• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

O Craega publica o 5.º Barómetro sobre a percepción e consumo de alimentos ecolóxicos en Galicia

A sede da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), situada en Santiago de Compostela, acolleu onte a presentación do 5.º Barómetro de Percepción e Consumo de Alimentos Ecolóxicos en Galicia do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), co que se busca cuantificar o coñecemento e os hábitos de consumo de alimentos ecolóxicos.

 

O director da Agacal, José Luis Cabarcos, interveu en primeiro lugar e puxo en valor este tipo de estudos, que axudan a comprender o panorama actual con respecto a estes produtos e que serven como folla de ruta para desenvolver novas estratexias de promoción. Cabarcos tamén resaltou que estas iniciativas contribúen a potenciar o sector primario, unha das bases nas que se sustenta a economía galega, e a recoñecer o traballo dos produtores.

José Luis Cabarcos: “Estas iniciativas contribúen a potenciar o sector primario”

Xusto despois chegou a quenda de Francisco López Valladares, presidente do Consello, quen deu a benvida a todos os asistentes. “Este estudo, ademais de representar un paso significativo para comprender mellor as tendencias e actitudes dos consumidores, deseñouse para lanzar luz sobre o consumo de alimentos ecolóxicos na nosa comunidade”, afirmou López Valladares, quen tamén explicou que o barómetro brinda unha visión clara dos factores que inflúen na decisión de compra e como se pode traballar para fomentar prácticas alimentarias máis saudables.

Francisco López Valladares: “Agardamos que os resultados do barómetro inspiren accións positivas” 

Valladares tamén puxo en valor durante o seu discurso o labor dos participantes e colaboradores que fixeron posible este estudo: “Agardamos que os resultados do barómetro inspiren accións positivas e contribúan a un cambio significativo na forma en que percibimos e consumimos os nosos alimentos”, manifestou.

Rafael Rivadulla: “A popularidade dos alimentos eco acadou o seu máximo histórico”

Finalmente, Rafael Rivadulla, responsable de Agronovo Ecoloxía e autor deste barómetro, detallou todos os aspectos do estudo, que é froito dunha enquisa telefónica cunha mostra de 900 persoas maiores de idade con responsabilidades na compra cotiá de alimentos do fogar. Algunhas das conclusións máis interesantes ás que se chegaron foi que a popularidade dos alimentos eco acadou o seu máximo histórico, que os problemas relacionados coa dispoñibilidade dos produtos ecolóxicos seguen reducíndose ou que o recoñecemento do logotipo do Craega aumentou no ano pasado con respecto aos datos de hai tres anos. Tamén se puido ver que os consumidores destes produtos seguen a amosar un alto nivel de coñecemento sobre as súas características e que neste barómetro se rexistrou o segundo maior incremento na porcentaxe das persoas que consumen alimentación ecolóxica, acadando o 62 %.

Podes consultar o barómetro aquí.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.