Trece empresas ecolóxicas certificadas participan na 26ª edición de Biocultura Barcelona. A celebrar entre o 9 e o 12 de maio no Palau Sant Jordi, o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) súmase por terceiro ano consecutivo á que está considerada a feira orgánica máis importante do Estado español. Organizada pola Asociación Vida Sana para profesionais e público xeral, prevé reunir a máis de 700 expositores. A programación inclúe máis de 400 actividades entre showcooking, eco-foodtrucks, obradoiros e concertos.
O CRAEGA contará de novo cun stand agrupado de 66 m² no que compartirán espazo as trece firmas inscritas: Toca (Mieles Anta), Sovoral, Paporroibo, Biowak, Casa Castelao, Galician Brew, Terra de Baronceli, Pecado de Outono, Orballo, Producto de Aldea, Cervexa Celebridade Galega, Green Mixology e Galuriña. Durante catro días, no Palau Sant Jordi será posible atopar produtos ecolóxicos certificados polo Consello como mel, infusións, aceites vexetais, embutidos, cervexas, marmeladas, viño, destilados e ata empanadas.
ORGANIC FOOD IBERIA. En xuño, o sector ecolóxico galego sae de novo de viaxe para para sumarse á primeira edición da feira internacional Organic Food Iberia. A cita terá lugar desta vez en Ifema (Madrid) entre os días 6 e 7. Dirixida ao público profesional, aspira a converterse en punto de encontro entre os principais representantes do sector agroalimentario, as bebidas e os viños ecolóxicos.
No stand do CRAEGA -78 m²- compartirán espazo nove empresas certificadas: Toca (Mieles Anta), Porto-Muíños, Eco González (Jamones González), The Bio Factory (A Factoría Ecolóxica), Coraçai, Casa Grande de Xanceda, Gudi Eco Foods (Eco Bracan S.L.), Galician Brew e Orballo. No recinto daranse cita centos de expositores, destacados relatores, formadores de opinión e grupos de debate. En paralelo, terá lugar Eco Living Iberia, outra convocatoria internacional enfocada neste caso aos sectores da cosmética, produtos do fogar e moda ecolóxica natural certificada.
TUTTO FOOD 2019, EN MILÁN. O eco galego tamén terá presenza en Tutto Food 2019, unha feira internacional B2B de alimentos e bebidas que cada dous anos organiza Fiera Milano. Desta vez terá lugar entre o seis e o nove de maio. O CRAEGA disporá dun espazo propio no posto que habilitará a Consellería do Mar. Ata alí desprazarase un representante do Consello cos produtos dos oito operadores inscritos: HQSeawed, Jamones González, Casa Castelao, El Molino de Isabel, Gudi Eco Foods (Eco Bracan), Palacio de Oriente, Mieles Anta e Porto-Muíños.
DE ALEMAÑA A REINO UNIDO. Con estas tres feiras, o CRAEGA pecha un intenso primeiro semestre de actividade que levou o produto ecolóxico certificado ata Núremberg (Alemaña) e Londres (Reino Unido). O Consello xa é un veterano participante en Biofach, a feira orgánica máis importante do mundo. O pasado febreiro achegáronse ata o país xermano trece empresas certificadas, a cifra máis elevada desde que este organismo aterrara por primeira vez no encontro en 2000.
Cinco das firmas participantes volveron a saír o pasado abril ao exterior para exhibir os seus produtos no stand que o CRAEGA montou no Excel London no marco da Natural & Organic Products Europe.
CASE 80 MILLÓNS DE EUROS EN VENDAS. O CRAEGA medra ano tras ano. En 2018, as vendas de produto ecolóxico certificado disparáronse un 33,2% e acadaron os 78,7 millóns de euros. Arredor da metade do produto certificado véndese fóra de Galicia. Desta porcentaxe, entre o 20% e o 30% comercialízase no mercado exterior.
O leite UHT e a carne avícola, por esta orde, son os produtos estrela. Cunha facturación superior aos 26 millóns de euros e un crecemento de case 41 puntos, o lácteo é con diferenza o que máis ingresos xera. Galicia certifica o 65% do leite que se consome en España.
A superficie certificada polo Consello tamén anota datos positivos. Con 33.736,44 ha certificadas, o crecemento durante o curso pasado ronda os seis puntos. A provincia con máis terreo en ecolóxico é Lugo, xa que suma 16.507 ha (o 49% do total).
En canto ao número de operadores, o CRAEGA rexistra neste caso unha suba de case oito puntos e computa 1.152 inscritos ao peche de 2018 (un 125,8% máis que en 2008). Cun 37,6%, a vexetal consolídase como a produción maioritaria no conxunto da comunidade.