• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

O Craega reforza a súa presenza internacional en Biofach, feira líder de produtos eco

Stand do Craega na pasada edición de Biofach, feira de referencia internacional de produtos orgánicos

O sector eco galego está a piques de despegar cara Biofach 2020. A celebrar entre o 12 e o 15 de febreiro en Núremberg (Alemaña), o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) contará por vixésima vez con stand propio. Considerada a feira líder mundial de produtos orgánicos, ofrece unha panorámica completa deste segmento, desde produción e certificación ata transformación e comercialización. Dirixido ao público profesional, o programa inclúe seminarios, workshops e conferencias sobre temas de actualidade.

Baixo o paraugas do Craega, viaxan ao país xermano oito empresas: Porto-Muíños, Mieles Anta, Quescrem (Innolact), Jamones González, Conservas Orbe, The Bio Factory, Coraçai e Orballo. Durante catro días, os que se acheguen ao hall 5 (stand 5 – 281) poderán atopar as últimas novidades certificadas en Galicia en variedades como algas, produtos apícolas, queixos, alimentos en conserva, xeados e infusións e especias.

En funcionamento desde 1990, Biofach é a maior feira de produción ecolóxica do mundo. Na edición que arranca a vindeira semana daranse cita preto de 3.500 expositores -repartidos en 12 pavillóns- de arredor de 100 países. O ano pasado achegáronse ao Messezentrum máis de 51.400 profesionais (o 50% de procedencia internacional). Ademais de Alemaña, no top 5 atópanse Italia, Austria, Francia e España.

O congreso que se celebra en paralelo á feira de Núremberg outorga desta vez todo o protagonismo aos efectos positivos da agricultura ecolóxica e aborda un asunto de actualidade: A agua, fundamento da vida en perigo? Este será o eixe de debate de varios eventos nos que se darán cita máis de nove mil persoas.

OUTRAS FEIRAS. A do país xermano inaugura o calendario de feiras do Craega para 2020. Pouco despois, do 28 de febreiro ao 1 de marzo, terá lugar a segunda edición de Biocultura A Coruña. Ao igual que en 2018, o Consello contará cun stand agrupado no que compartirán espazo 21 empresas certificadas.

Organizada pola Asociación Vida Sana e a celebrar en EXPOCoruña, a convocatoria prevé reunir a máis de 200 expositores dedicados á alimentación bio (con máis de 10.000 referencias), cosmética ecolóxica, moda sostible, casa sa, benestar, ecoestilo de vida, turismo responsable, artesanía e diversas ONG. En paralelo, terán lugar máis de 150 actividades. Aberta ao público xeral, a estimación pasa por superar os 13.000 visitantes.

Ao longo de 2020, o Craega ten previsto asistir a outras dúas edicións de Biocultura: Barcelona (7, 8, 9 e 10 de maio) e Madrid (26, 27, 28 e 29 de novembro).

DESCARGAR NOTA DE PRENSA 

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.