José Luis Cortiñas é responsable de Sector Primario en Solid Forest, entidade certificadora que se fundou no ano 2008 e que se dedica á análise e ao cálculo de pegadas de carbono, hídricas e ciclos de vida.
Como corporación, levaron a cabo traballos sobre a pegada de carbono en granxas de carne ecolóxicas en Galicia, e tal e como nos explicou José Luis Cortiñas, “os resultados obtidos indican que estamos no nivel medio, é dicir, nin mellor nin peor que outra rexión produtora nas mesmas condicións ecolóxicas en España. Con todo, a capacidade de mellora en Galicia é moita. Estamos nunha zona con vocación ecolóxica e produtora de comida”.
En canto á normativa, que emana de Europa, explicounos que foi mudando moito porque, aspectos que agora mesmo van a ser primados, ata hai un tempo estaban penalizados, incluso nas propias declaracións da PAC. Así pois, o cambio é forte, mais adáptase bastante á capacidade de produción que hai en Galicia.
“A produción ecolóxica garánteche non só que ti te vas a nutrir dunha maneira sa, senón que tamén os teus fillos o van a poder facer, e sendo respectuosos co medio”, opinou o experto con respecto á importancia que ten a produción en ecolóxico.
A comezos de ano, o Craega presentou un estudo da biodiversidade nas granxas de produción ecolóxica de bovino: “Estudo de cuantificación dos baremos cualificativos da biodiversidade nas explotacións de produción ecolóxica de bovinos de leite e carne”. O mencionado traballo foi elaborado por Juan A. Pérez e José Luis Cortiñas. Este afirma na conversa que mantivemos con el que é o primeiro traballo que se fai en Galicia sobre a medición de espazos proclives ao desenvolvemento da biodiversidade, co cal é un camiño que aínda se está iniciando. “A grande aposta da Administración europea é que a biodiversidade se debe dar nas terras de cultivo, que vaia a máis e que academos uns niveis óptimos, tendo en conta os baremos cos que estamos medindo”.
Algúns dos temas que máis se comentan na actualidade e que incumben a este tipo de produción son o custo dos alimentos eco e os obxectivos do Plan Verde Europeo para o 2030.
Por unha parte, Cortiñas afirma que o prezo da produción ecolóxica non debe reprimir o consumo: “Os custos de produción son un pouco máis altos, pero se valoramos a capacidade nutritiva deses alimentos e a saúde sanitaria dos mesmos, é mellor recortar noutro aspecto e non no que estou comendo. Ademais, axudo a xerar vida e non a destruír o planeta, como si se fai con outras vías de alimentación”.
Por outra parte, conclúe que en Galicia non habería problema para acadar eses datos apostando por unha gandería ligada á terra: “É necesario recuperar a terra, ter chan e territorio para poder facer unha actividade que, ademais de que sexa rendible economicamente, poida axudar a que xente coma o que produce”.