Arqueixal engloba unha granxa de produción ecolóxica, unha queixería artesanal e un proxecto de ecoagroturismo. Xosé Luis Carrera, coordinador desta iniciativa, mantén un vínculo co rural dende a súa infancia. Nesta entrevista falounos dos inicios de Arqueixal e da súa historia, ademais do seu pensamento sobre a produción en ecolóxico.
De onde vén o teu interese e curiosidade polo mundo do rural e polos alimentos ecolóxicos?
Ás veces sabemos que hai algo, que non sabemos definir moi ben que é, pero hai algo: posiblemente nese subconsciente xa está e ten claro o seu cometido. Eu, dende neno, tiven un vínculo co rural; primeiro, porque nacín no rural, e segundo, porque cando todo o mundo marchaba para as cidades, eu tamén naquel momento quixen facer o amago de irme, pero había algo forte que me dicía que eu pertencía a este lugar e a estas xentes, non? Entón, aínda sen saber explicalo moi ben, había algo que notabas que che chamaba para estar aquí. Eu creo, polo tanto, que ese interese vén dende moi neno e agora cada vez se foi confirmando máis que era iso o que sucedía, non?
Arqueixal foi dende os seus inicios unha iniciativa en ecolóxico ou non?
Non. Cando eu me incorporo á actividade agraria dunha forma máis activa, alá polo ano 89 ou 90, aí bautizamos Arqueixal. No ano 2000 foi cando empezamos a cambiar á agricultura ecolóxica. Fomos dos primeiros, pero aínda así xa antes Arqueixal estaba… O que si é certo é que xa nos dedicabamos á produción de queixo, xa tiñamos unha granxa que non era intensiva, ou sexa que dalgunha maneira, xa estaba no noso pensamento facer unha agricultura sustentable, non? Dende sempre foi así, o que pasa é que despois poñelo no marco da produción ecolóxica foi no ano 2000 máis ou menos, que foi cando xurdiu por aquí a produción ecolóxica e xa fomos dos primeiros.
Como foi medrando o proxecto co paso dos anos?
Non medrou moito en canto a volume. Por exemplo, a granxa, naquel entón estaba con 35 vacas e seguimos tendo 35 vacas, ou sexa que non houbo un crecemento… Nós chamámoslle crecemento sostido nos engadidos, o que fomos engadindo á produción. Por exemplo, na queixería si que facíamos queixo, pero non facíamos iogur, e comezamos a facelo e a diversificar un pouquiño, non? Despois empezamos a facer tamén o leite fresco, sempre pensando na reutilización dos envases, tanto no leite coma no iogur, no tamaño familiar ou grande… E eses foron os primeiros pasos.
Polo ano 2008 ou 2009 empezamos a recuperación dun conxunto de casas que había abandonadas, que foi onde montamos o proxecto de ecoagroturismo activo, pero sempre pensando que todo tiña que estar fiado sobre a sustentabilidade, non? Quero dicir que o turismo activo é un proxecto de ecoagroturismo que o fixemos en bioconstrución, quero dicir, todas as liñas da sustentabilidade estaban pensadas en todo aquilo que se ía desenvolvendo no proxecto, non? E así rehabilitamos pois 4 casiñas, co que pretendemos que a xente que vén a participar e que vén aloxarse ao noso establecemento, que poida participar nas actividades que facemos, xa sexa ir levar as vacas ao prado, facer un queixo, facer un iogur, ir á horta coller unha cesta de produtos que despois pode consumir na propia casa na que está aloxado etc.
Poderíasnos falar das actividades que facedes aquí?
Dentro desa outra póla que sería o que nós chamamos cultura do coñecemento baseada na tradición, por aí viría esa parte que empezamos xa a traballar cara a colexios e grupos do Camiño de Santiago, quero dicir, que nós facemos unhas actividades por un lado, unha visita ao obradoiro, que dalgunha maneira a xente fai un pequeno percorrido por Arqueixal, e ao mesmo tempo pode facer o seu propio queixo que despois leva, non? Iso por exemplo témolo moi enfocado para familias e para grupos que están facendo o Camiño de Santiago con algunhas axencias de viaxe, entón, veñen aquí e nunha hora e media empápanse do que é a Galicia profunda, a Galicia rural e a Galicia sustentable, o cal é moi interesante.
Despois tamén traballamos noutra liña que é cos colexios. Temos unha unidade didáctica, que dura máis ou menos toda unha xornada de mañá e facemos dúas actividades. Por un lado, os nenos fan o seu propio queixo e interactúan cos animais, e despois, por outra banda, van a coñecer unha casa, que é a casa da Rebordela, unha casa viva, e o que facemos é como un personaxe: caracterízase como vivindo na casa, entón os nenos entenden de onde vimos, non? É dicir, como viviron seus pais, como viviron seus avós… Porque temos un lema no noso proxecto que é: só comprendendo o pasado poderemos construír o futuro. Deste xeito, para nós é moi importante todo o que facemos no proxecto Arqueixal. Ten moito vínculo co saber de onde vimos para saber onde nos queremos proxectar. Somos de raíces profundas, pero ao mesmo tempo estamos ramificados expostos cara o exterior, quero dicir, non somos algo pechado, senón que somos algo aberto a todo aquel coñecemento do que nos nutrimos e do que nós podemos achegar a quen veña por aquí, non?
Como funciona a comercialización da queixería?
Na parte da queixería artesanal facemos queixo con denominación de orixe, Arzúa-Ulloa, nas dúas variedades, no cremoso e no da nabiza, e despois facemos o iogur en tarro de 700 gramos e de 400, tamén tamaño familiar, e o leite en botella de cristal reutilizable. A nosa comercialización facémola en forma espiral de mercado, que é vender o máis local posible… Somos de o máis cerca posible e o máis directamente posible, saltándonos, a poder ser, a maior parte dos elos da cadea. Se podemos venderlle directamente ao consumidor final, pois fantástico, non? Porque sempre é un trato máis directo e un maior beneficio para nós, pero non sempre poder ser así, temos que usar tamén as tendas tradicionais ou as ecolóxicas, restaurantes e tal, pero si que procuramos ser sempre o máis directos posible. Isto non quere dicir que non imos mandar uns queixos a Madrid ou a Barcelona, pero a forza do noso mercado está no consumo local. Cremos nese tipo de consumo e se ademais hai que chegar un pouco máis lonxe chegamos, pero non facemos o foco na venta fóra, non? Porque cremos na economía que agora está tan de moda, que se fala moito, pero que… A economía circular esa que lle chamamos, non? Hai que entender que ademais tampouco estamos inventando nada novo, senón que a economía circular foi o que nos sostivo durante moitos séculos, isto de enviar produto tan lonxe é unha cousa dos últimos 50 anos. Quero dicir, que ao final é volver un pouco ao que xa se facía. Así que, cremos nesa economía, porque iso tamén logo fai entender cando falamos de que comprender o pasado nos proxecta no futuro, pois cando comprendemos o pasado estamos traballando: como era a economía no pasado? Porque ao mellor hai que facer un pequeno reset, e ao mellor hai que volver ao de antes. Entón por iso para nós a comprensión do pasado é moi importante para saber onde estamos e a onde imos.
Estades satisfeitos cos resultados que estades a obter do proxecto de ecoagroturismo?
Nós na parte do turismo rural estamos satisfeitos porque ao mellor non temos unha grande ocupación, pero temos a ocupación que nos permite atender da mellor maneira posible á xente que vén aquí. Temos épocas que son de moita máis intensidade, pero en realidade eu penso que está equilibrado entre o que nós buscamos e o que nos está chegando. Ese punto de equilibrio creo que está. Pero xa digo, porque non pensamos que o crecemento ten que ser sostido, e moitas veces non hai que medrar; incluso podemos pensar en que ás veces hai que decrecer, non? Non é o noso caso porque tampouco non estamos nun punto moi arriba, pero quero dicir que hai que pensar, que ás veces hai que buscar outras formas… Ese é o noso pensamento.
No teu caso persoal, nunca pensaches en cambiar de traxectoria a nivel profesional?
Nunca o pensei porque sempre lle estiven dando voltas no mesmo sitio onde estaba, non sei se me explico. É dicir, posiblemente se ao mellor estivese dedicándome a unha soa actividade, digamos, que fose gandeiro e vendese leite, pois ao mellor si que nalgún momento me cansaría desa actividade aínda que estivese en ecolóxico, pero o feito de estar tan diversificado quizais iso foi o que me permitiu poder estar navegando en diferentes sitios e variando por distintas posicións, pero, á súa vez, estando no mesmo sitio, non sei se me explico. Iso é un pouquiño o que eu considero, porque son unha persoa inquieta. Entón claro, se estivese cunha sola actividade, pois ao mellor pois podía estar un pouco cansado ou podía ter ganas de probar outras cousas. Pero cando quero probar algo novo, probo dentro do noso, dentro do que xa nós temos, mergullándonos nas posibilidades que pode ter en poder facelo atractivo a outro tipo de proxección, por exemplo, coma o que dicía das actividades coa cultura do coñecemento, pois coa actividade de Son da Aldea, que é unha actividade da que participamos de forma activa, que é a autoestima de ser da aldea, entón pois todas esas cousas son motivacións que dan moita satisfacción, porque ademais gozas moito delas e non che queda tempo a pensar que aínda pode haber máis posibilidades.
Por que producir en ecolóxico? Como explicarías ti á sociedade a importancia que ten?
Para min, creo que producir en ecolóxico é… Eu estou convencido de que, volvo a dicir o mesmo, non estamos inventando nada novo, simplemente estamos poñendo un marco, que é a produción ecolóxica, nun momento onde hai unha produción intensiva moi potente, entón hai que marcar isto. Realmente se o vemos ben, cando digo isto de que ás veces o pasado está cargado do futuro, quero dicir que ao mellor hai que facer unha pequena revisión… entón para min se hai futuro, non digo que todo teña que pasar, pero se hai futuro, o futuro está nunha produción sustentable que sexa acorde co medio, e ese é o marco da produción ecolóxica.
Que significa para ti como produtor ter a certificación ecolóxica? Cres que dá confianza aos consumidores?
Evidentemente. Aínda que en moitos casos non se coñece todo o suficiente, porque sabemos como é o mercado, é un pouco confuso, mais agora cada vez se coñece máis… Eu estou pensando de cando eu empecei a hoxe, hai 23 ou 24 anos, agora o nivel de coñecemento do consumidor do que é un produto ecolóxico é moito maior. É verdade que si que ofrece confianza, aínda que xa digo, hai moita confusión porque hai moitos produtos que se chaman naturais, que intentan camuflarse, que tamén son auténticos… Fronte a todo isto, ás veces pode pasar que o ecolóxico non se coñeza o suficiente, non? Pero desde logo que é unha maneira, porque ademais estamos nun mercado, aínda que nós temos o mercado local, pero nun mercado que é globalizado, co cal se non tes un selo que che garanta que ese produto vén dunha produción sustentable, con que confianza o podes mercar? É que podemos dubidar en moitas cousas, pero se non temos a referencia… Eu se coñezo a un produtor, podo saber que ese produtor o fai ben, que vou a mercarlle, pero vou a unha gran superficie, e compro un produto ecolóxico e me fío dun logo que me di que é agricultura ecolóxica, entón claro, nese sentido é a confianza que podemos ter e é moi necesaria.
“Se non tes un selo que che garanta que ese produto vén dunha produción sustentable, con que confianza o podes mercar?”
Que consello lle darías ti ás persoas que teñan interese por comezar un proxecto en ecolóxico?
Eu animo ás persoas que estean pensando en cambiar ben o seu modelo de produción ou ben iniciar un proxecto agora mesmo. Facelo dunha maneira sustentable creo que é o que realmente ten futuro e ademais che pode dar máis satisfacción. Ao mellor, desde o punto de vista económico, pode ser máis rendible unha produción intensiva, pero pensando na satisfacción eu creo que estamos nun cambio de paradigma, e digo isto porque creo que as persoas que inician un proxecto, intentan buscar que ese proxecto sexa satisfactorio para eles. Cando digo satisfactorio para eles non é soamente un medio de facer diñeiro, porque realmente iso funcionou ata agora, pero creo que agora a xente se revisa e di: “Eu estou a gusto co que estou a facer”. Entón creo que unha produción sustentable, unha produción ecolóxica, unha produción que está facendo un alimento de calidade e ademais en contacto coa terra pero dunha maneira respectuosa de non explotar á terra, senón de harmonizar con ela, creo que é máis satisfactorio para as persoas. Desde ese punto de vista, evidentemente eu anímoos a que proben por esa vía e a rendibilidade económica tamén a vai haber; pero, por outro lado, se non é tanta, imos a ter unha compensación importante pola parte que nos toca, da parte emocional e da parte de sentirte que estás facendo algo harmonioso.
Que plans tes de cara ao futuro a nivel profesional con Arqueixal? Manterse, mellorar, cambiar en algo…?
Estamos aí no que vai xurdindo: Arqueixal é un proxecto en movemento. O que estamos percibindo agora é que somos un lugar onde se vai achegando xente a coñecer, xente que quere facer o seu pequeno tránsito pasa por aquí, porque como hai aloxamento… e ás veces tamén pode experimentar. Queremos que este sexa un lugar que poida ser útil para a xente que queira iniciar… Co cal falamos desa función máis social, se cabe, non? É unha parte da que queremos tamén explorar porque nos parece que podemos ser máis útiles que tan só para nós mesmos.