O I Congreso da Acuicultura Ecolóxica de Galicia celebrouse o xoves 23 de novembro durante todo o día no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela. O evento xurdiu polo convenio de colaboración entre o Craega, organizador deste encontro, e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia para a promoción e mellora da comercialización dos produtos ecolóxicos do mar galego. Durante esta xornada houbo varias charlas da man de expertos, unha mesa redonda e degustación de alimentos ecolóxicos.
O día comezou coa inauguración e a benvida, con Marta Villaverde, subdirectora xeral de Valorización dos Produtos do Mar da Xunta de Galicia, e con Francisco López, presidente do Consello. Villaverde resaltou que a produción ecolóxica se está introducindo cada vez con máis forza. A continuación, tivo lugar a primeira exposición do día, impartida por Jose Miguel González, xefe da Área de Produción Ecolóxica na Subdirección Xeral de Calidade e Sustentabilidade Alimentaria no MAPA, que falou sobre a situación actual da acuicultura ecolóxica en España. Xusto despois, a xefa da Unidade Operativa de Cultivos Acuícolas no Irta, Alicia Estévez, centrouse durante a súa exposición na regulamentación europea sobre acuicultura ecolóxica.
Logo dunha pausa con degustación de produtos ecolóxicos, continuaron as charlas: “O mexillón, ecoloxía e alimento azul” foi o título da comunicación que deu o relator Uxío Labarta, profesor de investigación “Ad Honorem” no CSIC. Posteriormente, Rosa Chapela, coordinadora da Área de Socioeconomía da Pesca no Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), afondou nos retos e oportunidades de diversificación da acuicultura en Galicia.
Na quenda de tarde, tras outro descanso para xantar no que se seguiron degustando máis alimentos ecolóxicos, celebrouse unha mesa redonda sobre desafíos, acertos e reflexións do sector, na que Luis Iglesia foi o moderador. Participaron nesta actividade Sergio Baamonde, responsable técnico de I+D, calidade e medio ambiente en Algas Atlánticas Algamar; Ramón Fernández, xefe do Servizo de Mercados na Xunta de Galicia, quen xusto antes tamén fixo unha pequena intervención; Juan Carlos Juncal, presidente da Asociación de Produtores Mexilloeiros San Amaro, e Francisco Couso, director rexional do Noroeste de Carrefour.
Logo dunha xornada completa e con resultados moi satisfactorios, o encontro chegou á súa fin coa clausura institucional da man do conselleiro do Mar, Alfonso Villares. O conselleiro concluíu coa importancia que ten o distintivo, como “un paso máis que a sociedade demanda”, e afirmou, a maiores, que contamos co mellor produto de todo Europa.