Neste novo artigo buscamos que os pequenos e pequenas recoñezan e valoren a importancia que a auga ten para a vida e que coñezan os elementos básicos que forman un ecosistema. Así pois, os obxectivos específicos desta eco unidade didáctica son que os nenos e nenas se familiaricen cos usos da auga nas actividades humanas e que comprendan a relación entre os ecosistemas e o ser humano.
O emprego da auga na produción ecolóxica
A agricultura representa o maior consumo de auga da terra, estimándose nun 70 % do total das extraccións deste recurso tan limitado. Cada vez existen máis territorios condenados ao estrés hídrico (a demanda de auga é maior que a dispoñible en certas épocas do ano) debido a un mal emprego, á contaminación e ao cambio climático.
A produción eco procura un uso responsable da auga optimizándoa en función do tipo de cultivo e mantendo uns niveis de humidade maiores na terra grazas á súa composición, o que resulta nunha necesidade de menor cantidade de auga en comparación cos solos sobreexplotados.
Ademais, os agricultores que traballan en ecolóxico deben seguir recomendacións tales coma evitar sobrexplotar acuíferos subterráneos e previr a súa contaminación, sempre velando pola sustentabilidade a longo prazo.
Outras das cuestións importantes é a non contaminación. O emprego dos químicos de síntese na produción ordinaria de alimentos produce filtracións do solo ás augas subterráneas ou acuíferos, o que reduce a dispoñibilidade de auga apta para o consumo.
Suxestións para traballar na casa ou na aula
- Experimento da cor da auga: cortamos dúas garrafas de plástico lonxitudinalmente deixando enteira a parte da boca e enchémolas con terra. Nunha plantaremos leguminosas (garavanzos, lentellas, xudías…) e noutra deixaremos só a terra. Esperaremos a que crezan as leguminosas para facer ben a proba, que consiste en regar abundantemente coa mesma cantidade de auga ata que comece a saír pola boca das garrafas e recoller o líquido nun vasiño. Observaremos que da que ten vexetación sae unha auga moi clara e representa o noso manexo do solo ecolóxico, capaz de absorber máis e filtrala. A que non ten vexetación sae marrón, representando un solo sobrexplotado, que filtra toda a contaminación á auga e ten menor capacidade de retención.
O impacto nos ecosistemas da produción ecolóxica
A agricultura ecolóxica nace do respecto aos ecosistemas e ten unha énfase especial na biodiversidade dos mesmos. Parte da base de mesturar cultivos de diversas variedades, de favorecer a presenza de animais domésticos e salvaxes que fan unha función fertilizadora e praguicida natural e, así, conseguir unha infraestrutura ecolóxica que emule os ciclos naturais.
A parte de non liberar agrotóxicos nin á atmosfera nin ás augas, o incremento da biodiversidade nas zonas de cultivo permite unha maior resistencia ante fenómenos naturais extremos, sendo máis resistentes a fenómenos como secas, xeadas ou pragas, existindo unha perda menor de alimentos.
As fincas ecolóxicas tenden a aumentar a masa biolóxica aínda que non sexa propiamente para o cultivo de alimentos, mais axuda a mellorar a produción dos mesmos. Árbores e sebes que dan sombra e cortan ventos, flores e arbustos que florecen a maior parte do ano para atraer insectos necesarios (abellas, xoaniñas…).
É importante destacar o papel que a agricultura ecolóxica ten na loita contra o cambio climático. Por unha banda, ten un menor número de cabezas de gando por explotación, xa que deben contar con espazos máis amplos. Por outra, pechando ciclos como a compostaxe que, ademais de reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro, aumentan a capacidade do solo de absorber carbono grazas á fertilización orgánica destes.
Suxestión de actividade para traballar na casa ou na aula
- Hotel de insectos: a idea é crear unha casiña para que insectos tales como abellas, avespas ou xoaniñas poidan facer as súas casas e contribuír á biodiversidade dende a escola. O hotel debe estar orientado ao sur ou suroeste e non lonxe dun espazo cultivado (unhas macetas con flores son suficientes). Para a súa elaboración podemos usar troncos, ramas, ladrillos, pallas, ramas de bambú ou calquera outro material que conteña buratiños ou no que os poidamos facer de diversos tamaños. Despois debemos facer unha casa de madeira e poñer un tellado impermeable (con plástico de botellas).
Como identificar un produto ecolóxico
Para recoñecer os alimentos ecolóxicos temos que fixarnos na súa etiqueta. O etiquetado do produto ten que ser visible no envase a conter as seguintes referencias:
- O logotipo ecolóxico europeo
Trátase dunha folla perfilada con estrelas sobre fondo verde, que é sempre obrigatoria. No caso de alimentos certificados en Galicia, o código do órgano de control (ES-ECO-022-GA) e o selo Craega que así o certifique.
- O lugar de orixe dos ingredientes, que poden ser:
-Agricultura UE, cando as materias primas son da Unión Europea.
-Agricultura NO UE, cando os ingredientes son de terceiros países.
-Agricultura UE/NON UE, cando a orixe é mixta.