Co obxectivo de fortalecer a presenza do sector ecolóxico galego nos mercados internacionais, os pasados días 4 e 5 de xuño asistimos á Organic Food & Eco Living Iberia, no Ifema de Madrid.
Baixo o paraugas do Craega, durante dous días nove empresas galegas certificadas en ecolóxico expuxeron o seu bo facer nesta feira, enfocada a descubrir as últimas novidades do sector, probar diferentes produtos, estar en contacto con almacenistas, comerciantes polo miúdo, supermercados, distribuidores, restaurantes etc. Nesta ocasión, representaron o sector eco galego Pan do Mar, Traloagro, Mieles Anta, The Biofactory, Galletas Daveiga, Orballo, Camoco Foods, Algamar e Portomuiños.
Cómpre destacar que Organic Food Iberia é unha feira a nivel nacional e internacional, líder da península ibérica en produtos ecolóxicos, onde se dan a coñecer empresas con certificado ecolóxico tanto de España como de Portugal e do resto do mundo. Sen dúbida, foi unha nova oportunidade para volver amosar a indiscutible calidade da produción galega co selo do Craega.