Amable Pérez, de EcoMel, tivo a iniciativa de presentar o seu mel ecolóxico, certificado polo Craega, no concurso internacional London Honey, logo de varios anos querendo facelo. O resultado foi moi satisfactorio, xa que conseguiu unha medalla de ouro, premio que se suma a outros que obtivo nestes últimos anos.
Os produtos galegos ecolóxicos continúan triunfando ao redor do mundo, neste caso en Londres. Recentemente, EcoMel obtivo unha medalla de ouro no recoñecido concurso internacional de mel London Honey co seu mel de bosque. EcoMel conta coa certificación do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) dende xa hai varios anos.
Este proxecto ten as súas orixes xa cos avós de Amable Pérez, que tiñan unha explotación de colmeas na casa. Seu irmán, tempo despois, ampliou o número de colmeas e, máis tarde, Amable Pérez colleu as rendas do negocio, sobre o ano 2016; a día de hoxe dispón de 350 colmeas aproximadamente.
Ademais deste premio, nos últimos anos conseguiron varios máis. No 2019 obtiveron o Panal de Ouro de mellor mel escura ecolóxica no concurso hispanoluso de meles ecolóxicas. Nos anos 2020, 2021 e 2022 gañaron o Premio Mel 5 Estrelas da Asociación Galega de Apicultores (AGA) coa mel de bosque. No ano 2023 tamén obtiveron o Premio Mel 5 Estrelas da AGA co mel monofloral de castiñeiro.
“Cando soubemos de que conseguimos unha medalla de ouro no London Honey sentimos unha alegría tremenda. Xa recibimos outros premios doutros concursos, pero este supón un extra ao ser a nivel mundial, xa que o valor que ten é maior”, confesou Amable Pérez.
Pérez tamén nos contou que levaba anos intentando presentarse a este certame, pero nunca o conseguiu por falta de tempo, xa que hai que enviar as mostras con certa antelación. Porén, nesta ocasión, si o fixo e con moi bos resultados.
A cerimonia de entrega de premios celebrarase en Londres o vindeiro 6 de xullo. Amable aínda non sabe se poderá acudir, pero contounos que si lle gustaría.
UN MEL ECOLÓXICO NUNHA ZONA PRIVILEXIADA
Os colmeares de EcoMel atópanse nunha zona totalmente privilexiada, que axuda a que este produto sexa 100 % ecolóxico e libre de contaminacións que noutras zonas si podería sufrir. Así pois, sitúanse no parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés (Ourense), zona que pertence á Reserva da Biosfera.
Deste xeito, ademais de que os colmeares se sitúan nun radio de tres quilómetros libre de contaminación, empregan sempre o mellor material en ceras, cunha cera propia 100 % natural, e prestan moita atención aos coidados e tamén na sala de extracción, para que non se sufran cambios térmicos. A maiores, non estimulan as colmeas cunha alimentación extra.
Finalmente, Amable Pérez contounos que nun futuro queren poder contar tamén coa certificación de Mel de Galicia; aínda que hoxe por hoxe a súa produción é pequena, non o descarta para proximamente.