• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

O selo Craega viaxará por toda España en apoio do Club de Ciclismo Louriña

Francisco L. Valladares e Javier García, presidente e secretario do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia respectivamente, reuníronse esta mañá no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo con varios membros do Club de Ciclismo Louriña (O Porriño, Pontevedra), entre os que se atopaba Juan José Álvarez, presidente e fundador do Club, co fin de asinar o patrocinio que lle brindará o Consello a este club nas súas vindeiras competicións.

O presidente do Craega salientou a relevancia deste tipo de accións “para levar a cabo a promoción da agricultura ecolóxica nun equipo de deporte de xente nova e, deste xeito, concienciala da alimentación saudable e do respecto ao medio ambiente e, por suposto da realización de deporte como unha das actividades máis saudables para todas as idades”.

Pola súa banda, Javier García, secretario da entidade, expresou o seu interese en ser un dos patrocinadores dun club de ciclismo coma este, que inclúe sección masculina e feminina, e un equipo adaptado, e que compite en varias categorías. Neste senso, García lembrou o anterior patrocinio que xa levara a cabo hai uns anos o Consello como patrocinador do Club Ciclista Cidade de Lugo.

Dado que o Club Louriña compite a nivel autonómico e estatal (4.º ranking provisional de Clubs Categoría Élite Sub-23 na actualidade), o selo do Craega viaxará por toda España rotulado nos coches, na furgoneta e no camión de apoio e mais nas camisetas dos ciclistas.

Club oficial Copa de España en tan só tres anos

O presidente e fundador do Club pontevedrés confesou o seu orgullo ante o feito de que unha entidade como o Craega se fixase neles para ser un dos seus patrocinadores, o que lles dá ánimo para seguir na liña de ascenso na que están, porque son un club moi novo -comezaron hai tres anos coa idea de fomentar o ciclismo entre a xente máis nova na súa zona- e xa son un club oficial Copa de España, que conta no seu currículo con tres autonómicos gañados este ano (A Rioxa, Andalucía e Galicia) na sección masculina. A súa sección feminina corre tamén na Copa de España e é Campión de España de Ciclismo Adaptado.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.