• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Roberto López, de Ovos Corazón de Galicia: “A certificación do Craega vale principalmente para defender o que queremos e o que temos en Galicia”

Ovos Corazón de Galicia, unha empresa que se sitúa en Chantada (Lugo), nace no 2023 e conta coa certificación do Craega. Roberto López, o impulsor deste proxecto, cóntanos nesta entrevista todos os detalles sobre a iniciativa e comparte a súa opinión sobre a produción en ecolóxico.

 

Como naceu este negocio e en que ano? 

Este negocio naceu no 2017. Montamos a granxa para unha integración e no 2023 saímonos e intentamos facer nós a nosa propia distribución e a nosa marca.

Como é un día normal no voso traballo?

Un día normal no noso traballo é un día moi longo, porque hai que vir, recoller, botar as galiñas, volver á tarde metelas, clasificar, e aparte diso somos un pouco valentes e decidimos facer nós o reparto ás tendas directamente, para que non chegue o ovo roto e non haxa problemas.

Ata onde chegan os vosos ovos? Onde e como se poden mercar?

Os nosos ovos están nas tiendas físicas pequenas de ecolóxico. En Galicia intentamos chegar a onde podemos, e o resto hai que intentar vendelo igualmente.

Sempre producistes en ecolóxico, desde os inicios? Como se deu esta idea?

Si, desde os inicios sempre producimos en ecolóxico. Desde o 2018 estamos certificados co Craega.

A idea inicial non era esta, senón que ía facerse unha granxa dedicada a vacún, pero por circunstancias ofrecéronnos montar isto e démoslle para adiante, en ecolóxico.

Por que é importante ter a certificación do Craega? Que beneficios vos achega?

A certificación do Craega vale para todo, principalmente para defender o que queremos e o que temos aquí. En Galicia podemos ter todo ecolóxico, sen problema ningún. Á hora de chegar ás tendas, ao levar o selo do Craega, non hai moito máis que dicirlles. Todo o que sexa o selo do Craega, admítenno.

Que teñen de especial os ovos que se producen en ecolóxico? Cales son as diferenzas cos convencionais?

A diferenza dun ovo ecolóxico cun convencional ou cun campeiro é que aquí non se lles pode dar medicamentos nin nada ás galiñas. Se baixa a posta o mellor que temos é que estean fóra, que coman o pasto, non se lles pode facer nada máis. Aí está a diferenza do ovo. Ás veces temos problemas con isto porque a xema é máis clariña e a xente di que é moi clara, pero esa é a realidade do ovo ecolóxico e a diferenza.

Tedes barreiras que vos dificulten o traballo diario co tema de producir en ecolóxico ou tivéstelas nalgún momento para conseguistes superalas?

Realmente o problema do ecolóxico é un pouco o consumidor, porque pensan que o que teñen na casa é moito mellor que o que está realmente certificado.

Eu teño os ovos da casa e non pasan as certificacións, non pasa o veterinario da Xunta de Galicia, non pasa ninguén. Temos que intentar cambiar a mentalidade da xente nese sentido.

Como se podería intentar convencelos?

É complicado, sobre todo coa xente maior. A xente máis nova si que o entende e si que o ve.

Hai algo que vos gustaría que mellorase no proceso de obtención da certificación?

Non, a certificación está ben. Hai unhas leis e hai que cumprilas. Xa non é cumprir as leis, e que para que sexa ecolóxico, tense que facer así. 

Por que a xente debería consumir produtos ecolóxicos?

A xente debería consumir produtos ecolóxicos para coidar o seu propio corpo, todo o que metemos para dentro somos nós. Todo comeza pola alimentación.

“A xente debería consumir produtos ecolóxicos para coidar o seu propio corpo”

Que consello lle darías a alguén que quere comezar un proxecto en ecolóxico ou que xa o ten en convencional pero quere pasarse ao ecolóxico?

Que o vexa como algo no que cre, non coma un negocio.

Cales son vosos plans a futuro? Mellorar, manterse como estades, cambiar en algo…?

Os nosos plans de futuro serían poder medrar un pouquiño e mellorar no sistema de loxística: intentar ir todas as semanas ás tendas, e non semana si e semana non, pero é complicado. Sendo dous sós, é moi difícil chegar a todo.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.