Esther Teijeiro, da bodega Diego de Lemos, foi a primeira muller en cultivar viño en ecolóxico de toda Galicia. Con xa 87 anos, séntese satisfeita por todo o camiño feito, a pesar das dificultades polas que pasou constantemente. Comezou cunhas botellas de viño e o negocio foi prosperando pouco a pouco ata acadar o éxito co que agora conta.
Dedicaches toda a túa vida ao coidado das viñas familiares. Que importancia ten e tivo isto ao longo de todo o teu percorrido persoal e profesional?
Eu veño de vivir do viño, porque os meus avós viviron do viño, os meus pais viviron do viño e eu non coñecín outra cousa. Se había dúas vacas, era para comer un becerro ou o leite de todos os días, que non iamos ao supermercado, non? Que mal se vivía naqueles tempos, os meus pais si que traballaban e para malvivir moitas veces. Pero comíase, aínda que non fose coma agora; e era todo natural, como me gusta a min comer hoxe aínda. Agora pasamos a ter moita cantidade, pero moi malo todo.
Xamais pensaches en parar ou cambiar de traxectoria? Por que?
É que cando pare, quero mellor morrer. Agora xa non traballo, traballei moito, pero agora non. Vou ás viñas, pero non dou o sulfato. Se teño que coller un pouquiño aínda o fago, non pasa nada. Aínda que sexan 5 litros. Pero gústame a natureza e gústame comer todo sa se podo: poño a miña horta, os meus tomates… porque eu non podo comer tomates que veñen de fóra, porque non me saben a nada, son duros. Eu todo o que teño aquí é ecolóxico. Por exemplo, as miñas galiñas comen penso natural. Gústame isto, xa estamos moi cansos de tanta química. A ver se un día isto dá un cambio para atrás e poidamos comer un pouquiño máis sa.
“Criticábanme porque as miñas viñas tiñan herba, dicían: ‘A túa ribeira florea’. Pero eu sempre pensei que se tratas ben a terra, ela devólveche o que lle das”
Cres que iso vai pasar? Que está o mundo cambiando un pouco e vamos cada vez máis cara o ecolóxico?
Eu creo que vamos máis cara o ecolóxico. Cando eu comecei, había un técnico, e agora debe haber 17 ou 18. Se hai técnicos, é porque a xente se preocupa por esas cousas, non? Pero gustaríame que haxa moito máis. A ver se pode ser.
Nalgún momento se te cuestionou como muller polo teu traballo?
Si, moito. Algunha vez me sentei, crucei os brazos e dixen: de verdade, eu ao mellor estou un pouco tola, porque xa me dicían que estaba tola. Un día aquí o que nos vendía os produtos para as viñas, herbicida e todo, veu e dixo: “Esther, vas moi mal, vas moi mal porque vas morrer de fame”. Eu só tiven ese recurso de dicirlle pois mira, un ano, pasa, porque foi o primeiro ano. Un ano pásase pronto. E pasou o ano e dixen: un pouquiño menos colleuse, porque as cepas estaban acostumadas a botarlle a terra, pero de fame aínda non morremos. Seguín outro ano. E dixen: pois de fame non se morre. Teremos que andar máis encima da ribeira, quitando a herba, pero pódese.
Por que producir en ecolóxico? Cal é o teu pensamento ao respecto?
O meu pensamento só era non envelenar os meus fillos con cousas malas, nin á xente que eu lle ía dar o viño. Que todo fose limpo. Non quería que ninguén dixese: “Mira, o viño da Esther bebémolo e fíxonos moito dano, tivemos que ir ao hospital”. Non me gustaría iso e foi a maneira de tirar, de dicir: pois loito. Pero como a xente non me axudaba nada, algunha vez tamén a moral a tiña polo chan. É complicado. Se é hoxe, creo que non o faría, porque chegaban dous veciños que me querían ben, e dicíanme: “Esther, mira as túas viñas como che florean”.
Aínda que un día viñeron aquí uns xornalistas de Navarra e tiñan contacto cun francés que era o asesor de moitos asuntos ecolóxicos. Eu díxenlle aos xornalistas que o peor é a herba, porque medra, quito unha e vén a outra, e iso dáme unha lata que non a ía dar aguantado. Pero aquel xornalista francés mandoume unha revista a través deles, coa mensaxe de: “Dille a Esther que non se preocupe pola herba, que a cepa quere compañía. Pois que teña compañía”. Entón había quen me desanimaba, pero había quen me animaba.
Gustaríame que a xente nova mirase máis pola terra. E a xente en xeral, que todo o mundo lle ten medo. Como un señor dixo: “A terra está moi baixa, témonos que debruzar moito para coidala. Pero a terra non come a ninguén”.
Ti cres que podes ser un exemplo a seguir para moitas rapazas galegas?
Si, eu creo que tiñan que seguir. Cando Calleja me preguntou: “A xente que marchou toda, volverá?” Dixen: “Volverá. Tardará, pero volverá”. Aínda que xa tarda demasiado, porque xa hai 7 anos, pero o que pasa é que tamén a terra está moi mal pagada e a xente nova non quere pasar o que nós pasamos tampouco, nin debe. A Administración tiña que axudar un pouquiño máis. É dicir, mira: Se ti traballas a terra, pois ata que produza, dámosche algo para poder sobrevivir, claro. Esa é a miña opinión. E así trabállase a terra, que está quedando toda a monte, e comemos dela.