Compartimos unha nova publicación co obxectivo de que os nenos e nenas da casa comprendan e deseñen un menú saudable para a súa idade. Tamén buscamos con este artigo que poidan clasificar os alimentos en función dos principais nutrientes e que diferencien entre dieta equilibrada e non equilibrada.
Teñen os alimentos ecolóxicos máis nutrientes?
As froitas e verduras ecolóxicas prodúcense en solos con maiores concentracións de nutrientes. Así mesmo, a gandería ecolóxica baséase no benestar animal. Isto significa que se permite o seu libre movemento, aliméntanse con produtos de maior calidade e nutrientes, toman menos medicacións… o que dá como resultado unha carne máis saudable.
A diversidade de solos que se dan na produción ecolóxica non permite sacar unhas conclusións claras de se estamos a falar sempre da mesma porcentaxe de aumento na concentración de ingredientes en comparación coa agricultura convencional. Aínda así, podemos amosar algúns resultados.
En verduras de folla verde atópase entre un 20 % e un 30 % máis de potasio e calcio e menos sodio, tendo as cultivadas de forma convencional concentracións máis altas deste último mineral do que debemos consumir cantidades moi pequenas. Teñen aproximadamente un 10 % máis de ferro e o contido en fósforo alcanza medias do 15 % por riba das convencionais. Tanto en froitas como verduras atópanse elevados contidos en vitamina C, polifenois e antioxidantes totais. Ademais, a bioasimilación dos minerais procedentes de verduras e froitas ecolóxicas é tamén maior. Podemos dicir que non só teñen máis nutrientes, senón que ademais moitos deles absórbense mellor polo noso organismo.
Con respecto aos niveis de proteínas, graxa saudable e ácidos graxos, os ovos ecolóxicos amosan maiores valores destes compostos. Estudos tamén confirman maior cantidade de proteína na carne ecolóxica, cunha absorción maior por parte do organismo e unha proporción de graxas saudables maiores.
Suxestións para traballar na casa ou na aula
- Flores negras e azuis: precisamos flores brancas recén cortadas cun bo anaco de talo e tres vasos de auga. Nun engadiremos tinta de bolígrafo negro, noutro azul e no último deixamos só a auga. Metemos as flores nos vasos e co paso dos días observaremos como as flores absorben a tinta e mudan a cor (azul e negra) e a que só tiña auga non. Esta práctica permite facer a reflexión sobre a absorción de nutrientes.
Elaboración de menús equilibrados de tempada
Para a elaboración de menús equilibrados podemos seguir as recomendacións do prato de Harvard e asegurarnos de que estamos a incluír todos os alimentos precisos nunha comida.
É importante variar os alimentos dentro de cada grupo, os procesos de cociñado (priorizando a prancha, cocción, vapor e forno antes que fritos ou guisos). As froitas deben inxerirse enteiras. Os zumes, aínda que sexan naturais, non substitúen a unha peza de froita.
O prato para comer saudable
- Aceites saudables. Emprega aceites saudables como aceite de oliva para cociñar, aliñar ensaladas e verduras. Limita a manteiga e evita as graxas trans.
- Verduras. Cantas máis verduras e maior variedade, mellor. As patacas fritidas non contan.
- Froitas. Come moitas froitas de todas as cores.
- Auga. Bebe auga, té ou café. Limita os lácteos a 1-2 porcións ao día e os zumes. Evita as bebidas azucradas.
- Cereais integrais. Come cereais integrais variados (pan, pasta e arroz). Limita os cereais refinados como o arroz ou o pan branco.
- Proteína saudable. Escolle peixes, aves, legumes (fabas, garavanzos, lentellas…) e froitos secos. Limita as carnes vermellas e o queixo. Evita o touciño, friame e outras carnes procesadas.
- Mantente activo ou activa!
Para escoller os alimentos de tempada consultar o calendario do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
Suxestión de traballo na casa ou na aula
- Prato de Harvard: facer un modelo do prato para que o alumnado teña que enchelo con recortes de catálogos e revistas de alimentos en cada apartado e adaptados á tempada na que se está a desenvolver a actividade. Despois, facer unha reflexión conxunta sobre os diferentes pratos e sobre a semellanza.
Como identificar un produto ecolóxico
Para recoñecer os alimentos ecolóxicos temos que fixarnos na súa etiqueta. O etiquetado do produto ten que ser visible no envase a conter as seguintes referencias:
- O logotipo ecolóxico europeo
Trátase dunha folla perfilada con estrelas sobre fondo verde, que é sempre obrigatoria. No caso de alimentos certificados en Galicia, o código do órgano de control (ES-ECO-022-GA) e o selo Craega que así o certifique.
- O lugar de orixe dos ingredientes, que poden ser:
-Agricultura UE, cando as materias primas son da Unión Europea.
-Agricultura NO UE, cando os ingredientes son de terceiros países.
-Agricultura UE/NON UE, cando a orixe é mixta.