Naiciña é o exemplo dun pequeno negocio familiar dedicado á comercialización de castañas dende comezo dos setenta, que prosperou ata situarse nos primeiros postos do mercado internacional do seu sector. Na actualidade, está presente en toda España e Europa, así como nos Estados Unidos, Latino América, Xapón e Oriente Medio.
O seu xerente, Miguel Aréan, forma parte da segunda xeración desta empresa, unha das fundadoras do Craega, que foi homenaxeada no 25.º aniversario do nacemento do Consello.
Aréan acaba de ser nomeado membro do comité consultivo e nós achegámonos a el nesta entrevista para que nos contase, entre outras cousas, cal é o papel que debe desempeñar neste novo cargo, para que nos desvelase o segredo do éxito da súa empresa e para que opinase sobre a importancia do selo de certificación ecolóxica.
Cales son as funcións e cal é a súa impresión desta nova colaboración co Consello?
O Consello é un órgano que ten que estar aí e o labor que temos que levar a cabo é o de supervisar as decisións que se tomen no seo do Craega e o de estar pendentes que todo o que ten que ver cos temas de inspección e demais se faga conforme á normativa.
Como nace Castañas Naiciña?
Nós somos xa segunda xeración da familia neste negocio, unha empresa de carácter familiar, que é unha das fundadoras do actual Craega; de feito, fomos das marcas ecolóxicas homenaxeadas no 25 aniversario do Consello como fundadoras. A iniciativa de poñer a andar o selo ecolóxico partiu na provincia de Lugo da man de Mouriño [José Mouriño Cuba, ex xefe de servizo na Consellería do Medio Rural e un dos partícipes fundacionais do Craega] e nós aceptamos de bo grao que tiña que ser así, a castaña amparada baixo a denominación de agricultura ecolóxica, así como amparar outras producións, fundamentalmente nas provincias de Lugo e de Ourense, baixo as certificacións e baixo o estándar de produción da agricultura ecolóxica, porque iso nos ía abrir portas nos mercados internacionais. Isto cumpriuse dende o A ata o Z e foi unha aposta decidida por parte da nosa empresa a implicación na agricultura ecolóxica; de feito, nos inicios levamos a cabo unha campaña intensa con produtores de confianza para que se desen de alta e mesmo chegamos dende a nosa empresa a realizar todo o trámite burocrático ante o Craega. Isto é unha historia de éxito, pero no inicio, coma en todos os inicios, sempre foron máis complicados. Con todo, nós, como estabamos moi convencidos e tiñamos ese empuxón importante por parte da Administración, decidimos apoiar o máximo que puidemos os produtores; por iso facilitamos o trámite burocrático, para que cresen no proxecto e lles fose máis sinxelo baixo o amparo de agricultura ecolóxica; nós sempre coidamos dos produtores.
“Estabamos moi convencidos e tiñamos ese empuxón importante por parte da Administración, polo que decidimos apoiar o máximo que puidemos os produtores”
E como foi a colleita de castaña deste ano?
Tanto en convencional coma en ecolóxico levamos cinco anos catastróficos por diferentes motivos fitosanitarios e, por riba, as condicións meteorolóxicas, sobre todo nos meses de setembro e outubro; foron cinco anos moi complexos, que non axudaron nada. Agora mesmo, tanto en convencional coma ecolóxico non o estamos pasando ben, pero agardamos superar estes problemas e remontar.
Cales son as formas de comercialización principais da súa produción?
Naiciña é a única empresa española que ten todas as liñas de produción de castañas: dende frescas, pasando polos produtos intermedios, como poden ser as castañas peladas-conxeladas, e secas, ata produtos finais, como as castañas en conserva.
A produción en ecolóxico sempre tentamos comercializala co maior valor engadido posible, é dicir, se temos a oportunidade de vender conserva de castaña, non imos vender produto intermedio, é dicir, procuramos focalizarnos nos produtos rematados: castañas cocidas, purés e fariña de castaña.
Cal é o seu principal nicho de mercado?
Se obviamos 2023, ano no que a nosa produción certificada en agricultura ecolóxica non foi unha referencia, e tiramos de 15 anos de histórico, o 80 % das vendas realizámolas fóra de España e o 20 %, nacional, incluída Galicia, pero a verdade é que non estamos destinados ao mercado galego, senón ao mercado especializado en produto premium.
O consumo de produción ecolóxica non deixa de medrar e é evidente que a sociedade está tomando máis conciencia.
Como cre se pode convencer unha persoa que queira producir que o faga en ecolóxico?
Penso que é fundamental no caso dos produtores que teñan de man unha industria seria detrás que lles dea unha cobertura. É primordial que vaian da man o produtor primario e a industria transformadora que vai poñer en valor esa produción.
Así mesmo, dígolles que tampouco se deixen enganar con cantos de serea. Na produción ecolóxica, as vendas que se recadan no mercado incrementaron ano tras ano, pero temos que ter en conta que esa produción sexa sostible non só dende o punto de vista medio ambiental senón tamén económico. Isto que significa? Que por ser ecolóxico non vaian vender o produto ao dobre de prezo con respecto a un convencional. Se os custos de produción se incrementan un 10 %, o lóxico é vender un 10 % máis caro. O que non ten sentido é que, se medran os prezos de custo da produción ecolóxica un 5 %, se vaia vender un 100 % máis caro.
Hai que ter en conta que existen moitas producións nas que a diferenza entre o custo en convencional e ecolóxico é mínima, ou, en moitos casos, é inexistente; por tanto, eu centraríame neses tipo de producións, que apenas teñan un incremento na produción e que que si teña unha vantaxe á hora de comercializarse.
“É primordial que vaian da man o produtor primario e a industria transformadora que vai poñer en valor esa produción”
Se temos en conta que o prezo final da maioría dos produtos certificados en ecolóxico é máis caro ca o convencional, como se podería convencer os consumidores para que elixan produtos eco?
Neste momento temos que concienciarnos de que nos atopamos nun contexto superinflacionista, polo que o consumidor medio é moi sensible ao prezo. Con todo, insisto: hai producións que facelas en eco ou convencional non carrexa diferenza de custos e, en cambio, se o incremento no lineal do produto ecolóxico é mínimo, o consumidor si vai ser receptivo. Esa é a liña que hai que seguir, a das producións que polo feito de seren ecolóxicas non teñan incrementos nos custos de produción, para crear consumidores fieis que continúen a mercar e a gozar da certificación ecolóxica.
Cre que o selo certificado (tanto o de Europa coma o do Craega no mercado galego) ofrece máis confianza? Pensa que o consumidor medio está suficientemente informado?
O consumidor convencido está absolutamente informado, sen lugar a dúbidas. Agora ben, eu entendo que dende o Craega e outros consellos reguladores se debe seguir incidindo en promover o produto eco e explicarlle ao consumidor en que consiste. Hai que insistir en non confundir os consumidores coa picaresca de que lles fagan pensar que termos coma “tradicional” ou “produción local” son produción ecolóxica, porque non é o mesmo. Daquela, o labor de divulgación sobre as vantaxes e as diferenzas dun produto eco e ao que se vende como eco sen selo ten que seguir a ser prioritario.
“O labor de divulgación sobre as vantaxes e as diferenzas entre o produto eco e o que se vende como eco sen selo ten que seguir a ser prioritario”
Xa para rematar, cal é a súa visión de futuro para este sector?
Eu non coñezo os sectores totalmente, pero no que respecta á produción vexetal, teño claro que hai que seguir adiante, porque hai mercado; está medrando todos os anos e hai demanda de produtos, con prezos razoables, por suposto, e cunha estrita revisión dende os consellos reguladores de que as cousas se están a facer ben.
Malia que descoñezo as cifras doutros sectores, si que percibo que, cando falo con clientes, doume de conta de que a palabra “sostibilidade” está moi de moda e é un termo que xoga ao noso favor, pois vai moi ligado á produción baixo o amparo da agricultura eco; por tanto, ten presente e ten un excelente futuro.
“A palabra “sostibilidade” está moi de moda e é un termo que xoga ao noso favor, pois vai moi ligado á produción baixo o amparo da agricultura eco”