A aldea de Sabadelle (Chantada) alberga un dos pazos históricos de Galicia, datado no século XII. A primeira documentación que consta é do ano 1251. Despois de pasar por varias xeracións, chegou ás mans da nai de Xosé Figueiroa e os seus tres irmáns, os actuais donos do recinto. Agora é un espazo familiar e de turismo, onde prima a natureza e o ecolóxico, xa que conta coa carne certificada polo Craega e está pendente de certificacións de máis produtos. Ademais, é un lugar onde se dan cita diversos artistas da cultura galega.
No medio da natureza, entrar neste pazo do interior de Galicia é un luxo. Cadros, artigos únicos, libros referentes en Galicia e moita historia recollen as pedras do recinto. O espazo, na actualidade, conta con dous cuartos de alugamento. A forma de poder pasar unha noite entre cultura e natureza é por chamada directa ou a través de Booking, onde teñen unha boa puntuación e moi bos comentarios. “Sempre hai quen non sabe a onde vén; hai pouco, unha señora comentou que estaba todo xenial, pero que non tiñamos televisión e claro, non temos porque aquí vense a gozar do que hai e deste entorno”, explica o xerente do espazo.
RECUPERAR O PASADO COA AGRICULTURA ECOLÓXICA
Figueiroa conta que decidiron meterse na agricultura ecolóxica porque “é unha maneira de conservar o pasado. A min estes produtos recórdanme a cando eu era neno e, de feito, sufrimos as mesas consecuencias; un tomate da casa vendido ao prezo máis barato dos que hai no mercado, a nós sáenos rendible, pero non é así”. Todo o que producen é en ecolóxico, pero de momento só contan coa carne de vaca certificada polo Craega, aínda que no futuro confían en poder obter o selo do Consello en máis produtos. Dentro da agricultura ecolóxica pertencen á Granxa Familiar da Universidade de Santiago de Compostela, un proxecto coordinado por Carlos Ferrás. “Grazas a isto, eu agora conto con clientela de Zaragoza, Sevilla, Eibar, Barcelona, País Vasco… e son compradores que viron os produtos a través desta canle e a día de hoxe seguen mercando”, puntualiza.
No almorzo que lles ofrecen aos hóspedes poñen ata 17 pratos distintos. “Agora, polo coronavirus, poñemos menos cantidade porque o que sobra hai que tiralo, pero a xente pode repetir todas as veces que queiran”, explica Figueiroa. Entre eses pratos ofrecen froita, pan de Antas de Ulla, aceite, café, biscoito, un prato con xamón, chourizo e salchichón, manteiga, filloas con fariña de millo ou trigo, leite, crema de moras ou sabugueiro, queixo… “Servimos do que temos nós, do que nos dá alguén ou do que collemos a algunha empresa da zona, pero sempre en ecolóxico, por exemplo a manteiga é de Arqueixal, porque a min, cando a probei, me lembrou á que comía cando era pequeno, cunha calidade extraordinaria. Hai algo evidente, todo o que recorde ao de antes é bo, porque a xente das aldeas comía moi ben”. Engade que os turistas que visitan o espazo van “na procura de produtos de calidade; por exemplo, ás veces poñemos un ovo frito e sorpréndense do sabor único que teñen os ovos da casa”.
UN RECUNCHO DE CULTURA E SABORES GALEGOS
Este recinto conta cunha sala habilitada para exposicións. Ao longo do ano organizan mostras de pintura ou artesanía, presentan libros ou cancións de autores da terra. “A idea é achegar a cultura galega a todo o mundo. Non nos interesa que veñan as grandes elites, senón a xente que está empezando ou que é da zona e quere visibilidade”, explica Xosé Figueiroa. “Non somos unha galería, o artista vende directamente”. No espazo hai pezas de artistas como Miguel Anxo Macía, Artiaga, Moxom, Luis Seoane ou Beatriz Palomero, entre outros moitos.
En canto á música, o obxectivo é darlle promoción a todo tipo (pop, folk ou rock). E tamén lles dan visibilidade a poetas de antes como aos de agora. A partir de xuño, empezarase a rodar no pazo unha película sobre Rosalía de Castro. “A min interésame moito promover iso, que o público vexa que nas aldeas hai cultura, quitar a mala imaxe de que os que traballan con vacas non saben de máis cousas, por iso me gusta que a xente se interese por vir presentar os seus proxectos ou que o queiran utilizar para o que sexa”, destaca.
Durante as exposicións, ofrecen degustacións de produtos elaborados da casa como requeixo con marmelada, biscoito, froita, chourizo ou xamón. “Isto leva a que ao final do ano haxa xente na aldea e que teña vida; o turismo en Galicia debería estar pensado para que os visitantes chegasen a un país producindo, non en ruínas”, indica.
UN REFUXIO DURANTE A REPRESIÓN
Este lugar está cheo de historia. Segundo teñen constancia, no pazo de Sabadelle naceu o bispo Agustín Lorenzo, que exerceu en Salamanca e está enterrado aló. “El mandou construír a actual igrexa que temos na aldea porque a que había, lle parecía pequena. O cariño que tiña por isto fixo que quixese que o seu corazón fose enterrado aquí, segundo contan, e de feito hai unha placa na entrada do templo que así o pon”, indica.
Este pazo acolle relatos fermosos e tráxicos. “Miña nai dicía que antes da Guerra Civil, meu tío a levaba sentada no arado e ía asubiando, despois dela nunca máis volveu asubiar”, lembra Figueiroa. “Aquí escondeuse moita xente cando foi a represión, os netos desa xente non saben que estiveron aquí, e para nós iso é unha honra”, conta.