Paula Bernárdez, de Mieles Anta, presentou á última edición dos Great Taste Awards varios dos meles que producen; en concreto, unha das propostas foi un mel ecolóxico que conta coa certificación do Craega, o Toca multifloral de montaña, co que acadaron o maior número de estrelas, tres en total.
Outro recoñecemento máis para os produtos galegos ecolóxicos de gran calidade! O mel Toca multifloral de montaña ecolóxico, de Mieles Anta, conseguiu tres estrelas nos Great Taste Awards 2024.
Paula Bernárdez está a cargo deste negocio xunto con seus dous fillos. “Os inicios de Mieles Anta xurdiron con David Corral, que era o meu marido, sobre o ano 1980. No 1991 formouse a sociedade e no 1995 incorpórome eu”, narra Bernárdez sobre os inicios da entidade.
No ano 2005 comezaron a súa actividade no Pazo de Lusío para iniciar a produción en ecolóxico. Houbo un período de transición de dous ou tres anos con algunhas colmeas e despois foron medrando.
En canto á localización, a súa actividade iniciouse en Toca; tamén estiveron na Coruña e, finalmente, trasladáronse a Bóveda, onde teñen todo actualmente: explotación, produción, envasado e distribución.
“Todos os anos que nos presentamos gañamos algún recoñecemento, o cal é moi importante para nós”, afirma Paula. Neste sentido, confesa que os meles que máis éxito adoitan obter nos certames son os ecolóxicos, xa que fóra de España, a nivel internacional, valoran moito os eco. “O noso mel eco está situado en paraxes virxes de aquí de Galicia; fóra ten moitísima demanda”, conta Paula.
Non só participan de forma habitual nos Great Taste Awards, senón que tamén o fan noutros certames (London Honey, Biomel, America Foods Awards), onde conseguiron diferentes premios.
Esta semana estiveron nunha feira nos Emiratos Árabes, en Dubai: trátase do ISM Middle East 2024: “As impresións e o recibimento foi moi positivo”, afirman.
A APOSTA POLA PRODUCIÓN DE MEL ECOLÓXICO
Un dos motivos principais que levaron a Mieles Anta a apostar pola produción de mel ecolóxico foi que, cando decidiron probar a abrir o negocio ao mercado de fóra de España, viron que o que máis demandaban era produto ecolóxico e non convencional.
“Eu creo que agora mesmo todo o mundo vai cara un consumo moito máis ecolóxico; de feito, hai moitas máis tendas eco, moito máis produto eco a xente está máis concienciada que hai anos”, expresa Paula.