• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

O mar galego… cada vez máis eco

Nesta nova entrega do noso blog volvemos poñer o foco nos produtos ecolóxicos que proceden do medio mariño, que en Galicia están a medrar con forza nestes últimos anos. Repasamos cales se poden certificar e explicamos as oportunidades que nos ofrece o territorio galego para o desenvolvemento da acuicultura ecolóxica.

 

A acuicultura ecolóxica é un sistema de produción que busca obter alimentos coa máis alta calidade respectando ao medio ambiente e facendo un bo uso dos recursos naturais; elaborando co uso de prácticas e técnicas agronómicas, biolóxicas e mecánicas para evitar a contaminación do medio ambiente e aumentar a fertilidade e a actividade biolóxica do solo; garantindo o máis alto nivel de benestar animal e o respecto dos ciclos biolóxicos dos animais e elaborando produtos orgánicos libres de aditivos e conservantes artificiais.

Na acuicultura, os alimentos orgánicos son algas e animais procedentes da acuicultura interior (auga doce) e mariña (auga salgada). Pódense producir peixes e moluscos, pero a pesca e o marisco de peixes salvaxes non son certificables na produción ecolóxica, xa que non sabemos o que comeron os animais ou se estiveron en zonas contaminadas.

 

Algas

As algas proceden de lugares libres de contaminación. Cada produtor ten que facer un plan de sostibilidade. Na medida do posible, as fontes de enerxía son renovables e a colleita é sostible. Os períodos de conversión van dende os seis meses ata o ciclo de produción.

Peixes

As crías que non proveñen de acuicultura orgánica (a falta de orgánicos) pódense empregar se polo menos dous terzos dos seus ciclos de produción se criasen como orgánicos. Os animais teñen espazo suficiente para o seu benestar. Desenvólvense en auga de calidade, con condicións de temperatura e luz segundo as necesidades e a situación. O fondo do lugar de cultivo de peixes de auga doce simula as condicións naturais.

Moluscos

Todos os operadores deben ter un plan sustentable: os materiais empregados nas puntas (madeira, redes…) unha vez deixados de usar e convertidos en residuos serán xestionados por axentes autorizados. Para o asentamento natural, hai un límite de 100 cordas por punto. Só se permite unha corda por metro cadrado.

A miña cesta da compra eco

  • Algas
  • Mexillóns
  • Berberechos
  • Galletas mariñeiras
  • Conservas
  • Biscoitos
  • Empanadas
  • Outros produtos procesados

 

GALICIA, Á CABEZA DA ACUICULTURA ECOLÓXICA

O territorio galego, coa súa extensa rede de rías, ofrece un entorno privilexiado para o desenvolvemento da acuicultura ecolóxica. As nosas rías proporcionan un ambiente único de augas ricas en nutrientes e con características ideais para o cultivo de especies mariñas. Estas condicións naturais permiten a cría de algas, moluscos etc., nun entorno que se pode xestionar de maneira sustentable, respectando os ciclos naturais e reducindo a necesidade de aditivos e químicos.

A acuicultura ecolóxica en Galicia ten o potencial de aproveitar a biodiversidade local, favorecendo especies autóctonas que se adaptan mellor ao entorno e reducen o impacto ambiental. A demanda crecente de produtos do mar sostibles e de alta calidade engade un valor adicional, permitindo aos produtores galegos acceder a mercados nacionais e internacionais onde se valoran estes artigos.

Así mesmo, o desenvolvemento da acuicultura ecolóxica en Galicia non só reforza a economía local, senón que tamén contribúe á preservación do medio mariño, garantindo a continuidade destes recursos para as futuras xeracións. As rías galegas, pola súa riqueza e singularidade, son un escenario ideal para liderar a produción sostible en Europa.

De feito, Galicia é pioneira en produción de mexillón ecolóxico en Europa. Desde que en 2010 saíron as primeiras 12 toneladas da ría de Arousa, o sector non deixou de medrar. O consumidor valora cada vez máis o ecolóxico, tanto por cuestións de saúde como de respecto ao medio ambiente.

O crecemento do sector foi paulatino e constante desde aquela. Superado o período de conversión obrigatorio que estipula a normativa para as bateas (tres meses), a primeira grande eclosión rexistrouse en 2013. Entón computáronse 66 plataformas flotantes. A súa xestión estaba repartida entre 34 empresarios.

O éxito do primeiro mexillón ecolóxico no mercado, en particular nos circuítos internacionais, seguiu empurrando pouco a pouco a un segmento que hoxe suma 208 bateas.

Este sector facturou en 2023 ao redor de cinco millóns de euros. O 97 % atópase en Arousa e o resto, un pouco máis ao sur, en Cangas do Morrazo. O negocio distribúese entre 42 operadores, o 70 % agrupados baixo o paraugas da Asociación de Mexilloeiros Illa de Arousa.

Máis da metade do bivalvo con selo se destina ao mercado exterior. Alemaña, o Reino Unido e Austria, por esta orde, son os principais importadores. O molusco galego tamén chega ata Dinamarca, os Países Baixos e Italia.

Algas e produtos industriais

Concentrada tamén nas provincias atlánticas, a produción acuícola ecolóxica atopou outro nicho de mercado na recollida sostible de algas. O volume de vendas certificadado o curso pasado acadou os 1,5 millóns de euros, practicamente dúas veces máis que en 2013. As súas propiedades nutritivas e o protagonismo que vai adquirindo na nova cociña están a converter este produto nunha delicatessen moi apreciada, en particular fóra das nosas fronteiras.

Estes dous produtos (algas e mexillóns) son a base doutra actividade que contribúe a incrementar de forma exponencial as vendas. Cun resultado de 6,5 millóns de euros en 2023 as industrias absorben o 69,8 % da facturación acuícola con selo do Craega.

Para rematar, lembramos que as conservas de peixe son o produto estrela. Aínda que con menor peso nas contas, van abríndose paso os preparados alimenticios (salsas, ensaladas envasadas, patés etc.). Neste caso o domicilio social das empresas vai máis alá das provincias atlánticas e aparecen tamén firmas con sede en Lugo e Ourense.

 

FONTES:

La acuicultura ecológica ya tiene su sede en Vilanova de Arousa

Galicia, a comunidade autónoma cos mellores datos en acuicultura ecolóxica

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.