BioCultura Madrid pechou este domingo catro xornadas de feira cun grande éxito. A pandemia aínda permite unha volta á presencialidade tímida, pero o sector ecolóxico reuniu máis de 34.500 persoas nos corredores de Ifema. Ángeles Parra, directora de BioCultura, sinalou que “todos tiñamos ganas de volver atoparnos tras o impasse da pandemia. E o público respondeu moi satisfactoriamente a esta necesidade de escapar dun anunciado futuro distópico. Hai que actuar e hai que facelo xa”. Ademais, indicou que todo é unha mostra de que o público quería volver reencontrarse e tamén de que “cada vez máis persoas saben que o consumo é unha forma de loita e dunha clara aposta pola rexeneración. Dime que consomes e direiche a que mundo aspiras”.
A grande acollida desta cita abre a campaña que o Goberno español inicia esta mesma semana para promover o consumo de alimentos ecolóxicos e mostrarlle á cidadanía as súas múltiples virtudes.
Os profesionais do sector non deron abasto para participar nas actividades e acudir ás casetas e ás salas onde se presentaban novos lanzamentos. Parra resaltou que “o sector ecolóxico é moi dinámico, moi novo e moi feminino. Somos xa o presente e somos o futuro dunha verdadeira economía”.
O CRAEGA, PRESENTE NESTA CITA
Neste encontro de referencia internacional estiveron presentes varios operadores do Craega que agrupou nunha caseta común varios deles: The Bio Factory, Galuriña, Terra de Baronceli, Cervezas Celebridade Galega, Sovoral Galicia, Algas La Patrona, Capitán Alga, Los Sabores del Camino, Zumiño, Celtaverde, Bubela Artesá e Mieles Anta. Así mesmo, Orballo, Porto-Muiños e Algamar, firmas que tamén contan coa certificación ecolóxica, asistiron a este evento con posto propio.