• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

O Craega, Pakolas e Laura Romero fixeron público o proxecto de Ecoralia, a lambona ecolóxica

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) presentou o venres no auditorio Gustavo Freire de Lugo xunto con Paco Cerdeira (Pakolas) e Laura Romero a iniciativa de Ecoralia, a lambona ecolóxica. O auditorio encheuse cos alumnos de primaria dos colexios da cidade de Lugo.

 

Estiveron neste encontro o secretario xeral da Subdelegación do Goberno en Lugo, Víctor Fraga; o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Martín Alemparte, e o presidente do Craega, Francisco López Valladares. O proxecto inclúe un álbum musical con seis cancións, un libro en formato físico que se distribuirá gratuitamente nas bibliotecas de Galicia e unha unidade didáctica.

Asistiron ao evento 700 cativos e cativas de educación primaria dos centros escolares de Lugo, os cales desfrutaron do espectáculo á par que aprenderon sobre os alimentos eco, o Craega e a importancia da certificación.

O presidente do Craega, Francisco López Valladares, deu a benvida a todos os presentes e explicou que dende o Craega “sempre nos gusta facer e participar de actividades pensadas para os nenos, coma o Come Local, por exemplo”.

Martín Alemparte, da Agacal, expresou cal é o función da Agacal e afirmou que: “O amplo paraugas que temos de produtos de calidade diferenciada en Galicia é para ter en consideración. Tedes que aprender a recoñecer este produtos e tedes que valorar o que vos achegan en positivo para a vosa saúde; os alimentos eco certificados forman parte deste abanico”.

 

O acto consistiu nun espectáculo musical e ilustrado no que Laura foi relatando a historia de Ecoralia a través de debuxos en directo mentres que Pakolas cantaba e interpretaba as seis cancións. O obxectivo principal do Craega ao desenvolver esta idea é que os máis pequenos coñezan o sistema de produción ecolóxica dun xeito ameno e divertido, co fin de concienciar as futuras xeracións da importancia da alimentación saudable e ecolóxica.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.