En pleno inverno traemos un novo número da revista, que xa podedes consultar na súa edición dixital.
Esta nova edición ábrese coa sección “Lexislación”, na que ofrecemos unha síntese das principais novidades da nova normativa que afecta á produción ecolóxica e que se aplica xa dende o 1 de xaneiro de 2022, tras o seu adiamento por mor da pandemia. Este apartado complétase coa entrevista a Diego Canga, conselleiro principal da Comisión Europea na Dirección Xeral de Agricultura e Medio Rural, que abordou interesantes temas, como as bases do Pacto Verde, as modificacións da nova normativa no tocante á agricultura eco ou o futuro do sector.
Teri Portela é a protagonista da nosa sección “A entrevista”, coñecida a nivel mundial pola súa brillante carreira como piragüista, quen nos acompañou nas pasadas Ecoexperiencias do Craega da Coruña e Ourense. Entre a súa innumerable lista de recoñecementos, destaca a medalla de prata que recolleu nos pasados Xogos Olímpicos de Toquio na súa categoría. Esta subcampioa olímpica relátanos como é o día a día dunha deportista de elite.
Tamén nos internamos na finca das Fadegas para coñecer a Marta Méndez e Montse Laya, dúas socias que seguiron traballando estas terras que naceron en 1977. Esta explotación agrícola foi unha das primeiras en contar coa certificación do Craega e é fiel á venda directa nos mercados locais, en concreto no de Ribadeo. Así o afirman na nosa sección “De temporada”.
Un número máis, Indo e Vindo Gastronomía proponnos un delicioso menú na “Cociña Eco”, nesta ocasión composto dun bocado de polo con verduras, un tradicional prato de culler e un doce irresistible.
Completan este número a “Actualidade do sector” onde coñecemos o Informe do MAPA sobre a produción ecolóxica española en 2020, así como o calendario sobre as feiras e os eventos que se levarán a cabo nos próximos meses e as últimas novidades do sector.
Pechamos esta edición cuns consellos sobre as producións de inverno na nosa sección “Aliméntate bío”.