O Craega estará de novo en Xantar 2019, a feira internacional de turismo gastronómico que se celebra en Expourense do 6 ao 10 de febreiro. O viño será desta vez o protagonista da sesión dirixida por Javier García Lozano, secretario do Consello. Prevista para o mércores 6 (12.15 h., Aula Medio Rural), de impartir a degustación ocuparase o chef monfortino Martín Mantilla. Haberá caldos ecolóxicos da D.O. Rías Baixas (Acio de ouro nas Catas de Galicia 2018) e da D.O. Ribeiro.
No programa da xornada de apertura, tamén se inclúen outras actividades promovidas pola Consellería de Medio Rural. Sonia Otero, membro do panel de cata das Augardentes de Galicia, conducirá unha degustación (12 h., Aula de Cata) do produto premiado nas Catas de Galicia 2018.
A quenda do mel chega pola tarde. Manuel Garea, membro do panel de cata dos Meles de Galicia, explicará as características do mel recoñecido na Cata de Galicia 2018 (19 h., Aula de Cata). Para pechar a sesión, haberá outra degustación dos viños tintos galardoados cos Acios de ouro en 2018. Impartida pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) terá lugar na Aula de Cata (20 h.).
Baixo o paraugas de Medio Rural, haberá outras actividades espalladas en diferentes días de Xantar 2019. Queixos, meles, viños, augardentes e licores serán os ingredientes estrela de varias degustacións ata o sábado 9.
A feira Xantar celebra este ano a súa vixésima edición. De periodicidade anual, conta coa cooperación de diferentes administracións públicas e empresas privadas. O seu obxectivo é poñer en valor os produtos agroalimentarios a través de representantes do sector e de chefs de renome.