoiemos máis os autónomos e as pemes, porque moitas veces acabamos pagando nós os platos rotos polas dificultades que hai na sociedade e que non se solventan.
Cales son os vosos plans a futuro? Mellorar, manterse como estades, cambiar en algo…
Crecer. A mentalidade de Casa Castelao é crecer cos pés no suelo. Somos unha empresa moi arraigada a unha zona na que nos sentimos súper orgullosos de ter nacido aquí, de ter crecido aquí, de ter formado aquí as nosas familias. O que nos une é unha relación total, tanto no aspecto familiar, coma no aspecto social, coma no profesional. Por tanto, o noso máximo compromiso, dende a dirección, xestión, socios, administración, é seguir tratando de facer un produto que nos permita diferenciarnos no mercado e que resulte satisfactorio para todas as familias que todos os días, todas as semanas, todos os meses consumen os nosos produtos. Non é unha teoría, sinceramente, é a nosa forma de sentir. Facer un produto de calidade, nun prezo aceptable que o consumidor, cando consuma o noso produto, desfrute tomándoo e mercándoo, que non se sinta defraudado. Ese é o noso máximo obxectivo. Cando digo crecer, pois si, somos unha empresa que estamos no 25 aniversario, estamos crecendo, tivemos anos máis complicados con todo o que representou o tema da Covid, co tema da subida de costes das materias primas, co tema da guerra da Ucraína, que ao final isto ás industrias en xeral nos pasou moita factura. A suba dos costes enerxéticos, bueno, en fin, foron momentos moi complicados, queremos pensar que xa os deixamos atrás, estamos noutro momento, noutro ciclo, queremos que este sexa o ciclo de Casa Castelao e seguir a partir de toda esta base crecendo cos pés no suelo. Non queremos crecer en calquera nivel nin en calquera condición, non. Nós queremos medrar, seguir afianzando o ben que estamos facendo as cousas. Hai cousas que non estamos facendo tan ben. Temos que melloralas. Témolo claro. Somos moi profesionais. Cremos moito no que temos entre mans. Pero a partir de aí, o noso obxectivo é ese, seguir posicionando o produto nos máximos mercados posibles, que nolo paguen, que estean dispostos a pagar un produto de máis calidade, pero, por tanto, nós tamén temos unha obriga con toda esa xente, e nada máis alá de aí, crear postos de traballo na nosa contorna, na nosa terra, en Galicia. Si, estamos perfectamente, temos claro o noso ADN, de onde partimos, onde estamos, onde queremos ir e crear riqueza na nosa terra en Galicia, na nosa vila, na Fonsagrada, en Galicia. Porque máis alá de estar na Fonsagrada… Nós mercamos todos estes produtos, ben sexan de ecolóxico, de porco celta, etc. Tratamos de deixar todo iso que nos vai dando tamén o consumidor, en tratar de darllo tamén á nosa terra, aos nosos galegos, dalgunha forma, porque todo esto se redistribúe e todo circula nunha dirección e noutra dirección. Todos dependemos de todos e se nos apoiamos entre todos, somos máis fortes.