• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

O Craega formou parte do acto de presentación da aplicación Tractus, organizado por Agronovo

Na mañá de onte celebrouse a xornada de Agronovo Ecoloxía na cal se deu a coñecer a ferramenta Tractus, unha aplicación TIC para a maximización sostible da produción ecolóxica de vacún. O encontro tivo lugar en Santiago de Compostela, no Hostal dos Reis Católicos, e o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) participou en calidade de colaborador. 

 

A cita comezou ás 11:30 horas. José Balseiros, director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, estivo presente neste acto, durante o cal mencionou a importancia da tecnoloxía para facilitar o traballo dos gandeiros e, ao mesmo tempo, mellorar a eficiencia das explotacións. Ademais, destacou os avances en materia de biodiversidade impulsados neste proxecto, debido ás repercursións positivas que terá no sector primario.

Tamén interviñeron Javier Villanueva e Xisela Fernández, de Agronovo Ecoloxía, e César Resch, do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM). O evento chegou á súa fin cunha degustación de produtos eco.

COÑECENDO O PROXECTO A FONDO

Durante o desenvolvemento da xornada, Rafael Rivadulla, director técnico de Agronovo Ecoloxía, explicounos que a idea inicial comezou no 2007. No 2022 conseguiuse a axuda a proxectos piloto da Consellería do Medio Rural, con fondos Feader, e nese mesmo ano se iniciou, aínda que foi no 2023 cando se comezou a programar a aplicación.

Co CIAM deseñouse a base de datos. Logo, fixeron visitas para recollida de datos e mostras a dez explotacións da Coruña, Lugo e Ourense da Asociación de Produtores de Leite Ecolóxico de Galicia. Posteriormente, calcularon a pegada de carbono, a biodiversidade e os custos, para poder elaborar un plan de mellora e a aplicación web.

Con respecto á celebración da xornada de onte, esperan que “sirva como punto inicial de difusión da aplicación xa rematada e que o sector sexa consciente da necesidade de traballar para mellorar a eficiencia da alimentación e os seus custos, xa que é moi difícil intervir no prezo de venda do leite, así como acadar unha mellor pegada de carbono que as grandes explotacións convencionais”, detallou Rafael Rivadulla.

En canto ao futuro de Tractus, o director técnico de Agronovo expresou que lles gustaría mellorar en canto a funcionalidades e facilidade de uso con ferramentais visuais, pero que o que máis lles gustaría é que a industria normalizase o uso de pegada de carbono con incorporación do índice de biodiversidade, porque axudaría ás granxas que están a coidar do medio ambiente.

César Resch, pola súa parte, contounos que o CIAM deu apoio técnico e tecnolóxico ao proxecto concordando con Agronovo cales eran os puntos de interese e tamén os máis febles, nos que se debería facer fincapé.

Durante a súa intervención, Resch subliñou as oportunidades que ten a produción de leite ecolóxico en Galicia ao dispoñer dun produto diferenciado en canto ás súas características físico-químicas. Tamén recalcou o grande marxe que teñen de mellora as granxas en canto ao manexo detectado nalgunhas delas e a oportunidade que deben aproveitar de facer valer os servizos agrosistémicos que achegan á sociedade.

“Cun par de horas de traballo de gabinete podemos facernos unha idea de como está unha gandería e marcarlle unha serie de pautas a seguir para que mellore os seus resultados”, recalcou César como aspecto positivo da aplicación.

Finalmente, expresou que de cara ao futuro hai que seguir traballando na ferramenta para incluír máis parámetros a medir nas explotacións, como pode ser a pegada de carbono.

Tractus consiste nun recurso dixital deseñado para facilitar o acceso, manexo, intercambio e procesamento de información das ganderías de vacún. Así mesmo, permite xestionar todos os datos recollidos na explotación analizando a situación dende varios puntos de vista á vez.

Desta maneira, obtense un informe que facilita a implementación dun plan de mellora integral e consegue a maximización dos recursos dispoñibles, aumentando a eficiencia económica e produtiva, medindo a biodiversidade e reducindo a pegada de carbono ou CO2. Os destinatarios desta ferramenta son técnicos e técnicas de xestión gandeira e gandeiros e gandeiras de produción ecolóxica.

 

CALES SON OS OBXECTIVOS DE TRACTUS?

Con esta aplicación búscanse acadar varias metas, que son as seguintes:

  • Maximizar as forraxes reducindo ata un 10 % os custos de alimentación, así como mellorar a inxestión e calidade das mesmas para aumentar a produción.
  • Reducir a pegada de CO2 medindo a eficiencia das granxas para mellorar aquelas que teñan peores rexistros. Unha baixa pegada de CO2 é unha medida indirecta de eficiencia moi válida; aquelas que producen máis con menos recursos son as máis eficientes.
  • Valorizar o índice de biodiversidade. Parametrizar este factor con medidas obxectivas dará unha caracterización positivas das granxas. Este índice contribuirá a dar solidez ao leite ecolóxico producido en Galicia.
  • Xestionar todos os datos recollidos na explotación desde varios puntos de vista á vez, emitindo un informe para unha toma de decisións personalizada optimizando a potencialidade da mesma.

O proxecto Tractus é de ámbito autonómico. Nel participan Agronovo Ecoloxía como entidade coordinadora e, como axentes cooperantes, o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), a Asociación de Produtores de Leite Ecolóxico de Galicia e o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega). 

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.