As medidas de confinamento para combater o Covid-19 chegan aos mercados tradicionais. A comercialización directa de produtos agrícolas e gandeiros nas feiras que periodicamente se celebran nos concellos quedan prohibidas ata o 31 de marzo, segundo publica o Diario Oficial de Galicia. As decisións que adopte a administración autonómica a partir desa data comunicaranse a través da páxina web da Consellería do Medio Rural.
A orde fai fincapé en que se fomentará a venda de produtos agrícolas e gandeiros por “medios alternativos que non impliquen presenza física”, é dicir, por vía telefónica ou correo electrónico. Engade que os pedidos deben ser “servidos polo produtor no domicilio do consumidor, e que eviten o desprazamento de persoas pola vía pública”.
Pola suspensión de apertura non se verían afectadas as tendas especializadas en comercio ao retallo de flores, plantas, sementes e fertilizantes. Medio Rural concreta tamén que poderán seguir en funcionamento os establecementos que se adiquen á comercialización de produtos vexetais para a plantación en hortas de consumidores finais. Así mesmo, os que comercialicen plantóns hortícolas poderán practicar venda ambulante e desprazarse ás localidades onde teñen os seus clientes.
SÓ PRODUTOS PERECEDEIROS. Unha vez que se levante a prohibición e se reanuden os mercados, só se permitirá a venda directa de produtos agrícolas e gandeiros do sector da alimentación e perecedoiros. A partir de entón, haberá novas normas tanto para a colocación dos postos como para as persoas que se ocupan de atendelos, así como para os usuarios:
- Postos. Deberán atoparse separados por unha vía de tránsito e cunha distancia mínima de seis metros. Recoméndase unha disposición en triángulo. Dentro do mesmo posto, as persoas vendedoras deberán gardar entre elas dous metros de separación.
- Persoas vendedoras. Para atender o posto só se admite ás persoas titulares da explotación agraria con actividade inscritas na sección de venda directa (Sevedi) do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga), parentes en primeiro grao que colaboran na actividade agraria ou empregados da explotación.
- Persoas usuarias. Tamén deberán gardar unha distancia mínima de dous metros (coas excepcións que establece para o efecto a normativa estatal).
HORTAS DE AUTOCONSUMO. Os agricultores e viticultores profesionais poderán desprazarse para atender os seus cultivos. Para acreditar a súa condición e xustificar as viaxes, teñen que estar dados de alta no Reaga. No caso dos viticultores, será suficiente co carné de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios ou coa tarxeta de rexistro dispensada polo consello regulador da denominación de orixe.
A orde tamén aclara a situación das persoas que teñen hortas ou viñas de autoconsumo. Autorízanse os desprazamentos non máis alá de 500 metros da vivenda habitual. Na leira non poderán traballar máis de dúas persoas e, en todo caso, deberán respectar as distancias de seguridade establecidas pola autoridade sanitaria. Para acreditar o desprazamento, o agricultor e/ou viticultor terá que presentar o carné de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios.