Na pasada fin de semana celebráronse dúas probas deportivas nas que a imaxe do Craega estivo presente. A primeira delas foi o XX Gran Premio Ciclista San Froilán (Lugo), na que participaron uns 400 deportistas de 35 clubs de toda Galicia. O Craega, xunto co Concello de Lugo, Mybike, Codan, Cabreiroa, Grupo Ditram e Esturion Galicia, colaboraron neste evento organizado polo Clube Ciclista Cidade de Lugo.
Despois de oito xornadas na categoría feminina e nove na masculina, a Copa Galicia Júnior de Estrada resolveuse o pasado sábado na vixésima edición do Gran Premio San Froilán. Non houbo ningún cambio no máis alto das clasificacións e os dous ciclistas que chegaban como líderes retiveron as súas camisolas do certame organizado pola Federación Ciclismo Galego. Claudia García (Team Farto-BTC) e Sergio Lorenzo (Cidade de Lugo-Mybike) proclamáronse gañadores xuvenís da temporada 2021.
A clasificación júnior masculina aínda estaba sen decidir. Sergio Lorenzo partía cunha salientable renda de puntos e soubo administrala. O porriñés formou parte do cuarteto que se xogou a vitoria ao sprint, co seu compañeiro de equipo David Pollán cruzando a liña de meta por diante de Pedro Souto (Aluminios Cortizo), segundo, e Fabián Rodríguez (Cambre), terceiro.
Todas as clasificacións na Federación Galega de Ciclismo.
I TRÍATLON CROSS DO CONCELLO DE MIÑO
O pasado domingo tamén fomos a Miño coa proba popular de Tríatlon Cros organizada polo Concello de Miño e a Deputación da Coruña, nas inmediacións da Praia Grande de Miño e coa intención de converterse en todo un referente do tríatlon galego. Un total de 81 triatletas na proba individual e ata 87 deportistas na proba de relevos estiveron na liña de saída.
Os gañadores absolutos foron Silvia Deira (Jealsa Triatlon Boiro) e Manuel Piñeiro (Cidade de Lugo Fluvial).
Todos os resultados na páxina da Fegatri.