• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

O mel eco, en crecemento con máis de tres millóns de colmeas ecolóxicas en todo o mundo

O mel foi recoñecido durante séculos polos seus valores nutricionais. A crecente demanda de produtos naturais con beneficios saudables é o principal motor do crecemento do mercado de mel ecolóxico, cada vez máis grande e consolidado a escala internacional.

De acordo co último informe The world of organic agriculture do FiBL, hai máis de tres millóns de colmeas ecolóxicas en todo o mundo, o que representa aproximadamente o 3,4 % do total. A gran maioría sitúanse en Europa, o 47 %. Este continente é o maior actor do mercado mundial, cun valor de 67 millóns de dólares e unha cota de mercado do 39 %.

O mel é o principal produto de orixe animal importado no mercado ecolóxico, cunha cifra de case 18.000 toneladas importadas en 2019, segundo subliña o informe. Paralelamente, tamén aumentou o número de lanzamentos de produtos de diferentes tipos, sabores e envases.

CERTIFICACIÓNS ECO, GARANTÍA DE CALIDADE

A apicultura ecolóxica está en auxe e seguirá crecendo a escala mundial. Un dos retos principais do sector é o proceso de conversión da industria convencional aos sistemas ecolóxicos. Actualmente hai moitos países que fabrican mel ecolóxico certificado. Na Unión Europea as certificacións réxense polo cumprimento de normas ineludibles: colmeas que deben estar situadas en terreos que aseguren que nun radio de 3 quilómetros as fontes de néctar e pole estean constituídas de cultivos eco ou, no seu caso, de vexetación silvestre. Así se garante unha distancia suficiente para evitar a contaminación das colmeas por praguicidas e herbicidas e asegurar a saúde das abellas.

Cabe destacar que no Consello Regulador contamos con 46 operadores que ofrecen este delicioso produto en diferentes variantes: 2 na Coruña; 14 en Lugo; 22 en Ourense e 8 en Pontevedra. 

Información completa en Bio Eco Actual 

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.