Cadena SER en Galicia ofreceu esta mañá unha nova edición do Foro Conversa, centrada no obxectivo número 12 de desenvolvemento sustentable da ONE. O evento foi moderado polo xornalista de Radio Galicia, Luis Iglesias, e nel estivo presente o secretario do Craega, Javier García, para falar sobre o labor que realizan desde o Consello e analizar algúns datos da produción ecolóxica.
Baixo a lema Legado 2030. A herdanza que deixas, a concelleira de Medio Ambiente do municipio de Santiago, Mila Castro, foi a encargada de inaugurar esta cita. Tras a súa presentación, Teresa Moreira, profesora de enxeñaría química da Universidade de Santiago de Compostela (USC), centrou a súa charla a pegada ambiental e explicou, entre outros aspectos deste tema tan actual, para que serve ou como se identifica.
Acto seguido, realizouse un debate sobre as producións responsables e as empresas pola sustentabilidade. Neste encontro interviñeron Leticia Rodríguez, directora de desenvolvemento sustentable de Viaqua; Ángeles Claro, directora de sustentabilidade de Jealsa, e Javier Domínguez, presidente de Sogama.
Tras un receso, o foro continuou coa intervención do chef Pepe Solla, quen falou sobre a cociña e gastronomía con desperdicio 0. Logo tivo lugar unha mesa redonda sobre “Unha cesta da compra sustentable”, da cal formaron parte Javier García, secretario do Craega; o responsable de sustentabilidade de Vegalsa, Ricardo Castro; a xestora de comunicación de Coca Cola, Gema Domínguez, e a xerente de mercado de abastos de Santiago, Marta Rey.
Para dar paso á intervención do representante do Craega, Luis Iglesias lembrou unha cifra: os máis de cen millóns de facturación que recadou a produción eco certificada en Galicia. A continuación, deulle a palabra a Javier, quen repasou as tres principais funcións do Consello, como son a certificación de producións ecolóxicas na nosa comunidade (desde a produción primaria, pasando pola elaboración e comercialización de produtos ecolóxicos, produtos para consumo humano e animal, excepto a pesca e caza extractivas); a promoción do consumo de produtos ecolóxicos e a formación e información da agricultura ecolóxica cara a consumidores, comedores escolares etc. Ademais, expuxo os principios da agricultura ecolóxica que avala o Consello: “Buscamos producir alimentos sans, que sexan respectuosos co medio ambiente e teñan en conta o benestar animal”.
Na mesa tamén se debateron temáticas candentes hoxe en día, como o abuso de plásticos nos envasados dos produtos. Respecto disto, o secretario de Craega apuntou que algúns “van ter que seguir sendo protexidos por algún tipo de envase para que cheguen protexidos aos nosos fogares”. En referencia aos motivos que levan aos consumidores a preferir produtos ecolóxicos, puntualizou que “hai uns anos, estes elixían os produtos eco porque eran bos para a nosa saúde, pero isto está a cambiar. Agora priman outros valores como que son bos para o medio ambiente”.
Durante a cita tamén dedicaron un espazo ao subsector da gandería, sobre o que o secretario lembrou que “todas as ganderías inscritas no Consello teñen que ter unha base territorial ampla. Unha das bases dos nosos gandeiros é limpar os montes, o que repercute de forma positiva cara aos incendios”. Por fin, en referencia ao custo dos produtos ecolóxicos, os expoñentes concordaron en que esta situación cambiou nos últimos anos e García indicou que “o diferencial, respecto dos produtos convencionais, foise reducindo. Tamén, ao conseguir os produtores un tamaño mínimo, poden colocar máis facilmente os seus produtos”.
Podedes ver o debate completo aquí