• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Os operadores galegos revalidan o seu éxito na 4.ª Biocultura A Coruña

O pasado venres 3 de marzo abría as súas portas a cuarta edición de Biocultura A Coruña, que quedou inaugurada oficialmente ás 12:00 h no interior do recinto feiral EXPOCoruña, sito na cidade herculina, onde se celebrou este certame ata o domingo 5 de marzo.

O acto de apertura estivo encabezado por Ángeles Parra, presidenta da Asociación Vida Sana e directora de BioCultura, que estivo acompañada por Manuel Heredia, director de EXPOCoruña, coorganizadora deste evento, e de varios representantes das Administracións provincial e local da Coruña, así como de José Luis Cabarcos, director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) da Xunta Galicia, quen foi o encargado de pechar o acto.

Na súa intervención, Parra agradeceu a presenza das autoridades e convidou os asistentes “a empoderarse e a loitar polos cambios, pois non só están nas mans das Administracións, senón tamén nas dos propios consumidores”, porque o futuro “será eco ou non será”, advertiu.  Pola súa parte, Cabarcos deulles as grazas aos organizadores por esta importante iniciativa, insistiu no deber que teñen as administracións de ser “unha única voz” de firme apoio ao sector e, finalmente, deulle os parabéns ao Craega polo seu traballo de promoción e control da certificación ecolóxica en Galicia.

Tras a inauguración oficial, Francisco López Valladares, o presidente do Craega, acompañado de José Costoya (Intereco), Ramón Lamelo (Agacal), Cabarcos e Ángeles Parra realizaron un percorrido pola feira e achegáronse a cada un dos stands galegos para coñecer de preto o seu labor.

ALTA PRESENZA DO SELO CERTIFICADO DE GALICIA

O selo do Craega formou parte dos 122 expositores os tres días que durou este importante encontro, e fíxoo nesta ocasión en compañía da asociación Intereco, coa que compartiu stand, e mais dunha quincena de operadores, que, nas súas propias palabras, consideran imprescindible a súa asistencia a esta feira, por ser unha das máis grandes oportunidades do sector para interactuar cos expositores que enchen o pavillón e, así mesmo, promover e dar a coñecer os seus produtos nun espazo polo que pasaron  preto de 14 000 visitantes ao longo das tres xornadas, nas que, segundo a propia organización, se desenvolveron 136 actividades, entre as que o Consello puxo o seu gran de area con suxestivas propostas como degustacións, showcookings e talleres divulgativos.

Abella Meiga; Grupo Algamar; Bubela Artesá; Casa Grande de Xanceda; Celebridade Galega; Daiquí; Tata, Alimentos con Historia; Galuriña; Jamones González; Lenatt Food; Los Sabores del Camino; Maruxas de Nata; Terra de Baronceli; Traloagro e Trasdeza Natur foron as quince firmas ecolóxicas que asistiron baixo o paraugas do Consello; ademais, con stand propio estiveron as firmas coruñesas The Biofactory e Orballo. Todos eles amosaron a súa satisfacción pola grande acollida que estaban a ter entre os consumidores.

VINDEIRA EDICIÓN, 2024

BioCultura despídese ata o vindeiro ano, que agarda volver a Galicia, porque segundo as entidades organizadoras “ así nolo seguen demandando tanto empresas coma  visitantes”, e o Craega volverá presumir do bo facer galego na seguinte edición.

 

Máis información

 

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.