O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica (Craega) organiza en outubro dous cursos gratuítos de compostaxe. Impartido por persoal da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama), a convocatoria dirixiuse principalmente aos operadores certificados e agora, coas prazas vacantes, ábrese unha segunda quenda para o público en xeral.
A primeira sesión terá lugar o mércores 16 (de 18 a 19 h.) na sede que o Craega posúe en Monforte de Lemos. A segunda celebrarase o mércores 23, co mesmo horario, no domicilio que o Consello acaba de estrear en Boqueixón. Con 50 prazas cada un, o criterio de admisión será por estrita orde de chegada. Os asistentes terán ocasión de participar no sorteo dun lote de composteiros. O colector entregarase sen ensamblar para facilitar o transporte.
Para participar, os operadores deben pinchar aquí e cubrir o formulario concretando as súas preferencias. Os que non estean inscritos no Craega teñen que seguir as indicacións deste enlace.
- Monforte de Lemos (Edificio Multiusos), 16 de outubro. 18 a 19 h. Google Maps
- Boqueixón – Sergude (pazo de Quián), 23 de outubro. 18 a 19 h. Google Maps
A compostaxe conta cun papel esencial na agricultura ecolóxica. Este proceso permite o peche dos ciclos de nutrientes na propia finca e, cando se aplica o produto resultante aos solos agrícolas, prodúcese un aumento dos niveis de materia orgánica e da calidade e diversidade de vida no terreo.
ACORDO CON SOGAMA. Estos cursos son froito da nova vía de colaboración que se acaba de abrir entre o Craega e Sogama. Semanas atrás o Consello formalizaba a súa adhesión ao programa de compostaxe doméstica que xestiona a Xunta a través da Sociedade Galega do Medio Ambiente. En virtude deste acordo, a entidade recibirá un cento de composteiros, de 390 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables.
Con case medio millar de operadores, a produción vexetal –principal beneficiaria deste programa- representa un tercio da actividade do Craega. A maioría repártense entre Lugo e Pontevedra. Asemade, as vendas deste segmento acadan os 20,3 millóns de euros e acaparan a cuarta parte da facturación do organismo, tal e como e desprende do seu balance de 2018.