• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Posibilidades, apoios e oportunidades da agricultura ecolóxica certificada

As posibilidades que a produción ecolóxica ofrece de cara a potenciais novas liñas de negocio agroalimentarias poden ser un bo motivo para converter unha explotación convencional en ecolóxica ou para iniciar unha nova andaina neste sector que beneficia tanto o medio ambiente onde se produce coma a saúde das persoas que consomen estes alimentos ecolóxicos certificados. Vémolo nesta nova entrega do noso blog.

 

No último ano en Galicia, a agricultura ecolóxica aumentou un 12 % en número de operadores (elaboradores e productores) e na última década (2012-2022) o crecemento rexistrado foi do 148 %. A concienciación medioambiental acompañada da demanda dos consumidores son os motores que impulsan este sistema, cada vez con máis futuro, de producir alimentos.

Non obstante, esta concienciación ten que vir acompañada dun “aval” e este aval é a certificación ecolóxica, a única forma de garantir que os alimentos son producidos/elaborados de acordo a prácticas agrícolas respetuosas co medio ambiente e o benestar animal, co que se conseguen alimentos de alta calidade, sen pesticidas e sen aditivos non permitidos. Esa é a garantía do selo Craega, o cal se enmarca dentro das normas europeas de obrigado cumprimento.

Ademais, en vista da crecente demanda de produtos ecolóxicos coa súa certificación e tendo en conta os importantes cambios realizados recentemente na PAC, a Comisión Europea, no marco do Plan de acción para o futuro da produción ecolóxica na Unión Europea, pretende aumentar o grao de coñecemento, por parte de agricultores e axentes rurais, das medidas dispoñibles en beneficio da agricultura ecolóxica a través dos instrumentos pertinentes previstos pola nova política agrícola común e a política pesqueira común.

Por iso, se xa es un consumidor da alimentación ecolóxica, estás a pensar en producir alimentos con certificación ecolóxica ou queres dar o paso de convencional a ecolóxico é fundamental coñecer as medidas de apoio existentes no marco da política agrícola común  (PAC) e do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), tanto no que atinxe as normas dos procesos de produción, transformación e comercio coma as relativas á conversión.

A continuación, resumímolas en seis puntos principais:

1. A NOVA POLÍTICA AGRÍCOLA COMÚN (PAC)

Todos os Estados membros deben dedicar o 30 % dos pagos directos a financiar a adopción de prácticas agrícolas sostibles, o denominado “Pago Verde”. Se vostede xa é un agricultor eco, non terá que modificar as súas prácticas agrarias para cumprir con ese pago.

2. O PAGO VERDE

A UE ofrécelles cofinanciamento ás asociacións de agricultura ecolóxica, sindicatos agrarios, organizacións ambientais e outras partes interesadas para explicarlles ao público, agricultores e demais persoas activas das zonas rurais en que consiste a agricultura ecolóxica no marco da nova PAC.

3. A ALIMENTACIÓN ECO NAS ESCOLAS

É importante lembrar que a UE financia programas voluntarios que lles ofrecen ás escolas a posibilidade de abastecerse de alimentos ecolóxicos e de abordar temas relacionados coa agricultura ecolóxica. Esta posibilidade de financiamento fortalece o vínculo entre os alumnos e as alumnas e a agricultura ecolóxica e axuda a afianzar a demanda destes produtos ecolóxicos a longo prazo.

4. PROGRAMAS DE DESENVOLVEMENTO RURAL

Os Estados membros teñen a oportunidade de ofrecer apoio adicional aos agricultores e operadores ecolóxicos a través dunha serie de posibilidades de financiamento flexibles para promover, por exemplo, a cooperación na cadea alimentaria para impulsar a innovación, o desenvolvemento de programas de calidade para os produtos agrícolas, a creación de grupos ou organizacións de produtores etc.

5. O MAR TAMÉN PODE SER ECO: A ACUICULTURA

Existen medidas en asuntos  marítimos e pesca que ofrecen apoio para converter os métodos de produción de acuicultura convencionais en acuicultura ecolóxica a través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

6. INNOVAR E INVESTIGAR

Finalmente, tamén existen iniciativas de apoio aos grupos de de agricultores, investigadores, divulgadores agrarios, empresas, ONG etc. de áreas rurais para traballar conxuntamente en proxectos innovadores a través de EIP AGRI. O financiamento lévase a cabo a través do Feader

Máis información

 

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.