fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

“O verde é só unha cor e que o produto teña un envase verde non significa máis ca iso”: María Agrelo, divulgadora ambiental

Licenciada en Ciencias Ambientais pola Universidade Autónoma de Madrid e Enxeñeira Ambiental pola Universidade de Santiago de Compostela, María Agrelo é unha amante do medio ambiente e contribúe na súa vida profesional á consecución dun mundo máis sustentable. É divulgadora ambiental e axuda ás empresas en temas de medio ambiente e sustentabilidade; mantén un blog, Eco-Huella, no que publica artigos relacionados e, recentemente, a sorte permitiunos conversar con ela sobre o etiquetado dos alimentos e o greenwashing de moitos deles. Como veredes, un encontro moi enriquecedor.

 

Hoxe en día, no punto de venda sucede unha batalla silenciosa da cal somos os destinatarios: miles de produtos etiquetados con mil virtudes que intentan incitarnos á súa compra… Pero ollo, debemos ser precavidos e fixarnos ben nos detalles.

Formamos parte dunha sociedade que cada vez se preocupa máis polo coidado do medio ambiente e por manter unha vida saudable; neste sentido, somos moitas as persoas que tomamos a decisión responsable de optar por adquirir alimentos ecolóxicos. Debido a este fenómeno, diversas empresas e marcas utilizan trucos de márketing para facernos crer que os seus produtos teñen valores ecolóxicos cando non necesariamente é así.

“Son aquelas prácticas que as empresas levan a cabo, xeralmente de maneira intencionada para facernos pensar que un produto ou empresa é máis sostible do que realmente é”, así nos define María a palabra greenwashing. Advértenos, tamén, de que estas prácticas poden ser de distintos tipos e que moitas delas se basean en empregar unha linguaxe, cores e imaxes como se se tratase dun produto sostible. Algúns exemplos disto poderían ser o uso reiterado da cor verde nos envases ou a utilización de termos como “natural” ou “planet friendly”, os cales non están regulados e, polo tanto, as corporacións poden empregalos.

 

OS AVANCES NA LEIXSLACIÓN

Afortunadamente, a Administración segue avanzando na lexislación para controlar as prácticas habituais do greenwashing: “As empresas teñen que ser máis creativas para enganar ao consumidor. A día de hoxe, unha empresa non pode dicir que un produto é eco se non procede da agricultura ecolóxica e non hai unha certificación detrás que respalde dita afirmación”.

Con este escenario resulta chamativo coñecer os “baleiros legais” ou “trucos” que se utilizan para enganarnos. María apúntanos que unha das prácticas habituais é aproveitar un dos ingredientes ecolóxicos do produto para incluír algunha frase como “feito con ingredientes ecolóxicos” ou “100 % de ingredientes naturais”. Ollo con isto!

 

E COMO SERÍA O ETIQUETADO PERFECTO?

Para María, un etiquetado eficaz. Aquel que só inclúa a información necesaria para o consumidor, é dicir, que elimine todo o relacionado co márketing e que poida xerarnos confusión. Tería que informar da lista, a cantidade e a orixe dos ingredientes, os procesos se son relevantes e identificación clara de que ingredientes proceden da agricultura ecolóxica e cales non. “Outro aspecto que tamén faría o etiquetado eficaz é o tamaño da tipografía: que non sexa necesario levar unha lupa ao supermercado para saber se as legumes que estamos a mercar son de Asturias ou de México”, relatounos.

Por exemplo, se un produto utiliza o termo “eco” é porque cumpre coas características da agricultura ecolóxica que están reguladas por distintas normativas a nivel europeo. O mesmo ocorre coa palabra “bio”. No caso de que o alimento conteña máis dun ingrediente, os produtores teñen a obriga de identificar no listado cales proceden da agricultura ecolóxica e cales non. Normalmente, diferénciase cun asterisco.

Tres aspectos clave para a detención do greenwashing nos alimentos son:

  • Temos que estar atentos aos termos que se utilizan. “Eco” e “bio” son termos regulados, pero outros máis xenéricos como “natural”, “tradicional” ou “planet friendly”, non.
  • É recomendable lembrar que o verde é só unha cor e que o produto que teña un envase verde non ten nada que ver con ser máis ou menos sostible. O mesmo con imaxes de natureza, por exemplo: o clásico anuncio de coches no que o vehículo sempre aparece nunha carretera nas montañas e non nun atasco na cidade.
  • Evitar caer no “todos son iguais”. Non todos os alimentos con envase verde son greenwashing nin todos utilizan certas palabras para enganar. Hai operadores que fan un grande esforzo para ofrecer produtos ecolóxicos de calidade e débese recoñecer estas prácticas para que outros se sumen a esta forma de producir e vender.

Outro punto vital para asegurarnos de que vamos a mercar un produto realmente ecolóxico é fixarse no etiquetado, que debe ser visible no envase e conter as seguintes referencias:

  • Obrigatoriamente ten que dispoñer do logotipo ecolóxico europeo que así o certifique. Trátase dunha folla perfilada con estrelas sobre fondo verde. No caso de alimentos certificados en Galicia, o código do órgano de control (ES-ECO-022-GA) e opcionalmente o envase pode conter o selo do Craega. Ademais debe figurar o lugar de orixe dos ingredientes, que poden ser:

Agricultura UE, cando as materias primas son da Unión Europea.

Agricultura NON UE, cando os ingredientes son de terceiros países.

Agricultura UE/NON UE, cando a orixe é mixta.

Finalizamos este artigo dándolle as grazas a María por compartir connosco os seus coñecementos e celebrando as novas ferramentas que nos dá para combater o greenwashing. Convidámosvos a seguila en LinkedIn (María Agrelo) e a ler o seu blogue (https://www.eco-huella.com/) para estar ao día de todas as novidades que vaia publicando.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.