Martín Alemparte, director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), visitou onte pola mañá aos responsables do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) na súa sede de Monforte. Durante este encontro, comentáronse diversos temas que afectan directamente ao sector ecolóxico certificado na nosa comunidade, como a importancia que ten a agricultura eco para o medio ambiente e o benestar dos animais, o impacto positivo destes alimentos nas persoas que os consomen e o compromiso da Consellería do Medio Rural para fomentar a oferta dos produtos ecolóxicos certificados.
No desenvolvemento desta reunión destacouse a importancia da agricultura ecolóxica como sistema de produción de alimentos respectuoso co medio e co benestar animal, ademais de contribuír á mellora da fertilidade do solo. Neste senso, puxéronse en valor factores que teñen un impacto positivo no estilo de vida da sociedade, coma o uso de prácticas agrícolas que fomentan o equilibrio do ecosistema e a non utilización de produtos químicos, substituíndoos por outras técnicas coma a asociación de cultivos ou a rotación.
O director da Agacal sinalou o compromiso da Consellería para promocionar a oferta de produtos eco que cumpran co establecido na normativa comunitaria, amparados por un etiquetado, publicidade e presentación concretos, coa certificación do Craega.
Diversos puntos tratados no encontro
Nesta reunión fíxose unha análise da situación actual da agricultura ecolóxica en base á Memoria do 2023 do Craega, que se publicou recentemente, así como un repaso da evolución nos últimos anos.
Outro aspecto importante desta cita tivo que ver coas axudas agroambientais para as novas incorporacións, plasmadas no DOG do 15 de marzo de 2023 da Consellería do Medio Rural, tanto de gandería como de agricultura ecolóxicas para o ano 2025, no marco da última Política Agraria Común (PAC). As solicitudes deben constar antes do 31 de decembro do 2024, co cal é preciso presentalas coa antelación suficiente para a súa tramitación por parte das persoas interesadas.
Na orde especifícanse con detalle os requisitos para poder optar a estas axudas, así como as cifras a abonar segundo cada caso específico.
No devandito DOG faise mención a outro tema importante comentado neste encontro, que foi a demanda de que os gandeiros eco dispoñan do complemento en zonas de perigo de grandes carnívoros.
Tamén se abordou a posibilidade de cambiar de liña convencional a ecolóxico, tanto en gandería como en agricultura, con garantías para os operadores que se decidan a dar o paso, é dicir, que non perdan a axuda polo cambio. Este aspecto en concreto pode ser importante para animar a moita xente que quere pasarse ao ecolóxico, pero que presenta certas dúbidas.
Finalmente, a reunión concluíu abordando as distintas posibilidades de promoción co director da Agacal de cara a un futuro.
A certificación do Craega
O Consello certifica calquera produto de consumo humano e animal a excepción da caza e a pesca extractiva. A certificación abarca toda a cadea do produto: produción, elaboración, envasado e comercialización. Estes alimentos posúen unha elevada calidade nutritiva, sanitaria e organoléptica, ademais de supoñer unha elección de consumo máis responsable e sostible.