• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Raquel García, de Labrecos SCG: “O cultivo ecolóxico non admite insecticidas, co cal estamos tratando a terra dun xeito máis natural e coidamos da nosa contorna”

Aitor e Iván Lata e Raquel García, propietarios de Labrecos SCG (Oza-Cesuras, A Coruña), decidiron comezar a producir de xeito ecolóxico no ano 2014, cun investimento en formación e en tempo que lles permite crear un xénero de calidade. O seu obxectivo fundamental é obter hortalizas, froitos e derivados dos seus animais do xeito máis sostible posible.

 

Como foron os inicios de Labrecos e a súa evolución ata a actualidade?

Iván: Comezamos en 2014 cunha pequena horta ecolóxica, na que só estaba eu incorporado como traballador autónomo. Posteriormente decidiron unirse ao proxecto Aitor e Raquel. Tras isto fómonos formando pouco a pouco para facer cada vez mellor o noso traballo e así chegamos ata o día de hoxe.

Cales son os tipo de cultivos que producides en Labrecos?

Raquel: Producimos fundamentalmente hortalizas, pero tamén temos maceiras e pereiras autóctonas plantadas. Ademais, contamos con tenreiras e cordeiros.

Dende un principio pensamos en introducir gando, xa que nos axuda a poder pechar un pouco o círculo da nosa granxa ao alimentarse dos excedentes da horta e dos pastos. Deste xeito, facemos que o pastoreo sexa rexenerativo e que produzan os fertilizantes que necesitamos para darlle os nutrientes aos nosos cultivos.

Seguistes sempre o modelo de produción ecolóxico?

Iván: Ao principio fixemos unha proba de produción convencional de monocultivo de repolo. Vimos que non era o modelo que nos gustaba, nin en fase produtiva, nin moito menos en fase comercial e decidimos cambiar totalmente o modo de labranza. Así foi como comezamos a investir moito en formación e, sobre todo, en tempo.

A verdade é que cando comezamos non sabiamos en que consistía isto do ecolóxico, polo que fómonos introducindo neste mundo e avanzando pouco a pouco.

Que importancia credes que ten producir de xeito ecolóxico?

Raquel: Eu creo que a produción en ecolóxico é fundamental, sobre todo se queremos coidar o entorno no que estamos e se queremos deixar algo mellor do que temos. Este tipo de cultivo non admite insecticidas, co cal estamos tratando a terra dun xeito máis natural; ademais, facemos loita biolóxica para que os insectos depredadores sexan os que se encarguen das pragas. Así coidamos a terra na que estamos e a nosa contorna.

Que significa para vós contar coa certificación ecolóxica? Credes que é algo que lle dá confianza aos consumidores?

Aitor: Eu creo que a certificación en ecolóxico dá unha credibilidade ao que facemos bastante importante. O consumidor quere asegurarse de que o produto que está comprando é realmente ecolóxico e o Craega, a través do control de papeis, de facturas, e tamén da analítica do produto final, axuda a que se confirme que o xénero vai nas condicións requiridas.

Entón, a certificación ecolóxica é unha maneira de garantirlle ao consumidor que está comprando o que nós lle propoñemos, que é un produto sostible.

“O consumidor quere asegurarse de que o produto é realmente ecolóxico e o Craega axuda a que se confirme que vaia nas condicións requiridas”

Aitor Lata

Que consello lle dariades a unha persoa que queira comezar a producir en ecolóxico?

Aitor: Nós cremos que calquera persoa que queira producir tanto en horta como en gandería debe visitar outras iniciativas e ver como se poden facer as cousas de diferente maneira. Isto é  porque, aínda que todos contamos co mesmo selo, hai diferentes formas de cultivar e de traballar en ecolóxico.

De cara o futuro, cales son as perspectivas de Labrecos? Queredes cambiar ou mellorar algo?

Iván: De cara o futuro nós o que queremos é aumentar a gama de produtos que lles podemos ofrecer aos nosos clientes en venda directa. O ideal sería que chegásemos a prover un 80 ou 90 % dos alimentos que entran nas casas dos nosos compradores e que normalmente son xente da nosa contorna.

Tamén nos gustaría ofrecer formación a novos agricultores, a través de prácticas, de visitas… porque cremos que é unha parte moi necesaria para exercer este traballo.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.