• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Onde mercar alimentos ecolóxicos certificados?

O interese dos consumidores por adquirir produtos ecolóxicos certificados medra ano tras ano. Porén, moitas veces non temos moi claro onde podemos comprar estes alimentos. A continuación, explicamos en que tipo de establecementos e lugares se poden conseguir, os últimos datos analizados con relación a este tema e cales son os pasos a seguir para asegurarnos de que, efectivamente, os produtos que estamos a escoller son ecolóxicos.

 

A través do Panel de Consumo Alimentario que elabora o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e do Barómetro 2023 do Craega obtemos información útil sobre os tipos de locais onde se mercan habitualmente alimentos ecolóxicos certificados. Cabe destacar que o diñeiro dedicado á compra de alimentos ecolóxicos ascendeu a 2.532 millóns de euros a nivel nacional.

No caso do Panel, obsérvase información de 12.500 fogares de todo o país, que rexistran os alimentos que compran para consumir na casa. De cada un destes alimentos recóllense varios datos, entre eles, se posúe ou non o selo da agricultura ecolóxica.

Segundo os datos proporcionados polo Panel de Consumo Alimentario, en España comercializáronse, no 2021, 693 millóns de kgs/litros de produtos eco. Estes alimentos pódense mercar en catro tipos de lugares diferenciados:

  • Pequeno comercio: tendas tradicionais, comercios especializados coma carnicerías ou froiterías, herboristerías, prazas de abastos, mercadillos… O 35 % das vendas realizouse a través do pequeno comercio (35 % en tendas tradicionais, 23 % en prazas e mercadillos, 20 % en panaderías e 11 % en carnicerías).
  • Cadeas de supermercados: hipermercado, supermercado e autoservizo. Son os lugares onde máis se venden produtos eco, cun 47 % do volume (80 % en supermercados e autoservizos e 20 % en hipermercados).
  • Venda directa: compra directa ao produtor. Só un 5 % foi comercializado polas persoas produtoras.
  • Resto: economato/cooperativa, venda a domicilio e vendas por Internet. No caso das vendas online, no 2021 fixéronse compras de alimentos eco por valor de 70 millóns de euros, representando un 2,6 % das vendas. Un 13 % adquiriu produtos eco empregando os restantes canais.

Por outra parte, segundo os datos do barómetro 2023 do Craega, que presenta as conclusións dun traballo realizado en xuño de 2023 a nivel de Galicia, observouse que os locais de compra habitual dos enquisados de alimentos eco son os supermercados (67,4 %), as tendas especializadas (22,8 %) e as tendas tradicionais/de barrio (21,5 %).

Ademais, aumentou o coñecemento sobre os alimentos ecolóxicos con respecto aos datos do barómetro de 2020. Un 99 % coñece ou escoitou falar dos alimentos eco (en contraposición ao 91,1 % en 2020), e só un 1 % non coñece este tipo de produtos (en 2020, a porcentaxe elevábase a un 8,9 %). Así pois, consolídase a súa notoriedade e normalización nas compras alimentarias en Galicia.

En canto aos produtos ecolóxicos na cesta da compra, practicamente a metade dos consumidores galegos de alimentación ecolóxica afirma que entre o 10 % e o 30 % da súa compra está composta por produtos eco. As persoas de ata 34 anos son os que en maior porcentaxe elixen estes alimentos. Ao 83 % gustaríalle aumentar a porcentaxe que supoñen os produtos eco na súa compra.

 

Que tipo de alimentos eco se venden máis en cada un destes establecementos?

Segundo o Panel de Consumo Alimentario, en grandes cadeas: leite (91 %), bebidas vexetais (81 %), froitas e hortalizas transformadas en conserva (79 %), pasta alimenticia fresca ou seca (78 %), infusións e cafés (71 %), bebidas de froitas e verduras en néctar e zume (68 %), arroz (66 %), pratos preparados (64 %), galletas e pastelería (63 %), carne fresca (57 %), aceite (53 %), carne transformada (53 %), froitos secos (49 %) e fariñas e sémolas (47 %). Outro dato interesante: dous destes alimentos mércanse máis nos hipermercados que nos supermercados: o leite e o aceite.

Hai outros alimentos nos que a cota de mercado é similar entre o pequeno comercio e os supermercados: froitas e hortalizas frescas, legumes e ovos. Os ovos contan cunha particularidade: o 21 % adquírense directamente ao produtor ou produtora en cuestión.

O pan (59 %), o viño (53 %) e as patacas (35 %) mércanse preferentemente mediante o pequeno comercio. O viño tamén se lle compra de forma directa ao produtor ou produtora nun 13 % dos casos.

Se analizamos os datos do barómetro 2023 do Craega, vemos cales son os alimentos ecolóxicos máis consumidos na comunidade galega. Destacou, con respecto ao anterior barómetro, o incremento do consumo de produtos frescos. O produto ecolóxico segue ligado ao alimento fresco, pero a variedade de elaborados e industriais nas cestas da compra viuse aumentada respecto a anos anteriores. 

Os cinco tipos de alimentos favoritos son, por orde: froita, hortalizas e verduras frescas; lácteos; ovos; pan, cereais, pastas…, e polo e outras aves.

 

A importancia da certificación

Agora que xa sabemos onde podemos mercar produtos ecolóxicos e diversas cifras e datos de interese, lembrámosvos que debemos prestarlle atención ao etiquetado dos alimentos escollidos para asegurarnos de que realmente son ecolóxicos.

  • O logotipo ecolóxico europeo consiste nunha folla perfilada con estrelas sobre fondo verde; este é sempre obrigatorio acompañado do código de control da nosa comunidade autónoma ES-ECO-022-GA.
  • O selo de garantía Craega é a etiqueta que demostra que o alimento foi producido de maneira respectuosa co medio ambiente sen a intervención de elementos, compoñentes ou procesos químicos. Obtense despois de demostrar de maneira fidedigna que o produto é totalmente ecolóxico, con controis en cada fase da produción, elaboración e comercialización cumprindo coa normativa do Regulamento (UE) 2018/848 do Parlamento Europeo e do Consello.

 

Fontes:

Lugares donde se compran los alimentos ecológicos

  • 5.º Barómetro 2023 do Craega

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.