• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Rocío Freire, de Alibós: “A certificación ecolóxica, ademais de garantir beneficios para as persoas e o medio ambiente, axudounos a exportar castaña a toda Europa”

Alibós é unha empresa situada en Monterroso (Lugo) que conta con máis de cincuenta anos de historia e que actualmente é unha das maiores produtoras mundiais de castaña pelada e conxelada. Dende finais dos anos 90 contan coa certificación do Craega. Jesús Quintá, propietario e CEO, e Rocío Freire, responsable de produción e calidade, falan dos detalles deste proxecto e do seu pensamento sobre os alimentos eco.

 

Como naceu este proxecto e en que ano? Como foron os inicios de Alibós?

Jesús: Nace no ano 69. No inicio da empresa dedicabámonos aos cogomelos. Despois, nos anos 80, empezamos coa castaña, que hoxe é o único produto. Somos os principais produtores de castaña pelada e conxelada en Europa.

Como traballades no voso día a día nesta época do ano? Tedes a fábrica e tamén plantacións de castaño ecolóxico?

Jesús: Dispoñemos de 225 hectáreas propias certificadas en ecolóxico, onde recollemos a mercancía día a día. Estes días estamos recollendo e tamén mercamos castañas ecolóxicas a terceiros, tanto en diferentes zonas de España coma no estranxeiro.

A castaña traémola aquí e pelámola e conxelámola para vendela posteriormente. Destínase a miles de produtos e numerosos países.

Ata onde chegan as vosas castañas?

Jesús: Principalmente a toda Europa, sobre todo a Francia e Suíza; porén, tamén van a Xapón, a Estados Unidos… chegan a máis de dezasete países de todo o mundo.

Traballabades dende sempre en ecolóxico ou fíxose un cambio nalgún momento?

Jesús: En ecolóxico estamos practicamente desde os inicios do Craega, a finais dos 90, que foi cando nos certificamos. Dende entón, unha parte da nosa produción é en ecolóxico. Contamos coa certificación dende o 1998 ou o 1999, aproximadamente.

“Somos os principais produtores de castaña pelada e conxelada en Europa”

En Alibós tedes barreiras que vos dificulten o traballo diario ou conseguistes desenvolver un método de traballo efectivo?

Rocío: Actualmente un dos problemas que máis temos no sector da castaña é o abastecemento da materia prima, é dicir, dispoñer de castaña suficiente e de calidade. Os soutos e os castiñeiros nos últimos anos veñen afectados por diferentes pragas, algunha que chegou nova hai poucos anos, fungos asociados á presenza desas pragas… Cada vez as colleitas son menores e os rendementos, máis baixos, porque hai moitos froitos danados, que son os que nos chegan á industria. Entón, un dos maiores retos que temos agora mesmo é conseguir un maior abastecemento de variedades de calidade que se poidan industrializar facilmente, que pelen ben, que se conserven ben, que teñan o menor número posible de enfermidades e que non estean afectadas por vermes nin por fungos, porque iso tradúcese nuns rendementos moi baixos.

O maior problema que temos en canto a fábrica, a verdade é que somos unha empresa que sempre foi moi innovadora, levamos facendo investigación desde hai 20 anos (quizais xa se facía antes, aínda que ao mellor non tan protocolizada). Temos moita maquinaria adaptada á castaña e á súa vez temos tecnoloxía moi actual de visión artificial, conxelación crioxénica… Estamos renovando continuamente o proceso para poder elaborar máis cantidade e de mellor calidade. Con isto tamén buscamos afrontar outro problema que está xurdindo ultimamente, que é a dispoñibilidade de man de obra, que no rural cada vez é menor. As industrias que estamos no rural cada vez temos menos persoal dispoñible para traballar e, no noso caso, temos o hándicap engadido de que traballamos por campañas: necesitamos unha moi grande cantidade de xente nun período moi pequeno. Ao final, o que nos queda é automatizar e mecanizar o máximo posible o proceso, porque realmente non hai dispoñibilidade de xente e nós agora mesmo poderiamos ter contratada máis xente da que temos. Ese é, quizais, outro dos problemas recentes co que nos atopamos.

Por que cres que a xente debería consumir produtos ecolóxicos?

Rocío: Estamos moi de actualidade agora mesmo e ao mellor os que non estaban tan concienciados cos problemas medioambientais e co cambio climático, estes días si que estamos algo máis concienciados. Consumir produtos ecolóxicos garántenos que non se van utilizar unha serie de produtos que son moi prexudiciais tanto para as persoas coma para o medio ambiente. A produción en ecolóxico fomenta a conservación das especies, que se sigan utilizando as mesmas variedades tradicionais que se empregaban e que os animais non estean tratados con medicamentos de síntese química. Obviamente, tamén o que todos coñecemos de non utilizar pesticidas nin herbicidas. Soamente hai unha serie de produtos controlados nos que se poden utilizar en algún determinado tipo de produción. Todo isto principalmente axuda ao medio ambiente. 

Temos que ser moi conscientes de que hai que axudar ao noso entorno; non podo vaticinar cantas xeracións lle quedan a este planeta, pero temos que darnos conta de que hai que empezar a coidalo. Iso faino a produción en ecolóxico; tanto a gandería, como a acuicultura, como a agricultura en ecolóxico. Tamén considero que todas esas cuestións que teñen que ver con que se utilizan menos produtos químicos na produción vai en beneficio tamén das persoas e, ao final, son menos compostos daniños que lles damos aos nosos fillos, que consumimos nós e que van quedando no noso corpo.

Que beneficios vos achega contar coa certificación do Craega?

Rocío: Nós fomos unha das primeiras empresas en producir en ecolóxico en Galicia. Somos dos primeiros dos que colaboramos na fundación do Craega. Naquel momento, no noso caso, era para poder exportar produto ecolóxico a Suíza. Para nós é unha liña de produción estable desde hai máis de 25 anos e que segue estando presente e, sen ela, non poderiamos vender esa liña de produto ecolóxico que pode supoñer entre un 10 e un 15 % da nosa facturación anual. Ademais, co Craega recentemente estamos a desenvolver certificacións adicionais que, no noso caso, como exportamos todo o produto, porque aquí en España non se consume castaña pelada e conxelada, nos beneficia. Fóra hai outras certificacións ecolóxicas un pouquiño diferentes, máis especificas que a certificación europea que nos están demandando os nosos clientes. O Craega tamén nos permite certificarnos nesas outras producións, entón, estanos permitindo conservar e chegar un pouquiño a algún produtor, a algún cliente máis, con algún produto máis, cunha nova certificación, como pode ser Bio Suisse, por exemplo. Para vender a Suíza, agora o mercado demanda non soamente a certificación ecolóxica europea, senón unha certificación a maiores, cuns requisitos adicionais, como é Bio Suisse.

Para nós o labor do Craega é fundamental; ademais é un sistema de certificación público no que cremos profundamente, que permite que os produtores de castaña, que na súa maioría son moi pequeniños e teñen producións moi pequeniñas, non teñan uns custos de certificación moi grandes, e así as empresas máis grandes asumimos máis parte dese custo de certificación, co cal para nós é o mellor sistema de certificación, o máis imparcial e con máis garantías.

Hai algo que vos gustaría que mellorase no proceso da obtención da certificación ou estades satisfeitos?

Rocío: Eu diría que en xeral estamos satisfeitos tanto cos técnicos, coma coas súas auditorías, coma conque sexa un sistema de certificación público, xa que así é máis imparcial e non depende dunha empresa privada, nin duns ingresos privados que proveñen dos seus socios ou clientes. Nós estamos en xeral moi satisfeitos co traballo do Craega.

Cales son os plans de Alibós a longo prazo? Queredes cambiar en algo, mellorar, mantervos como estades…?

Rocío: En principio estamos traballando moito en potenciar as plantacións de castiñeiros e colaborando coa Administración, para que apoie as plantacións de castiñeiros e para que fomente as axudas ás plantacións de castiñeiros, porque vemos que é un dos problemas máis grandes que temos, que os soutos cada vez son máis vellos, en zonas dificilmente accesibles. A xente na zona rural cada vez é máis maior e ten máis dificultades para recoller, entón a tendencia ten que ser plantacións novas, ben distribuídas, ben realizadas, cos seus marcos de plantación apropiados, que se poida mecanizar a recollida e poder dispoñer de máis variedades de boa calidade. Variedades que se poidan, no noso caso, pelar facilmente, que é o que facemos, pelar e conxelar, e que teñan unha boa conservación. É un dos retos máis grandes que enfrontamos de cara aos próximos anos, e a nivel produtivo dentro da fábrica hai que seguir, dentro do que se poida, aumentando a capacidade de transformación, quizais chegar a algún outro mercado pero, fundamentalmente, estabilizarnos no que xa temos desde hai máis de corenta anos e poder ter materia prima suficiente de boa calidade para abastecer os nosos clientes.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.