• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

O Craega volve por vixésima vez a Biofach, feira líder de produtos eco

Stand do Craega en Biofach 2019, a feira mundial de produtos orgánicos.

O sector eco galego xa quenta motores para Biofach 2020. A celebrar entre o 12 e o 15 de febreiro en Núremberg (Alemaña), o Craega contará por vixésima vez con stand propio. Considerada a feira líder mundial de produtos orgánicos, ofrece unha panorámica completa deste segmento, desde produción e certificación ata transformación e comercialización. Dirixido ao público profesional, o programa inclúe seminarios, workshops e conferencias sobre temas de actualidade.

Baixo o paraugas do Craega, compartirán espazo -82 m2– oito empresas: Porto-Muíños, Toca Honey (Mieles Anta), Quescrem (Innolact), Jamones González, Conservas Orbe, The Bio FactoryCoraçai e Orballo. As propostas do Consello poderán atoparse no hall 5, stand 5 – 281. 

En funcionamento desde 1990, Biofach é a maior feira de produción ecolóxica do mundo. Na última edición pasaron polo Messezentrum máis de 51.500 persoas (o 50% de procedencia internacional). Ademais de Alemaña, no top 5 de visitantes atópanse Italia, Austria, Francia e España. Nos 12 pavillóns habilitados para Biofach e Vivaness –o salón de cosmética natural- déronse cita 3.273 expositores de 98 países.

OUTRAS FEIRAS. A de Núremberg inaugura o calendario de feiras do Craega para 2020.  Pouco despois, do 28 de febreiro ao 1 de marzo, terá lugar a segunda edición de Biocultura A Coruña. Ao igual que en 2018, o Consello contará con stand agrupado para que os seus operadores teñan ocasión de poñer os seus produtos ao alcance de visitantes profesionais e público xeral. 

Na axenda tamén se inclúen a segunda edición de Organic Food Iberia (Madrid, 3-4 de xuño) e Biocultura Madrid (Madrid, 26-29 de novembro), entre outras convocatorias. 

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.