• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Martín Varela, de Billó SC: “É importante consumir en ecolóxico por saúde: sabes o que estás comendo grazas ao control e garantía da certificación”

Os irmáns Modesto e Martín Varela son os propietarios de Billó SC, empresa familiar de xestión de maceiras e castiñeiros. Contan coa certificación do Craega dende os inicios da explotación −sobre o ano 2006− grazas a súa nai. O negocio evolucionou a partir do 2014, cando empezaron a automatizar algúns dos procesos. De cara o futuro, queren seguir mellorando a súa produtividade.

 

Como e cando xurdiu este proxecto?

Tal e como o temos a día de hoxe, no 2014. Había moitas castañas na explotación ese ano e deusenos a oportunidade de mercar unha máquina de recolleitar. Entón, empezamos a empregar ese aparato e vimos que a cousa ía ben. Logo xa seguimos co tema das maceiras.

Xestionamos nós a finca, dende a plantación inicial se é necesario, ata a replanta, poda, recollida e limpeza. A finca está todo o ano coidada por nós. As mazás véndense na súa maioría a Custom Drinks, aquí en Chantada.

“Xestionamos nós a finca, dende a plantación inicial se é necesario, ata a replanta, poda, recollida e limpeza”

Cal é a túa historia persoal?

A miña historia persoal vén de moi atrás. No 2006 conseguín o título de enxeñeiro técnico industrial e botei traballando fóra 14 anos, deseñando máquinas e tal. Despois xurdiu isto, cando mercamos a máquina das castañas e empezou a cousa a mellorar. No 2022 xa me din de alta como autónomo e nada, aquí seguimos coa explotación, a ver se segue funcionando ben.

Traballades en ecolóxicos xa dende os inicios?

Si. A explotación vén de ecolóxico xa de meus pais. Miña nai era a que estaba ao cargo e deuse de alta sobre o 2006. Isto foi máis ben para a venda de castañas, porque tiñamos 5.000 ou 6.000 kg na casa. 

Tedes barreiras que vos dificulten o traballo diario ou conseguistes desenvolver un método de traballo efectivo?

As barreiras que encontramos agora no rural son principalmente a man de obra. Nós tivemos que facer un forte investimento en maquinaria e colaboramos cunha empresa de servizos que nos axuda, á parte dos traballadores que somos nós, porque se non seria inviable recoller a cantidade que recollemos.

Por que a xente debería consumir produtos ecolóxicos?

Eu creo que iso está bastante claro. O consumo de produto ecolóxico garánteche non inxerir cousas que non sabes como están, que veñen de fóra e que pasan sen control. Polo tanto, é importante consumir en ecolóxico por saúde: sabes o que estás comendo e que está certificado por un consello regulador, o cal fai controis e revisións. Coñeces a trazabilidade.

Que beneficios vos achega contar coa certificación do Craega?

Os  beneficios son relevantes: o prezo é maior e o prestixio tamén; non é o mesmo traballar en convencional que en ecolóxico. Ademais temos o control: veñen revisar, fanche unha xestión da explotación… é dicir, ti coméntaslles o que queiras e eles axúdanche.

Hai algo que vos gustaría que mellorase ou que cambiase no proceso da obtención da certificación?

Facemos a recertificación cada certo tempo e a en principio nós co Craega sempre ben, non temos problema ningún. A certificación inicial xa a fixo miña nai no seu momento; esta é unha explotación traspasada, pero son bastante claros no tema de documentación e tal, non adoita haber problema.

Que cres que podería atraer a agricultores convencionais ao ecolóxico? Que se debería facer para que a xente coñecese un pouco máis este mundo?

Iso eu penso que é unha cuestión persoal, porque alguén se quere coller máis mazas e as trata, posiblemente teña máis colleita. Porén, a produción ecolóxica dáche outras vantaxes. Depende do que priorice cada un.

Cales son os vosos plans a longo prazo? Queredes cambiar en algo, mellorar, mantervos como estades…?

Os plans a longo prazo son mellorar a produtividade, xestionar as fincas o mellor posible e intentar que o cliente estea contento con nós, porque nós xestionamos a finca e ao final o que facemos repercute no cliente directamente. Entón, a longo prazo, seguir con estas fincas, tratar ben á xente e seguir traballando como fixemos ata agora.

 

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.