Moitas veces non somos conscientes das vantaxes e dos beneficios que nos proporciona a agricultura ecolóxica. Para iso, debemos saber ben cales son as súas características e comprender o significado de diferentes termos asociados a este tema. Neste artigo enumeramos diversas razóns para consumir produtos ecolóxicos e resolvemos diversas dúbidas que xiran en torno ao mundo eco.
1. Cales son as características da agricultura ecolóxica?
A agricultura ecolóxica, tamén chamada ‘orgánica’ ou ‘biolóxica’, é un sistema de xestión agraria de produción baseado na premisa de obter alimentos de máxima calidade, máis naturais, saudables e nutritivos sen usar produtos químicos de síntese nin organismos modificados xeneticamente.
Por iso, este tipo de produción tende a ter un impacto ambiental mínimo, xa que os produtos foron producidos e elaborados segundo a normativa europea da agricultura ecolóxica, estando controlados en todo o seu proceso, cultivo, elaboración, envasado, comercialización…
Lembra…
♦ Na produción vexetal utilízanse prácticas e técnicas agronómicas, biolóxicas e mecánicas, tanto innovadoras como tradicionais, que evitan a contaminación do ambiente e aumentan a fertilidade e a actividade biolóxica do chan.
♦ Na produción animal, a gandería ecolóxica garante o máximo nivel de benestar animal e o respecto dos ciclos biolóxicos dos animais.
2. Que procura a agricultura ecolóxica?
A agricultura ecolóxica é un método de produción cuxo obxectivo é obter alimentos utilizando substancias e procesos naturais.
Por iso, tende a ter un impacto ambiental limitado, xa que promove:
- O uso responsable da enerxía e os recursos naturais.
- O mantemento da biodiversidade; a conservación dos equilibrios ecolóxicos rexionais.
- A mellora da fertilidade do chan.
- O mantemento da calidade da auga.
Ademais, as normas da agricultura ecolóxica perseguen un alto nivel de benestar animal e esixen dos agricultores que respecten os hábitos de conduta específicos dos animais. Pola súa concepción, a normativa da Unión Europea en materia de agricultura ecolóxica proporciona unha estrutura ben definida para obter produtos ecolóxicos en toda a UE. A meta é satisfacer a demanda de produtos ecolóxicos fiables que emana dos consumidores e garantir, simultaneamente, un mercado equitativo para os produtores, distribuidores e comercializadores.
3. O importante é a saúde… a túa e a do medio ambiente!
A saúde dos consumidores de produtos procedentes da agricultura ecolóxica está asegurada. Non se utilizan productos químicos de síntesis nin sementes transxénicas, con todo o que iso leva.
Pero, ademais, achega numerosos beneficios ao medio ambiente:
- Mantén os hábitats dos animais silvestres, loitando en favor das especies en perigo de extinción e as que están a piques de selo.
- Frea a desertificación ao fertilizar a terra. Fomenta a biodiversidade.
- Pon o seu gran de area para a descontaminación da auga, o aire, o chan, a fauna e a flora.
- Axuda á retención da auga e non é contaminante para os acuíferos.
Seis motivos para consumir agricultura eco
1. Respecta o medio ambiente. Xa cho contamos, pero insistimos! O seu respecto cara ao medio ambiente é o que a fai especial e, polo tanto, unha das súas principais vantaxes.
2. Permite a produción ecolóxica dos alimentos que a sociedade necesita. Nin máis nin menos. Un dos problemas doutros tipos de agricultura é que producen máis alimento do que realmente necesitamos, polo que moitos se terminan refugando.
3. Fomenta unha alimentación máis sa. Consumir produtos ecolóxicos é consumir saúde e benestar. Unha alimentación ecolóxica é moito máis beneficiosa para o noso organismo.
4. Contribúe á saúde do chan. A agricultura ecolóxica respecta os tempos do chan e deixa de producir neles cando requiren un descanso. Ademais, as prácticas de cultivo natural, nas que non se empregan pesticidas nin químicos, favorecen a prosperidade de chans sans.
5. Fomenta o benestar dos animais. Ademais de ser beneficiosa para o ser humano e para o planeta, tamén o é para os animais. O motivo é que permite preservar áreas de hábitat natural e que moitas aves e outros animais decidan quedar a vivir en cultivos ecolóxicos. Isto, á súa vez, axuda coa desaparición das pragas.
6. Xera biodiversidade. A agricultura ecolóxica fomenta que esa biodiversidade sexa elevada, o que aumenta a resistencia dos campos a enfermidades.