• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

“Sen o apoio de patrocinadores coma o Craega, sería imposible alcanzar éxitos deportivos”: Damián Ramos, medallista olímpico en París 2024

Juan José Álvarez, presidente; Vicente Giner, director deportivo, e Damián Ramos, medallista olímpico, en representación do equipo ciclista Lasal Cocinas-Craega, acudiron a Monforte de Lemos para realizar o balance da tempada 2024 acompañados de Francisco López Valladares, presidente do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega).

 

“Rematada a tempada as sensacións do equipo foron moi boas. Participamos en máis de setenta probas a nivel nacional e aumentamos o número de licenzas ata as 140”, relatou Juan José Álvarez, presidente do equipo. Tanto a categoría masculina coma a adaptada baixo o Lasal Cocinas-Craega, como a feminina co Kiwi Atlántico-Craega, participaron na Copa de España e nas probas máis importantes que se disputaron. De feito, no ránking nacional, o equipo masculino conseguiu quedar en sexta posición. Este Club, que durante o ano que vén celebra o seu décimo aniversario, foi o único de toda España en enviar a tres xuvenís aos mundiais.

Pola súa parte, Vicente Giner, director deportivo, afirmou que “nos gustaría que cada unha das seccións que temos chegue ao seu máximo nivel e, ademais, formar os ciclistas para que poidan vivir disto e ensinarlles os valores deste deporte”. Así mesmo, tamén engadiu que “se trata dun Club moi familiar, mais non todo vale, temos unha filosofía humilde, de dedicación, perseveranza e traballo en equipo”.

Francisco López Valladares, presidente do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, expresou que é unha honra para o Consello apoiar un grupo de atletas que non son só campións na pista, senón tamén modelos a seguir pola súa ética de traballo, afán de superación e responsabilidade: “O patrocinio é a nosa contribución para que a práctica do deporte e a ilusión de tantas rapazas e rapaces non deixe de rodar”.

O gran protagonista do día foi, sen dúbida, Damián Ramos, que acudiu coa medalla de bronce acadada nos Xogos Olímpicos de París, nunha proba de en contra o reloxo, na CRI C4. Corredor do equipo adaptado Lasal Cocinas-Craega, este 2024 foi un grande ano para el, pois engadiu ao seu palmarés ademais da medalla, un campionato de España en pista, en ruta e en crono para finalizar o ano coma campión da Copa do Mundo MC4.

Damián quixo destacar a importancia do conxunto: “Sen todas as persoas que me rodean e sen o apoio de entidades coma o Craega, sería imposible acadar estes éxitos”. Tamén contou como se sentiu ao conseguir a medalla nos Paralímpicos: “Foi unha experiencia moi positiva. Gustaríame ir aos próximos Xogos, en Los Ángeles”.

De cara á vindeira tempada, buscan continuar mellorando como equipo e seguir disputando diferentes probas tanto a nivel nacional coma internacional, logrando uns resultados sobresaíntes, tal e como narrou Juan José Álvarez.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.