O director xeral da Industria Alimentaria, José Miguel Herrero, deu a coñecer os datos do estudo realizado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA): “Non é nada fácil que todos sexan positivos, pero é así porque se está traballando intensamente no sector desde hai moitos anos”, indicou.
Herrero recalcou a importancia do momento: “Encontrámonos nunha década histórica na que nos puxemos o obxectivo en Europa de que o 25 % da superficie agraria útil se dedique a produción ecolóxica; camiñamos cara a un modelo sostible responsable e comprometido co medio ambiente”. Ademais, anunciou para despois do verán “a campaña máis importante” de promoción da produción ecolóxica, co chef José Andrés e a creatividade publicitaria da acción de promoción lanzada polo ministerio baixo o lema ‘El país más rico del mundo’.
O informe Análisis de la caracterización y proyección de la producción ecológica española en 2019 mostra como o sector da agricultura continúa co seu intenso proceso de crecemento e configúrase como un importante ámbito alimentario diferenciado dentro do conxunto do sistema alimentario español. O documento sinala que o valor estimado na orixe da produción ecolóxica superou en 2019 os 2.310 millóns de euros, un 8,32 % máis que o ano anterior. O 77,72 % deste valor corresponde á produción ecolóxica de orixe vexetal e o restante á de orixe animal.
Algúns dos datos recollidos no estudo en referencia ao ano 2019:
- Gasto dos españois en produtos ecolóxicos: 2.363 millóns de euros (+8,4 %).
- O consumo por habitante ao ano é de 50,22 euros (+7,7 %).
- Nas vendas, España ocupa a décima posición no mercado mundial de produtos ecolóxicos.
- As exportacións alcanzaron os 995 millóns de euros (+5,1 %) e as importacións supuxeron 1.070 millóns de euros (+1,9 %).
- No tocante a produtores, había 41.840 (+6 %); deles, 36.700 ligados á agricultura, 1.820 á gandería e 3.320 a ambas. A maioría están en Andalucía, Castela-A Mancha, Cataluña e Murcia.
- Os produtos vexetais ecolóxicos máis consumidos foron as froitas frescas (un 15,5 % na cesta), e as hortalizas frescas (un 13,9 %).
- Os produtos de orixe animal máis consumidos foron as carnes e derivados cárnicos, co 15 % e a leite e derivados lácteos (7,5 %).