Os grelos, esas follas tenras da planta do nabo, son un alimento moi valorado na nosa gastronomía tradicional. O seu sabor amargo e a súa textura única fan que este ingrediente sexa indispensable en moitos pratos autóctonos, coma o clásico “lacón con grelos”. Se elixes a súa versión ecolóxica, poderás desfrutar de todos os seus beneficios.
Cando falamos de grelos ecolóxicos certificados, referímonos a aqueles que foron cultivados sen o uso de pesticidas nin fertilizantes químicos. O selo ecolóxico garantiza que a produción seguiu estritas normativas para protexer tanto a saúde do consumidor coma o medio ambiente.
Os produtos eco sométense a un proceso de certificación que inclúe inspección periódicas e un control de todo o proceso de cultivo e produción. Isto asegura que o que chega á túa mesa é realmente ecolóxico e sostible.
Podes incorporar este produto en sopas, guisos, tortillas ou incluso engadilo a ensaladas frescas. Acompañan moi ben á carne e ao peixe, e poden ser o ingrediente principal en pratos vexetarianos.
BENEFICIOS DE ELIXIR GRELOS ECO CERTIFICADOS
- Ricos en calcio, ácido fólico, vitamina C e ferro
- Posúen propiedades antioxidantes
- Teñen unha alta presenza de glucosinolatos, un composto con virtudes anticanceríxenas
- Gran cantidade de fibra e minerais coma o fósforo ou o magnesio
- Son moi baixos en calorías
- Sabor máis intenso e natural
- Non conteñen pesticidas nin produtos químicos
Deste xeito, estudos demostraron que os alimentos eco teñen un maior contido de nutrientes en comparación cos convencionais. No caso dos grelos, isto tradúcese nunha maior concentración de vitaminas, minerais e antioxidantes esenciais para o noso sistema inmunolóxico, a saúde cardiovascular e manter a pel saudable. Tamén, polo seu alto contido en fibra, son ideais para mellorar o tránsito intestinal e promover unha dixestión saudable.
Outra das maiores vantaxes de consumir grelos eco é que están libres de pesticidas e fertilizantes. Os pesticidas que se empregan na agricultura convencional poden ter efectos perxudiciais a longo prazo para a saúde, como alteracións hormonais, problemas dixestivos e maiores riscos de enfermidades crónicas.
LEMBRA BUSCAR O SELO
É importante prestar atención ao etiquetado dos alimentos escollidos para asegurarnos de que realmente son ecolóxicos:
- O logotipo ecolóxico europeo consiste nunha folla perfilada con estrelas sobre fondo verde; este é sempre obrigatorio acompañado do código de control da nosa comunidade autónoma ES-ECO-022-GA.
- O selo de garantía Craega é a etiqueta que demostra que o alimento foi producido de maneira respectuosa co medio ambiente sen a intervención de elementos, compoñentes ou procesos químicos. Obtense despois de demostrar de maneira fidedigna que o produto é totalmente ecolóxico, con controis en cada fase da produción, elaboración e comercialización cumprindo coa normativa do Regulamento (UE) 2018/848 do Parlamento Europeo e do Consello.