Foto: BioCultura
O Palau Sant Jordi celebrou a 28ª edición da BioCultura Barcelona do 5 ao 8 de maio. O sector deuse cita na feira de produtos ecolóxicos e consumo responsable, que recibiu unhas 50.000 persoas.
Co xa habitual slogan “Bos para a natureza, bos para ti”, o Craega tamén puxo o seu gran de area neste evento, ao que asistiron, baixo o seu paraugas, varios produtores certificados: Bubela Artesá, Capitán Alga, Celebridade Galega, Porto-Muíños, Terra de Baronceli, Los Sabores del Camino, Algas La Patrona, Sovoral e Galuriña, ademais de Orballo e Algamar, que contaron con expositor independente.
Entre as actividades, a novidade do ano era “O Manicomio”, unha sala coordinada polo equipo de The Ecologist que concentrou as propostas culturais desta edición: debates, presentacións de libros, concertos, sesións de relaxación á hora da sesta e ata pases de películas de ecoloxía profunda e inmersiva.
UN SECTOR CON FUTURO
O sector ecolóxico demostrou que é o presente e tamén o futuro e nesta nova edición de BioCultura Barcelona corroborouse que é máis resistente e perdurable. Ángeles Parra, directora da feira e presidenta de Vida Sana, afirmou que “tiñamos moitas ganas de volver a unha feira alegre tras a pandemia. Foi un pracer que expositores, profesionais e consumidores se coñecesen de forma presencial, in situ“. Así mesmo, sinalou a grande aposta por unha alimentación ecolóxica, local, o máis artesá posible: “É a mellor alimentación para os nosos organismos e para o planeta, pero tamén é a mellor para a nosa economía”.
Para Parra esta edición “certificou que este sector é o futuro, pero tamén o rabioso presente, xa que ten un público fiel e asiduo e resistimos mellor as crises que outros sectores que contan co apoio institucional”.