A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) organiza unha nova edición das Catas dos Queixos e Meles de Galicia, que este ano incorporarán dúas novas categorías: produción ecolóxica e artesanía alimentaria. Para participar no apartado de produción ecolóxica, é necesario cubrir o boletín de inscrición e entregalo antes do 23 de novembro consello regulador correspondente.
Dentro da gastronomía tradicional galega, os queixos e o mel sempre tiveron un papel importante. Dentro disto, se son ecolóxicos certificados, sabemos que foron producidos e elaborados dun xeito respectuoso co medio ambiente, sen a utilización de pesticidas nin herbicidas, o cal lles proporciona unhas propiedades adicionais que resultan ser moi beneficiosas para a nosa saúde.
Para premiar a excelencia destes produtos, a Consellería do Medio Rural concede anualmente as distincións que identifican os mellores queixos e meles de Galicia. Como novidade para esta edición, a produción ecolóxica dispoñerá dunha categoría propia.
CATA DE QUEIXOS ECOLÓXICOS
Poderán participar as industrias queixeiras inscritas no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, que tamén cumpran co establecido nas normas técnicas. As queixerías interesadas deberán enviar o boletín de inscrición que adxuntamos máis abaixo, debidamente cuberto, ao Craega antes do 23 de novembro.
Os queixos que se presenten a concurso serán de elaboración propia do participante. Serán descualificados os que non cumpran a regulamentación xeral, así como aqueles que non se axusten ás características correspondentes da categoría. Cada queixería non poderá presentar máis dunha marca por categoría. Non será admitido ningún participante que nos dous anos anteriores á data de presentación da solicitude fose sancionado por infracción moi grave á lexislación agroalimentaria mediante resolución firme da Consellería do Medio Rural.
A identificación e recollida das mostras realizarase pola organización, coa colaboración do Craega, de acordo co programa que previamente se estableza. Para compoñer a mostra elixiranse aleatoriamente dez queixos dun peso aproximado de 1 kg e sempre do mesmo lote.
Para a cualificación dos queixos contarase con arredor de 12 expertos en análise sensorial que poderán proceder de centros tecnolóxicos e científicos agroalimentarios, consellos reguladores, restauración, distribución e medios de comunicación especializados que estean vinculados cos queixos de calidade.
CATA DE MELES ECOLÓXICOS
Poderán participar os meles envasados polas industrias inscritas no rexistro de instalacións da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia, así como no rexistro do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia. O mel debe pertencer á colleita do ano 2024 e deberá estar previamente cualificado polo Consello. As envasadoras interesadas teñen que enviar o boletín de inscrición que adxuntamos máis abaixo, debidamente cuberto, ao consello regulador correspondente antes do 23 de novembro.
Na categoría E, mel ecolóxico de Galicia, poderán participar os meles que estean inscritos no rexistro do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia e no da IXP Mel de Galicia. O Craega e mais consello regulador da IXP Mel de Galicia certificarán que as mostras presentadas cumpren os requisitos esixidos. Non será admitida ningunha industria envasadora que nos dous anos anteriores á presente cata fose sancionada por infración moi grave á lexislación agroalimentaria mediante resolución firme da Consellería do Medio Rural.
A identificación e recollida das mostras realizarase pola organización, coa colaboración do Craega, de acordo co programa que previamente se estableza. A mostra constará de catro envases de mel de 500 gramos, de idénticas características, elixidos ao chou de entre o lote que se presente á cata. Un dos envases quedará na industria como testemuña e os restantes empregaranse na realización da cata-concurso.
Para a cualificación dos meles contarase con sete expertos en análise sensorial, entre eles membros do panel de cata da IXP Mel de Galicia ou procedentes de centros tecnolóxicos e científicos agroalimentarios, consellos reguladores, restauración, distribución especializada e medios de comunicación.