fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Xosé Lois Lamazares, de Galletas Daveiga: “A certificación e o selo de produtos ecolóxicos é unha garantía para o consumidor”

As deliciosas e míticas galletas mariñeiras Daveiga nacen na localidade lucense de Chantada a raíz da iniciativa de tres irmáns ao redor do ano 2005. Xosé Lois Lamazares, un dos impulsores do proxecto, explicounos que pouco despois xa puxeron en marcha a liña de produción ecolóxica. Nesta conversa con el afondamos na historia de Daveiga e no pensamento que ten Xosé Lois sobre a produción eco, ademais de na aposta desta compañía pola economía social e do seu compromiso co desenvolvemento da contorna.

 

Que vos levou a desenvolver este proxecto e de onde veu a idea de fabricar este tipo de galletas?

Os promotores do proxecto somos tres irmáns que estabamos traballando no sur da provincia de Pontevedra. Somos dun concello de aquí ao lado de Chantada, de Rodeiro, e levabamos tempo dándolle voltas á idea de volver a traballar para a nosa zona de orixe. Esa inquedanza foi determinante para poñer en marcha Daveiga e, despois, tamén queriamos trasladar con ese proxecto o noso compromiso co desenvolvemento da contorna, un compromiso coas persoas e, nese sentido, apostamos tamén pola economía social.

Cal cres que é a opinión que a xente ten en xeral dos vosos produtos? Dirías que é un alimento que lles sorprende ás persoas que o proban por primeira vez?

As galletas mariñeiras desde o seu inicio foron vistas coma un produto moi diferenciado. Dentro do que son os produtos de panificación, tantos compradores coma o propio consumidor ou as consumidoras, si que vían unha alternativa ao que había daquela no mercado, e hoxe séguese vendo como un alimento moi innovador e diferenciado. 

Chegaron as galletas a toda España?

Nós empezamos co obxectivo prioritario de comercializar na contorna máis próxima, aquí en Galicia, Con todo, o mercado foinos abrindo o camiño noutras zonas xeográficas como Portugal e o resto da península. Entón, hoxe podes encontrar as mariñeiras en calquera punto da península, si.

Cóntame, a vosa filosofía de empresa está enfocada ao redor da responsabilidade social, por que queriades que fora así?

Entendiamos que poñer en marcha un proxecto propio nos permitía incorporar inquedanzas que tiñamos os promotores, e unha delas era a aposta pola economía social e polo desenvolvemento local, é dicir, que o proxecto tamén contribuíra ao desenvolvemento da contorna. O da economía social, pensabamos que tiña que ser un proxecto centrado nas persoas. Nese sentido, que debía ser un proxecto participativo e que redundara no benestar das persoas que iamos a traballar no proxecto ou que estamos a traballar nel. De aí que o modelo de economía social era o modelo que máis se adaptaba a integrar esas inquedanzas no proxecto.

En que momento decidistes engadir os produtos ecolóxicos aos que xa estabades a fabricar? Tivo que ver co compromiso que tedes co medio ambiente?

Nós empezamos a comercializar a mediados do 2006 e xa a principios de 2007 incorporamos unha liña de produción ecolóxica. Un dos elementos que queriamos trasladar era o concepto de responsabilidade, produción responsable. Iso tiña moito que ver tamén co produto que ofreciamos. Inicialmente posicionámolo un produto natural sen conservantes nin outros ingredientes químicos, sintéticos. Pero viamos que non era suficiente, podiamos ir máis alá a través da certificación ecolóxica. Nese sentido, si que apostamos claramente por unha liña de produción, de produtos ecolóxicos. Que pasa? O mercado de produtos ecolóxicos é o que é. Actualmente, supón dentro do conxunto da produción un 10%, que non está mal, pero nos limitaba un pouco a capacidade que tiñamos para xerar postos de traballo. Entón, nese sentido, seguimos apostando pola liña de produto natural convencional, pero sen descoidar a produción ecolóxica.

O tema de contar co selo, coa certificación do Craega, cres que é algo que lle fai sentir a xente confianza á hora de apostar por comprar produtos ecolóxicos?

Si, por suposto, o que é a certificación, e o selo, polo tanto, de produtos ecolóxicos, é unha garantía para o consumidor. Non é só que digamos aos produtores que o produto é elaborado nunhas determinadas condicións, senón que hai unha garantía para o consumidor certificada polo Craega. Nese sentido, é fundamental para diferenciarse doutros produtos. De feito, temos unha liña de produtos que chamamos natural, porque non leva aditivos, nin conservantes, nin produtos de sínteses, pero non está certificada. O consumidor fíase do que lle dicimos nós; nos produtos ecolóxicos é diferente. O consumidor fíase porque o Craega certifica que é de produción ecolóxica. Nese sentido é moi importante.

Como definirías a relevancia que ten elaborar e producir en ecolóxico a unha persoa que non está familiarizada con este sistema?

A produción ecolóxica estalle achegando ao consumidor unhas garantías que non ten con outro tipo de produción. Unha delas é o respecto ao medio ambiente. Desde o punto de vista do produto saudable ou san, vai atopar un produto cunhas garantías de que non ten materia prima ou ingredientes que conteñan pesticidas, insecticidas e outros produtos de síntese química e que non proveñan de produtos modificados xeneticamente. Esas son garantías que aporta a certificación ecolóxica e é un valor engadido para o consumidor, loxicamente, porque é unha garantía tanto con respecto á saúde como con respecto ás condicións en que foron producidas esas materias primas.

“A produción ecolóxica estalle achegando ao consumidor unhas garantías que non ten con outro tipo de produción”

Ti que consello lle darías a alguén que quere comezar a producir en ecolóxico?

É un modelo que ofrece unhas garantías ao consumidor e é unha maneira tamén de presentarse a ese consumidor e, ao principio, na posta marcha de calquera proxecto, é como cando un ten unha serie de coñecementos pero non están certificados por un sistema educativo. No caso da produción é o mesmo. É unha maneira sinxela de presentar un currículo, é dicir, de que se están facendo ben as cousas, de que se están facendo acordes a uns protocolos que están establecidos e, nese sentido, pode abrir moitas portas.

Xa para ir rematando, cales son os plans de Daveiga a longo prazo?

Tampouco temos obsesión por seguir medrando, pero o mercado vaite levando e é necesario para que o proxecto se consolide, por seguir medrando, aínda que non ten por que ser a carreira, e pouco a pouco.

Temos tamén claro que a liña de produción ecolóxica, o consumo de produtos ecolóxicos, aínda que hoxe representan unha parte non moi grande do consumo de produtos alimenticios en xeneral, pero si que temos claro que é un consumo cunha tendencia clara de crecemento. E, nese sentido, imos seguir apostando por esa liña de produción ecolóxica e, aparte, polo que aporta tamén ao proxecto, porque non só é o que aporta desde o punto de vista da facturación, senón tamén desde o punto de vista de levar á práctica un pouco a nosa filosofía de produción responsable.

 

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.