• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

O Craega participa no proxecto de investigación Sambucus Go

Imaxe de Carabuñas

Sambucus Go é un proxecto para impulsar a xestión sostible de recursos naturais e ecosistemas autóctonos, enfocándose na investigación agroforestal da especie Sambucus Nigra, co obxectivo de mellorar o cultivo do sabugueiro ecolóxico. Neste estudo cooperan agricultores representados por Veigas de Sabugueiro (coa marca comercial Carabuñas), a Escola Politécnica-Produción Vexetal (Universidade de Santiago de Compostela), Anfaco-Cecopesca e o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega).

Coa participación do Craega garantirase a difusión dos avances na produción de sabugueiro respectando o medio ambiente e a fertilidade dos solos, aspectos clave da agricultura ecolóxica, ademais de garantir a posta no mercado de produtos máis saudables, nutritivos e mellor valorados. O grupo operativo contará coa colaboración de Imasde Agroalimentaria, axente de innovación encargado de coordinar, promover e dinamizar proxectos no ámbito agroalimentario, especializado na análise de datos para mellorar o proceso de toma de decisións e valorar obxectivamente os cambios implementados nos sistemas de produción.

OBXECTIVOS DO PROXECTO

Imaxe de Carabuñas

Veigas busca estudar o desenvolvemento fisiolóxico e o proceso de maduración dos froitos de sabugueiro autóctono en Ourense, coa finalidade de determinar mellores condicións agronómicas para a multiplicación, o enxerto e o deseño de novas plantacións de cultivo ecolóxico.

Tendo en conta que a súa estrutura, formada por compostos bioactivos, pode verse afectada por múltiples factores, tratarase de profundar sobre determinados aspectos do manexo agronómico (poda, rega e fertilización) e a súa influencia sobre a presenza de compostos fenólicos e antocianinas nas diferentes partes da planta, que serán analizados empregando técnicas non destrutivas de análises (NIRS).

O Consello encargarase de darlles difusión aos resultados obtidos no proxecto, co obxectivo de fomentar o cultivo de sabugueiro que garanta a súa conservación e explotación sostible en Galicia. Así mesmo, proporcionarase unha guía práctica de cultivo e, dende a USC, poñerase en marcha un curso de verán para a formación do alumnado.

Toda a información do proxecto

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.