José Sánchez García, avó do actual director de Conservas A Rosaleira, Luis de Lorenzo, fundou esta empresa en 1940, a cal dispón da certificación do Craega desde 1997. Actualmente producen en ecolóxico grelos, tomate e fabas de Lourenzá. Luis de Lorenzo cóntanos nesta entrevista todos os detalles de Conservas A Rosaleira e tamén achega o seu punto de vista sobre a filosofía eco.
Como naceu este negocio familiar e en que ano?
Conservas A Rosaleira nace en 1940 un pouco pola dedicación de José Sánchez García, que era mestre de escola e, vendo as virtudes que tiña o terreo nesta zona, decidiu poñerlles aos alumnos unhas pequenas hortas e ensinarlles a cultivar a terra con distintos produtos. O que viu el foi que, ao sacar varias xeracións de agricultores xa preparados, a mellor forma de aproveitar ese excedente agrícola era a través dunha conserveira e, por iso, fundou Conservas A Rosaleira.
Que produtos elaborades en ecolóxico?
Os produtos que elabora en ecolóxico Conservas A Rosaleira son o grelo, principalmente, a faba de Lourenzá e o tomate.
Como é un día normal no voso traballo?
Un día normal, no meu caso, pois é un pouco xestionar a entrada de mercadoría na fábrica, falar cos agricultores, organizar as plantacións para poder traballar en continuo… Agora unha conserveira non é coma antes, que simplemente se abría cando había excedente. Agora témola que manter aberta todo o ano e por iso intentamos diversificar distintos produtos dependendo da época do ano.
Ata onde chegan os vosos produtos?
Pois ata onde chegan os galegos. O bo da conserva é que pode viaxar mellor ca o produto en fresco. E o galego cando está fóra o que máis bota en falta é a comida.
Sempre producistes en ecolóxico ou foi algo que chegou máis tarde? Como se deu esta idea?
Conservas A Rosaleira sempre foi fiel ao produto o máis natural posible. De feito, non utilizamos ningún tipo de aditivo nas nosas conservas. O cambio ao ecolóxico, o que é a certificación da fábrica, foi case inmediato, era simplemente que o noso proceso quedase certificado por medio do Craega. O outro xa foi convencer os nosos agricultores de que, pouco a pouco, se animasen a certificar as fincas, porque realmente, por exemplo, en produtos como o grelo, cultívano tradicionalmente como se fose ecolóxico, pero non teñen certificada a finca como tal.
“Conservas A Rosaleira sempre foi fiel ao produto o máis natural posible”
Desde que ano contades coa certificación do Craega?
Estamos certificados en ecolóxico desde 1997.
Por que é importante ter a certificación do Craega? Que beneficios vos achega?
Moita xente só ve un selo, pero é un selo que garante ao consumidor que iso está controlado, porque dicir que un produto é ecolóxico sen un selo que o certifique, pois será ou non será. É igual que o grelo de Galicia. Se temos o selo de Galicia, está claro que vai ser un grelo galego. Se ten o selo do Craega, está claro que vai ser un produto ecolóxico. Eu podo contar e dicir que A Rosaleira fai todo o grelo ou o cultivo tradicional en ecolóxico, pero se non mo certifica o Craega, realmente a xente só se terá que fiar da miña palabra. Penso que o selo é bastante importante neste sentido.
Que teñen de especial as conservas que se producen en ecolóxico? Hai diferenzas coas convencionais?
No noso caso, o proceso é o mesmo, porque a forma de fabricación nosa é igual; estea certificado o grelo no campo ou non, o proceso imos facelo igual. Que é o que ten en ecolóxico? Pois que para o agricultor esíxelle levar uns tratamentos axeitados e certificalos, é dicir, aínda que o faga, ou que a finca polo menos non estea ao lado doutra finca onde se boten pesticidas, etc., etc. Entón, creo que o selo do Craega é unha garantía para o consumidor.
Tedes barreiras que vos dificulten o traballo diario co tema de producir en ecolóxico?
A principal barreira que temos co produto en ecolóxico é a oferta que hai. Pouca xente, aínda que xa o estea cultivando en ecolóxico, decide certificar a finca. Entón de nada me serve se non ten certificada a finca que a súa forma de traballalo sexa así. Pouco a pouco imos convencendo ao agricultor de que iso é algo beneficioso para eles, aínda que sexa un control máis, porque ao final, queiras ou non, o Craega vai ir alí á súa finca, vai tomar unha mostra de terra, etc., etc., e vai facerlle unha serie de controis. Iso ao agricultor ás veces quítalle tempo, cre que non lle achega nada, e entón pouco a pouco imos conseguíndoo e mentalizando a xente.
Hai algo que vos gustaría que mellorase no proceso da obtención da certificación?
Creo que a facilidade á hora de acompañar á xente e que non sexa só un control, senón un pouco unha axuda. Tamén me gustaría que se controlase máis a quen di que é en ecolóxico e non ten o selo, porque ao final a quen controlamos é a quen ten o selo, porque van velo.
Por que a xente debería consumir produtos ecolóxicos?
A xente pode consumir o que queira, pero está claro que se quere consumir produtos ecolóxicos teñen que ser certificados; non porque o produto o vexa aí manchado de terra vai ser ecolóxico. Está claro que quen quere consumir produtos ecolóxicos é porque creo que ten unha sensibilidade cara ao medio ambiente e un pouco o de dicir: “Imos coidar o planeta entre todos”, porque pouco a pouco, esa saturación, sobre todo no tema agrícola, con pesticidas, fertilizantes, etc., pois estamos vendo que é un erro.
Que consello lle darías a alguén que quere comezar un proxecto en ecolóxico ou que xa o ten en convencional pero lle gustaría pasarse ao ecolóxico?
Que se animen. O bo é que van ter que rotar porque creo que é a parte básica dun cultivo ecolóxico, rotar un produto con outro e non sobreexplotar o terreo. Van ter colleitas quizais de menor cantidade, pero si máis aclimatadas a esta zona, ou a cada zona de cada sitio. Cultivar algo “dopándoo”, por dicilo así, pois pódeo facer calquera en calquera lado. O bo, por exemplo, no caso do grelo, é que o grelo de Galicia está adaptado a esta zona e entón en ecolóxico vai funcionar ben.
Cales son os vosos plans de futuro? Mellorar, mantervos como estades, cambiar en algo…
Seguir ampliando a gama, seguir certificando e, bueno, seguir animando ao agricultor a que pouco a pouco poidamos ter toda a nosa gama en ecolóxico.